A Axencia Internacional da Enerxía bota unha xerra de auga fría ás expectativas sobre o coche eléctrico

(Unha breve análise de Xoán R. Doldán coa que continuamos a reflexión sobre as cuestións da sostibilidade do modelo de transporte e mobilidade actual dependente do petróleo.)

Coche eléctrico, nua rúa do Reino UnidoA Axencia Internacional da Enerxía analiza o futuro desenvolvemento dos vehículos eléctricos e recoñece o limitado impacto sobre a demanda global de petróleo nos próximos anos. O titular da noticia é:

“Os vehículos eléctricos: son unha moda pasaxeira ou viñeron para ficar?”

Mesmo cando o ton é, en xeral, positivo, compre parármonos nalgunhas afirmacións que indican algunhas limitacións desta proposta vendida como solución ao teito do petróleo e, sobre todo, á mudanza climática:

“Se a electricidade continua a ser xerada por carbón en varios países, entón si – iso non axudaría os esforzos para conter a mudanza climática.”

Tamén se salienta o ritmo lento na extensión deste tipo de vehículos, mesmo cando se prognostica unha importante redución no seu prezo e o aumento da axudas públicas:

“No entanto, mesmo se houber vendas agresivas de vehículos eléctricos nos próximos anos, eles serán apenas 2% do conxunto mundial de automóbiles en 2020.”

Para non perder o ton positivo esta demora no cambio do parque automobilístico é interpretado como unha oportunidade para facer con máis tempo a necesaria descarbonización dos sectores de enerxía para cumprir coas metas de emisións de CO2. Porén, recoñecen, ese retraso non debería estenderse demasiado;

“Certamente, en 2030, cando até o 15% dos autos en moitos países, poden ser eléctricos, será moito importante dispor dunha xeración de enerxía de baixo carbono naqueles países con altas taxas de escolla de vehículos eléctricos.”

De cumprirse estas expectativas, a redución da demanda de petróleo non semella ser moi significativa, de consideramos que:

“Esta porcentaxe de vehículos tamén significa reducir a demanda de petróleo dos vehículos lixeiros un 10-15% en 2030, con un impacto global na redución da demanda de petróleo en todo o mundo de até un 5% en 2030, aumentando até un 20% en 2050.”

O esforzo a realizar para o cambio dun sistema de transporte baseado no uso masivo de automóbiles que funcionan con petróleo a outro que mude estes automóbiles por outros movidos con electricidade é inmenso e as consecuencias non están debidamente calculadas:

  • impacto ambiental derivado da construción destes novos vehículos (tanto en materiais que haberá que mobilizar, a enerxía necesaria para a súa fabricación e os residuos que provocará esa fabricación)
  • impacto ambiental polo tratamento dos residuos dos que se retiran da circulación
  • dificultades técnicas e económicas da ampliación das instalacións de xeración de electricidade, e as redes de distribución e transporte da mesma para atender a nova demanda
  • construción da infraestrutura necesaria para a recarga das baterías que, como recoñece a AIE, supón “unha cantidade substancial de investimento (…) e non é claro quen vai pagar por iso, apesar de que moitos gobernos nacionais e locais xa están a proporcionar un forte apoio a ese respecto”

Esforzo que non se corresponde co limitado efecto sobre a demanda de petróleo e a dubidosa redución do impacto sobre o clima, caso de non dispor dun sector eléctrico descarbonizado. As mesmas forzas utilizadas para unha mudanza real do sistema de transporte actual cara un onde for prioritario o transporte colectivo e a relocalización da produción e o consumo, alcanzaría uns resultados, sen dúbida mellores, na redución da demanda de petróleo e das emisións atmosféricas, mais non semella ser o camiño que a AIE e a OCDE están a deseñar.

5 reflexións sobre “A Axencia Internacional da Enerxía bota unha xerra de auga fría ás expectativas sobre o coche eléctrico