O Movemento 15M e o Cénit do petróleo

(Un artigo de Begoña de Bernardo)

Que esta crise é máis profunda do que parecía e que se está alongando máis do que podía preverse é xa evidente. A medida que as cousas foron empeorando ao longo de varios anos fomos descubrindo as verdadeiras causas desta crise que como di Antonio Turiel non acabará nunca. Porque as verdadeiras causas da crise van máis aló do sistema financeiro ou da crise inmobiliaria ou das hipotecas lixo. E teñen que ver coa cada vez menor dispoñibilidade por parte do sistema económico de fontes de enerxía baratas como as que representaron o carbón e o petróleo. Porque os cartos, unha vez abandonado o patrón ouro, se non chegan invéntanse, non é máis que papel, respaldado por algo ben pouco consistente, esa entelequia chamada débeda. Pero a enerxia non se inventa, hai a que hai, e cada vez está menos dispoñible. Da mesma maneira que outras materias primas, coma o cobre.

Neste contexto de crise profunda e prolongada é onde asistimos ao nacemento da protesta dos indignados, que fartos de milongas queren as cousas claras e teñen o seu precedente nos levantamentos de Exipto, Marrocos etc. Só que aquí de momento a xente ten casa á que voltar das acampadas, e qué comer.

Pero hai dende o meu punto de vista algo novedoso e moi interesante neste movemento. En primeiro lugar é heteroxéneo, hai xente moi nova pero tamén vellos rockeiros, parados, universitarios, e en segundo lugar a continuidade da protesta, as ganas de saber, informarse e informar e a vontade de seguir adiante reivindicando cambios con firmeza. Nun primeiro momento a sensación era a de que se pedía volver ás condicións de vida de antes da crise pero coido que a medida que o movemento foi avanzando e investigando nas causas da mesma cada vez toma máis consciencia da situación real.

Paréceme que as Asembleas poden ser verdadeiramente o lugar idóneo para sementar a inquedanza polo cénit do petróleo, para expoñer a realidade, artellar conferencias, pois estamos ante unha parte da sociedade inconformista que se moviliza en busca de respostas e solucións. Poderían ser tamén o lugar apropiado para iniciar experiencias de transición.

A miña curta experiencia na Asemblea de As Mariñas (Betanzos) foi moi positiva neste senso. O día 25 de xuño convocávase a primeira asemblea. Eramos unhas 80 persoas, e non só de Betanzos senón de toda a Comarca, Oleiros, Miño; Paderne… o que foi sorperdente para empezar. Había xente moi participativa e saíron moitas ideas. Cando saquei o tema do cénit sorperdeume tamén que houbese varias persoas informadas sobre o tema e moitas máis interesadas. Até tal punto que a día de hoxe e despois de duas asembleas máis hai perfiladas unha serie de conferencias das que a primeira é sobre o peak oil, á que se pensa convidar precisamente a alguén de Véspera de Nada. A continuación hai prevista unha conferencia sobre Cambio Climático, outra sobre Decrecemento, e duas máis centradas na organización e o sistema político vixente.

As asembleas comarcais coma esta constituen un potencial enorme de cara a fortalecer a nosa resilencia fronte ao cambio que se aveciña, porque permiten recuperar formas de vida moito menos voraces coa enerxía e os recursos e que non nos quedan tan lonxe no tempo. Fai 30 anos, cando eu era pequena, na miña casa vivíamos da agricultura e do taxi de meu pai (un taxi do medio rural). Na casa había 4 vacas, un porco ou dous, galiñas. Non había tractor, as terras cultivávanse cun mulo. Os electrodomésticos que había na casa eran a nevera e máis tarde o televisor. Tampouco había contedores de lixo, simplemente porque non facían falla. Non había resíduos. Case todo se producía e se reutilizaba na explotación agrícola tradicional, como alimento para o gando, as persoas, ou a terra, ese sí era un sistema cradle to cradle, do berce ao berce, onde os resíduos eran alimento para o ecosistema. Vendíase leite para a industria e un pequeno excedente de patacas, fabas, cando o había. O intercambio comercial facíase fundamentalmente en Betanzos, na sua feira. A enerxia básica para cociñar, quentar a auga e a casa era a leña, e en moita menor medida o butano para cociñar no verán. Non recordo que a miña nenez fose especialmente dura ou infeliz, para nada.

Se había que parar de traballar un día ou dous para ir de festa parábase, o tempo iba máis amodo. Era un xeito de vivir distinto na miña opinión, nin mellor nin peor que o de agora, non se pode voltar atrás, pero sí aprender e aproveitar o útil e positivo xunto cos avances tecnolóxicos postos ao servizo das persoas, que nos permitar millorar sempre as condicións de vida. O mellor desto, é que temos a sorte de que aínda nos acordamos, porque fai relativamente pouco tempo. Esas son as nosas fortalezas fundamentais para a transición dende o meu punto de vista: a nosa organización territorial e da poboación e o mantemento de estructuras coma feiras e mercados, o noso atraso agrario e a pervivencia de formas de cultivo tradiconais, que necesitan moi poucos insumos externos e polo tanto pouca enerxía para funcionar, e a memoria viva de cómo se facían as cousas antes da cultura do petróleo a mansalva e o usar e tirar como relixión, o saber facer.

Cando eu principiaba os meus estudos de Agronomía, aló polo ano 1986 a sociedade galega tiña un carácter preponderantemente rural, con 431.900 ocupados no sector primario (agricultura e pesca), que representaban o 41% da ocupación total. Vinte anos despois eran 121.000 representando o 10,7% da ocupación total (8,1% os estrictamente agrarios) (fonte: Camilo Nogueira) e vinte cinco anos despois eran 83.700 representando o 7,7% da ocupación total —5,98% os estritamente agrarios— (fonte: INE, EPA 1º trimestre 2011):

Ano Ocupados no sector primario % da ocupación total
1986 431.900 41%
2006 121.000 10,7%
2011 83.700 7,7%

Evolución da poboación ocupada na agricultura e na pesca na Galiza

Polo camiño desapareceron centos de pequenas explotacións coma a de meus pais que daban de comer a unha familia. Esta rápida transformación do noso tecido productivo vendeusenos como necesaria e moderna, pero temos a sorte de que sucedeu fai apenas 30 anos, porque agora revélasenos como sustentable e autosuficiente, xusto o que precisamos para facer a Transición.

6 reflexións sobre “O Movemento 15M e o Cénit do petróleo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.