Ex-primeiro ministro francés Michel Rocard: «A oferta de petróleo diminuirá rapidamente e vai ser terríbel»

Michel Rocard: «Estamos a pasar o teito do petróleo». Así titulaba o blog de Le Monde especializado na cuestión do petróleo un post publicado a pasada semana.

Neste blog dábase conta das declaracións de quen fora primeiro ministro francés con Mitterand á emisora de radio pública France Inter o pasado 7 de novembro:

“Estamos chegando a todo correr a un período onde a oferta de petróleo diminuirá rapidamente. E, polo tanto, a unha economía en recesión, vai ser terríbel. (…) É preciso que ampliemos o tempo dunha estabilización, antes de entrar nunha grande recesión mundial. A enerxía nuclear é a ferramenta para facelo. Para o petróleo, manterémonos no mesmo nivel de produción quizás por menos dunha década, sabémolo; pero é o sangue actual da nosa economía”.

(Tradución de emerxencia de Xoán Doldán.)

Michel Rocard na entrevista

Aínda que non compartimos en absoluto a súa aposta absurda e perigosa pola enerxía nuclear, é rechamante que un político de prestixio fale tan claro sobre a situación á que leva o Teito do petróleo ás nosas economías. Fainos ver ademais que non só hai que explicar que existe un gravísimo problema co petróleo, senón que hai que advertir contra as falsas solucións que pretendan continuar cun imposible sistema económico baseado no crecemento perpetuo do consumo de enerxía e materiais para unha produción e consumo sempre crecentes de mercadorías e servizos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.