Aínda 49 anos de petróleo?! …Vai ser que non

Xoán Doldán desmonta a noticia que hoxe trasmitía o web BolsaClick co título Al petróleo le quedan 49 años de vida, según HSBC e que facía eco dunha previsión da economista Karen Ward publicada por CNBC:

Confirmado: Karen Ward, economista de HSBC, debeu ler e entendeu a BP Statistical Review of World Energy aínda que nesa publicación non se fala de 49 anos senón de 45,7, pero para o caso eche o mesmo. Mesmo porque o cálculo dos anos se fai divindo reservas totais entre produción actual, ou o que é o mesmo, de seguir extraendo a mesma cantidade teríamos para ese número de anos.

O que non teño tan claro é que lera as notas a rodapé, onde dí:

As reservas probadas de petróleo son aquelas cantidades que a información xeológica e de enxeñaría indica “con certeza razonábel” pode extraerse no futuro de xacementos coñecidos baixo as condiciones económicas e operativas. E inclúen o gas condensado e gas natural licuado, así como o petróleo cru.

Mais supoñamos que a certeza razonábel for absoluta e que o que non é cru o fose, estaría a admitirse un teito do petróleo (peculiar, iso si): 49 anos de petróleo como hoxe e no ano 50, 0 toneladas de petróleo, daquela sí que teríamos unha caída vertixinosa. 49 anos de estancamento e logo, de súpeto, o fin do petróleo.

Mesmo fagamos outro suposto. Supoñamos que todas esas reservas por 49 anos son en xacementos de nova explotación. De acordo co comportamento documentado polos xeólogos e enxeñeiros, cada un deles seguiría un comportamento tal que no primeiro ano se extraería menos cantidade e iría crecendo até aproximadamente a metade do que hai baixo terra (25 anos?) e logo comezaría o declinio inevitábel a todo xacemento. Así que 49 anos de consumo constante son imposíbeis.

Mais como moitos deses xacementos son “coñecidos” e moitos deles xa en uso, inevitabelmente máis da metade deses anos serán de declinio (30-40 anos quizais?) polo que ficarían moito menos de 25 anos (5-10?) para seguir con un consumo constante.

E de onde tira os datos BP para a súa estatística: dos datos subministrados por países produtores, dos que da a OPEP, de estimacións varias en base a, p.e., “información de dominio público”… Porén, e se algún deses países ou organizacións ten inflado os datos?, e se as reservas reais (non declaradas) son menores?.

Quizás o máis interesante da noticia é o recoñecemento implícito (mesmo explícito, dun modo sui generis) do teito do petróleo, do estancamento (cando non recesión) que se presenta cara o futuro e, sobre todo, esa afirmación de que Europa será “o gran perdedor” e que “podería desaparecer do top da clasificación económica mundial”, o que lle faría “perder a súa influencia no mundo”. E isto está a dicilo, por boca dunha das súas economistas xefes, unha das organizaciones de servizos bancarios e financeiros máis grandes do mundo!.

Axudaría isto a explicar esta saída tan á desesperada que manifestan varios países europeos á hora de decantarse por unha agresión aberta e sen cuartel a Libia, a intervención sobre os activos das empresas petrolíferas libias e o intento de construír unha alternativa de goberno sobre aquela parte do territorio con reservas petrolíferas?.

Non podo senón lembrar o dito por François Chesnais e Theotonio dos Santos en Compostela hai algo menos dun ano, semella que tiñan razón

One thought on “Aínda 49 anos de petróleo?! …Vai ser que non