Xoán Doldán: «Debemos concienciar sobre o Teito do petróleo pero tamén facer propostas para o superarmos cun mundo mellor»

Xoán Doldán reflexiona sobre a misión das organizacións como Véspera de Nada e valora as opcións que existen entre unha misión divulgadora sobre a existencia e consecuencias do Teito do petróleo e unha misión máis propositiva que axude a construír o mundo post-petróleo que xa está a nacer:

Hai que traballar en varios frentes á vez. Por moi urxente que sexa a situación, considero que a xente necesita explicacións sobre o que está pasando ou vai pasar, e se sabemos facelo cada vez será máis fácil que se convenzan porque irán atopando máis e máis síntomas que lle axuden a comprendelo. As persoas somos así de complicadas e sumarnos a iniciativas e acreditar en solucións a problemas que non comprendemos, tendemos a rexeitalo.

A tentación, neste caso, pode ser dicir que xa caerán da burra e xa virán detrás nosa a dicirnos que facer. Eu non o creo, agás excepcións, ou porque previamente alguén lle explicou o problema, aínda que, nun primeiro momento, ficaran escépticos. O que pode acontecer é que basculen cara as solucións máxicas de hábiles prestidixitadores ou solucións pseudocientíficas de experimentados axentes comerciais duchos en mercadotecnia. O malo disto non é que tarden máis en aceptar o Teito e finalmente sufran máis o seu impacto, senón que axudarán a retardar unha saída colectiva. Unha saída caótica afectará a todas as persoas, teñan iniciado a súa transición ou non, teñan transitado xa ou non. A famosa resiliencia para ser verdadeiramente efectiva debe selo como acontece en calquera ecosistema, non porque o sexan certos individuos senón basicamente pola fortaleza das relacións que entre eles se establezan. E para construír esas redes resilientes debe haber individuos que se sumen nesa transformación, nese camiño.

Así que, penso, que teremos que repicar e andar na procesión a un tempo, concienciar e propoñer segundo toque e, claro está, dentro nas limitadas posibilidades, eis tamén unha razón para concienciar e que outros se sumen.

Por descontando, elaborar e propoñer propostas será cada vez máis demandado e deberemos estar preparados para iso.

Neste senso, acho que compre unha mensaxe positiva pero se consideramos que o que debería xurdir (o que xurdirá e outra cousa) podería ser un mundo mellor e que se acomode aos tempos e ritmos da natureza, máis democrático etc etc, a saída non tería que ser un agravamento do que temos, senón unha mellora, non máis parados xa que fará falla moito traballo (sobre todo nos primeiros momentos do tránsito), non menos oportunidades senón oportunidades novas… iso si, a costa de prescindir do que de seu é prescindíbel. Claro está isto non será chiscar os dedos e xa está, require esforzos, non hai maxia, nin solucións caídas do ceo, pero si hai solución. E esa solución require de esforzos colectivos, canto máis haxa nese camiño, máis doado será que outras persoas se sumen. Se o esforzo se ofrece como individual máis difícil será que a xente o vexa como unha solución.

Estamos aquí: pico ou teito do petróleoPermitídeme un exemplo gráfico: chegamos subindo ao alto desa montaña e chegamos ao pico, aí estamos, diante de nos o precipicio, non se pode seguir subindo, malia o gozo da experiencia. A subida, detrás nosa, é outro precipicio aínda peor. E aí enriba estamos acompañados. Algúns sabemos que toca baixar, que non podemos permanecer aí por moito máis tempo, tampouco hai opción a seguir baixando, e dicímosllo aos demais “temos que baixar” “cada un de nós ten que baixar”. Parte do equipo perdeuse na subida, ou estragouse, apenas temos cada un partes do que sería necesario para baixar individualmente. Algúns interpretan que a nosa mensaxe é que “tendes que baixar, non hai máis remedio, é perigoso, non sabemos ao que nos enfrontamos, telo complicado, e non deberías facerte a ilusión de ficar aquí enriba, acabarás por morrer de inanición”. Foto obtida de TravelPodCon esa interpretación semella que non hai maís saída que tirarse polo precipicio ou agardar a que suceda o que teña que suceder, seguir comendo mentres haxa comida e logo xa veremos. Os que interpretan así a mensaxe deciden non correr o risco de baixar, hai poucas oportunidades de que nesas condicións, cada un deles sexa capaz de afrontar o esforzo… aínda que finalmente morran en pouco tempo. Outros deciden baixar, un, logo outro, segundo se decatan de que a única salvación posíbel está embaixo, malia que a baixada non é doada e hai moitos perigos. Finalmente outro grupo decide colaborar e baixar xuntos, compartindo equipo e alimentos, tamén o teñen difícil pero cubren carencias mútuas entre todos. Con moitos problemas, case todo o grupo sobrevive e descubre que, despois de todo, alí embaixo non se está tan mal. Poderían ter sobrevivido todos ou case todos, poderían ter sufrido moitos menos na baixada, ou haber menos víctimas no camiño se esa axuda mutua se dese entre o conxunto das persoas que alí estaban.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *