Breve argumentario sobre o Teito do petróleo, elaborado por Xoán Doldán:
Co teito vai pasar como con Deus, máis a inversa.
Podemos afirmar a existencia de Deus coa ciencia?. Algúns pensan que si, mais un Deus sometido a leis xa non é omnipotente, é dicer pasa a ser un Deus limitado e finito, un Deus que non é sobrenatural se pode ser explicado desde a natureza. Ese Deus en pantufas, descafeinado, non merecería tanta atención como se lle ten dedicado. Por iso a demostración, se queremos manter a esencia divina, debe ser teolóxica como merece un ser sobrenatural.
Podemos afirmar a infinitude do petróleo desde a ciencia?. Vai ser que non. Esta dinos que o petróleo é limitado e a posibilidade de dispoñer del dependerá de diversos factores (podemos discutir que factores) pero nunca estes poden librarnos da evidencia de que chegará un momento (podemos discutir cando) en que a nosa capacidade (a que sexa) para seguir extraendo petróleo chegue a un límite (discutámolo) a partir do que calquer esforzo adicional non levará como resultado unha maior extracción senón un progresivo declinio (podemos discutir a rapidez e o grao desde declinio). No entanto podemos negar todo isto, pasar por riba do que pode ser debatido, e formular unha fé cega en que un acotecemento sobrevenido (divino??) provocado por non sei quen (Deus?) resolverá os problemas. E tratándose a base desa negación na fe e non en parámetros científicos, circulamos polo ámbito da metafísica cando non da teoloxía.
Asi que, cientificamente falando:
- O teito do petróleo é inevitábel.
- Cando se vai dar? Xa, no 2012, 2015, 2017, 2021 … Toca seguir estudando os datos, ver que nos din, formular hipóteses, intentar contrastalas… Ao mellor temos un pouco de tempo para reaccionar, pode ser…ou non.
- Podemos ampliar a oferta de carburantes? Si. É posíbel obter carburantes líquidos do carbón, xa se fixo, procurar outro tipo de sínteses…pero non de forma ilimitada, non de forma rápida, non de forma que faga desaparecer o problema do teito do petróleo (ou de outros recursos enerxéticos non renovábeis).
E cando suceda o teito haberá unha caída rápida na oferta?
Non necesariamente, dependerá da rapidez con que se actúe, a radicalidade con que se actúe, a gravidade da crise e a paralización da actividade que haxa. Ante unha caída rápida e/ou drástica da demanda podería non caer a oferta con tanta celeridad, máis se esta situación se prolonga no tempo podería darse unha caída brusca no futuro por falta de investimentos para poñer en explotación os novos xacementos que se coñecen ou que se poderían descubrir. Se a demanda se mantén nun nivel alto a caída pode ser máis rápida ao principio por unha acelaración no proceso de esgotamento.
O post-teito suporá unha catástrofe?
Non necesariamente. Si un cambio radical con respecto ao que temos coñecido nos últimos decenios. A forma en como se resolva ese tránsito será o que determine unha situación catastrófica ou a oportunidade dun mundo máis igualitario e máis acorde cos ritmos da natureza. A urxencia no cambio e a negación son dous factores que contribúen a unha saída catastrófica.
Máis de Xoán Doldán sobre a cuestión: O escepticismo e a incredulidade diante do teito do petróleo
2 reflexións sobre “Xoán Doldán: ‘Quen nega o Teito do petróleo baséase na fe, non na ciencia’”