A Directora europea de Transportes advirte de que a UE está a cometer un «erro fatal» ao non reducir a súa dependencia do petróleo

(Traducido de urxencia por Xoán R. Doldán, do orixinal en francés publicado no blog de Le Monde, Oil Man – Croniques du début de la fin du pétrole)

“Erro fatal” da Unión Europea.

Marjeta JagerA directora da Política Xeral de Transportes da Comisión Europea advertiu que Europa comete un «erro fatal» tardando en reducir a súa dependencia do petróleo.

Marjeta Jager declarou, no decurso dunha conferencia sobre o ‘teito do petróleo’ organizada o 3 de maio polo grupo ecoloxista no Parlamento Europeo en Bruxelas: «Se tardamos en reaccionar, no futuro non moi afastado, poderemos vernos forzados a reducir drasticamente a nosa mobilidade, e importar solucións tecnolóxicas doutras rexións do mundo.»

Esta declaración indica máis que unha ruptura co contido do libro branco do transporte publicado en febreiro pola Comisión de Bruxelas, segundo o cal non é posíbel reducir a mobilidade dos europeos, sinala un despacho de EurActiv [V.F.] que informa da conferencia.

O responsábel do carbón e do petróleo na Dirección Xeral da Enerxía da Comisión Europea, Jan Panek, recoñeceu a existencia de « incertezas » concernentes ás « cifras sobre as reservas » e a « dispoñibilidade » futura de petróleo.

O Sr. Panek non quixo dicir até que punto a Unión Europea ten confianza nos datos oficiais fornecidos polos países do Golfo Pérsico, e, en particular, pola Arabia Saudita, na elaboración dos seus modelos prospectivos e os seus plans de urxencia. Preguntámonos que podería xustificar tal rexeitamento…

Referíndose a eventuais escasezas de petróleo, o Sr. Panek conformouse con advertir: « Non tivemos moitas no pasado, mais poderemos coñecer máis no futuro. »

En novembro, o comisario europeo da enerxía, Guenther Oettinger, declarara: « A cantidade global de petróleo dispoñíbel, acho, ten pasado o seu pico máximo. » Foi após a publicación dun informe da Axencia Internacional da Enerxía segundo o cal a produción mundial de petróleo convencional alcanzara o seu « teito histórico » en 2006, e non aumentaría « nunca ».

A Unión Europea comprometeuse a reducir o 20 % das súas emisións de gases de efecto invernadoiro para 2020, en comparación ao nivel establecido en 1990 (emisións debidas principalmente ao consumo de enerxías fósiles, e sobre todo ao petróleo).

Consumo de petróleo en miles de barrís por día (fonte: BP)

1990 2000 2009
UE (*)13925 14692 14143
Francia 1910 2007 1823
Alemaña 2708 2763 2422

(*) excluída Eslovenia

En 2009, o consumo de petróleo da Unión Europea era superior nun 1,5 % ao seu nivel de 1990. Alemáns e franceses foron os bos alumnos, xa que os seus consumos anuais tiveron unha baixada en relación a 1990. Fica lonxe de ser unha diminución do 20 %. Porén, Francia e Alemaña son os maiores consumidores de petróleo na UE.

É improbábel que Europa chegue a ter unha redución considerábel da súa dependencia do petróleo, mentres que os vehículos de gasolina e gasóleo siga na ser o modo de transporte claramente dominante.

En Francia, as primas e os bonos ecolóxicos, medidas estrela do ‘Grenelle de l’environnement’ (1) levaron a unha reactivación record das vendas de automóbiles.

[Nos Estados Unidos, nun rexistro relacionado, un editorial do New York Times critica a ofensiva liderada por numerosos parlamentarios republicanos e demócratas a favor dun impulso ás extraccións off shore de petróleo. Mesmo cando estas extraccións se triplicasen non paliarían o impacto, nin sobre os prezos da gasolina, nin sobre a dependencia das importacións de cru, destaca o xornal.]

(1) Nota do trad.: A expresión « Grenelle de l’environnement » é utilizada para se referir ao lugar dos encontros de traballo entre representantes do Estado francés, colectivos locais e ONG ecoloxistas en outubro de 2007, onde se procuraba definir unha estratexia política para o ambiente.

2 reflexións sobre “A Directora europea de Transportes advirte de que a UE está a cometer un «erro fatal» ao non reducir a súa dependencia do petróleo