Sabemos que son moitas as cuestións que inflúen nun resultado electoral, e nas mudanzas que houbo nos diversos concellos galegos nas eleccións do 22 de maio, pero queremos deixar constancia dalgo cando menos curioso:
- A candidatura do BNG encabezada polo irmandiño Martiño Noriega, primeiro alcalde en todo o Estado Español en recoñecer o problema do Teito e aprobar unha resolución para adoptar medidas en relación a el, mellorou resultados e obtivo maioría absoluta.
- César Santiso, de EU-IU, cun programa de goberno municipal que incluía importantes medidas para afrontar o Teito do petróleo na cidade da Coruña, logrou que a súa formación entrase cun concelleiro no pleno, e rozaron o segundo.
- Carlos Fernández, alcalde de Ames do PSOE, non quixo abordar o problema malia térmosllo explicado desde a nosa asociación. Os resultados do 22 de maio supuxeron a súa perda da alcaldía, que agora queda en mans do PP.
- Manuela García Freire, alcaldesa de Vilasantar, tampouco considerou interesante tratar a cuestión do Teito e preparar o seu concello para os seus efectos. O 22 de maio perdeu a alcaldía e agora gobernará o PP tamén neste concello.
Casualidade? Cando menos dá que pensar.
A nosa asociación seguirá a teimar cos gobernos municipais de todas as cores políticas para que aborden o urxente tema do Teito do petróleo e preparen aos seus veciños. Co concello de Teo tentaremos crear un referente que poida ser modelo para novos concellos que queiran asumir a responsabilidade de comezar unha transición cara unha Galiza sen petróleo, que tarde ou cedo nos imos ver obrigados a facer.

Eu acho que, dado o número total de casos é un pouco apurado establecer unha relación causa-efecto entre a asunción de medidas nos seus programas ou o recoñecemento do teito do petróleo e unha mellora dos resultados electorais, mesmo que exista unha relación causa-efecto en sentido contrario. Sobre todo porque, por desgraza, non está tan estendido o coñecemento do problema como nos gustaría e non existe a demanda social que nós defendemos e que debería ser urxente.
Dito isto, acho que é destacábel que, en calquera caso, recoñecer a existencia do teito do petróleo e asumir que é necesario actuar con urxencia para paliar todos os problemas aos que nos enfrontará esta situación crítica non é motivo dun castigo electoral, nin de desconfianza polo electorado, mesmo unha parte concienciada dese electorado semella que valora positivamente este compromiso.
Para tomar nota aqueles que achan que só se poden vender motos e pór a cenoura do crecemento inconsciente para asegurarse os votos. Boa parte das persoas están a buscar outras mensaxes e fuxen do discurso valeiro dominante.
Home, se cadra algo que si ten que influir nos resultados, sobre todo tendo en conta que nos concellos pequenos como Vilasantar se deciden alcaldes por unha presada de votos.
Ao final todos os partidos van ter que incluir este tipo de medidas, non sei se con grandes diferenzas entre eles ou non, nas súas políticas municipais.
Pero por de agora si que pode supoñer un factor diferencial que leve aos cidadáns máis conscientes a decantarse por unha ou outra opción, xa que son poucos os candidatos e partidos que tan sequera falan do tema.
En calquera caso, o traballo que facedes desde Véspera de Nada está a resultar imprescindible.
Si, Xoán, é evidente que non é estatisticamente significativo pero como ti dis apunta cousas interesantes.
Sobre todo que o éxito de Martiño Noriega e da súa equipa coincida co único concello en asumir o problema e poñer en marcha un plan para abordalo, é algo do que deberían tomar nota todos os demais alcaldes e alcaldesas do país.
A ver se nestes 4 anos que temos por diante, cando se vaian concretando esas medidas, a resposta de cidadanía segue a demostrar que as apoian e recoñecen. Tamén na nosa man está facer o posible para que sexan acertadas e contribuír a que se vexa como algo non soamente “do BNG” senón asumible por todos.
…E grazas polas túas palabras, Camba. É un novo estímulo para nós o éxito de Noriega e o avance de EU na Coruña, para continuarmos e ampliarmos ese imprescindible labor do que falas.