Coñeciamos esta semana por medio do web CrisisEnergetica.org a noticia de que o goberno español en funcións estaba a acelerar a reforma da lexislación sobre autoconsumo eléctrico, é dicir a lei que regula a actividade das familias que producen a súa propia enerxía eléctrica pero que aínda así están conectados á rede eléctrica xeral. Xoán Doldán explícanos o alcance e significado desta nova:
A noticia é moi interesante. Até o de agora este tema estaba ou non regulado ou regulado só parcialmente. De facto nas instalacións fotovoltaicas había a posibilidade de verter á rede toda a electricidade xerada e despois consumir da rede a electricidade que se precisase. Ao ser a solar fotovoltaica unha enerxía primada iso significaba que o prezo da electricidade xerada á rede era superior á tomada da rede polo que, mesmo cando o saldo fora en termos físicos 0, a diferenza de prezos permitía sufragar parte dos custes da instalación ao resultar dese balance un ingreso en renda. No caso de que o saldo for negativo, consumo maior do producido, a diferenza de prezos podía reducir os gastos de consumo eléctrico doméstico.
Esta situación mudou cando por mor da chamada burbulla fotovoltaica e por mor da desidia das administracións, unha norma pensada para pequenas instalacións permitiu construír grandes parques fotovoltaicos, promovidos por empresas de instalacións solares e entidades financeiras, nos que, en ocasións, aparecían formalmente como accionistas (baixo a forma de propietarios dunha das instalacións dos parques, por exemplo) persoas individuais. Isto permitía que, movéndose no límite da lei, esas grandes instalacións foran consideradas como un conxunto de pequenas instalacións, beneficiándose de axudas (subvencións para a instalación) e primas (subvencións nos prezos de venta da electricidade). A proliferación desta práctica fixo que rapidamente se superara amplamente o obxectivo de instalacións fotovoltaicas e o orzamento reservado para o pagamento das primas, o que levou a frear en seco a posibilidade de máis instalacións fotovoltaicas.
A idea inicial, no ámbito doméstico, en casas illadas, comunidades de veciños, ou pequenas empresas, facía que, sen necesidade de investimentos por parte das empresas enerxéticas, estas puideran distribuír a electricidade xerada e que ía directamente ás redes de baixa tensión (é dicir polas que chega a electricidade á maior parte da poboación), reforzando a capacidade de distribución e ocos nos momentos de máis alta demanda (non hai que esquecer que ao ser solar, a electricidade é xerada polo día e, en maior medida, en épocas de maior insolación, onde se dan picos de demanda). Para os particulares isto tiña a virtude de non ter que facer investimentos adicionais en mecanismos de acumulación, caros e con dificultades de almacenamento, á vez que resultaba unha dobre axuda para amortizar a instalación produtora.
Co fin de axudas e primas, resultaba demasiado oneroso para moitas familias seguir pensando en instalacións fotovoltaicas. Agora, polo que parece con esta medida, non se volve á situación anterior senón que se busca outra fórmula que non sobrecargue nin o orzamento público nin o chamado déficit tarifario (sic). Con todo é unha mellora substancial respecto da situación actual xa que permite que os excedentes de electricidade (a diferenza positiva entre o que se poida producir e o que se consuma da rede) poidan servir para reducir os gastos en electricidade cando non existan eses excedentes.
Esquematicamente o que sucedería para unha familia con unha nova instalacións fotovoltaica (ao que agora se engade a coxeración ou as minieólica, totalmente desregulada até agora) sería algo así como,
- Cando se produza (e entregue á rede) máis electricidade da que se demanda da rede: a electricidade consumida é gratuíta (por ser autoproducida), non se obtén renda suplementaria, e anótase unha cantidade positiva (o excedente) a deducir daqueles momentos en que a situación sexa a contraria, reducindo neste caso o consumo eléctrico futuro.
- Cando se produza menos electricidade da que se demanda á rede: a electricidade consumida debe ser pagada a prezo de mercado, pero só para a parte non cuberta pola autoproducida, podéndose ademais reducir ese gasto en caso de existir excedentes noutros momentos (por exemplo, excedentes no verán poderían servir para reducir gasto no inverno, no caso da fotovoltaica, ou ao en sentido contrario, no caso da minieólica).
- Cando o producido sexa equivalente ao consumido: a electricidade tomada da rede non se paga por equilibrarse coa entregada. Saldo físico e monetario 0.
2 reflexións sobre “Que significa a reforma que se prepara do autoconsumo eléctrico?”