O crecemento económico non é a solución: é o problema

Todas as políticas actuais aseguran que volver ao crecemento económico, medido polo medre dun indicador arbitrario (o PIB), é a vía para saírmos desta denominada crise. No entanto e coa excusa de volver dunha maneira ou doutra a ese medre dos bens e servizos producidos en cada país, sacrifican o Estado do Benestar, e afunden cada vez a máis persoas na pobreza, deixándoos desamparados diante dun colapso inxusto —e que non acaban de comprender— da calidade de vida, dos empregos, dos servizos públicos… trasferindo de paso millóns de euros de todos a mans duns poucos.

Porén, autorizadas voces de aquí e de acolá advirten de que teimar no crecemento sen fin é aprofundar na situación de choque contra os límites do planeta na que en realidade nos atopamos por trás de todos os recortes, problemas financeiros, monetarios, da débeda…

Queremos hoxe traer dúas recentes manifestacións destas voces que tentan espertar a sociedade.

A primeira é a tradución dun artigo publicado o pasado día 20 no xornal británico The Guardian co título Civilisation faces ‘perfect storm of ecological and social problems’:

A civilización enfronta unha «tormenta perfecta de problemas ecolóxicos e sociais»

O abuso do medio ambiente creou unha emerxencia «sen precedentes en absoluto», afirman os gañadores do premio Blue Planet.

Celebrados científicos e pensadores do desenvolvemento avisan hoxe de que a civilización ten diante de si unha tormenta perfecta de problemas ecolóxicos e sociais provocados pola sobrepoboación, o sobreconsumo e tecnoloxías daniñas para o ambiente.

Diante dunha «emerxencia absolutamente sen precedentes», din os 18 últimos gañadores do premio Blue Planet —o Nobel oficioso en temas medioambientais— que a sociedade «non ten máis opción que tomar medidas dramáticas para evitar un colapso da civilización. Ou trocamos o noso xeito de facer as cousas e construímos un tipo totalmente novo de sociedade a nivel mundial, ou vai trocar contra a nosa vontade».

Esta crúa avaliación da situación mundial actual feita polo grupo, que inclúe a Sir Bob Watson, conselleiro científico en xefe do goberno [británico] para asuntos ambientais, o climatólogo estadounidense James Hansen, o profesor José Goldemberg, que fora secretario de medio ambiente durante o Cumio de Rio de 1992, e o profesor da Universidade de Stanford Paul Ehrlich, publicouse hoxe no 40º aniversario da fundación do programa da ONU para o medio ambiente (UNEP). O documento, que foi encargado pola UNEP, será debatido na conferencia do cumio de Rio+20 que terá lugar en xuño.

Ademais das graves advertencias acerca da perda de biodiversidade e a mudanza climática, o grupo reta aos gobernos a pensar de maneira diferente acerca do «progreso» económico.

«A situación biofísica en rápido deterioro é xa abondo mala, pero apenas se recoñece por parte dunha sociedade mundial infectada pola crenza irracional de que as economías físicas poden crecer para sempre e que non fai caso do feito de que os ricos nos países desenvoltos e en desenvolvemento se fan cada vez máis ricos e os pobres son deixados atrás.

O mito do crecemento perpetuo… promove a imposible idea de que o crecemento económico indiscriminado é a cura para todos os problemas do mundo, cando en realidade é a enfermidade que está na raíz das nosas prácticas mundiais insostibles», aseguran.

O grupo advirte contra a dependencia excesiva dos mercados e no canto urxen aos políticos a escoitar e aprender acerca de como as comunidades pobres de todo o mundo ven os problemas da enerxía, a auga, a alimentación e a vivenda, como interdependentes e parte integrada nun ecosistema vivo.

«A resposta a longo prazo non é un sistema centralizado senón un sistema demixtificado e descentralizado onde a xestión, o control e a propiedade da tecnoloxía estea nas mans das propias comunidades e non na de profesionais titulados alleos ás poboacións», afirman.

«Grupos baseados na comunidade nas zonas rurais máis pobres e inaccesibles por todo o mundo teñen demostrado o poder dunha acción desde abaixo para mudar as políticas a nivel rexional e nacional… É urxente agora converter estas ideas en pensamento maioritario, espallar a idea de que non todo está perdido e que o planeta aínda pode salvarse.»

A resposta para abordar os temas críticos da pobreza e a mudanza climática non é principalmente técnico senón social, asegura o grupo. «Os problemas da corrución, do desbaldimento de fondos, erradas opcións tecnolóxicas e falta de transparencia ou de responsabilidade diante dos cidadáns son problemas sociais para os que existen innovadoras solucións que están xordindo da base das sociedades.»

Para facer unha transición a un futuro máis sustentable fará falta simultaneamente redeseñar o sistema económico, unha revolución tecnolóxica e, sobre todo, unha mudanza nos comportamentos.

«Retrasarnos é perigoso e sería un inmenso erro. O efecto trinquete [N. do T. vid. na Wikipedia unha definición destes saltos non liñais na evolución dun sistema] e a falta de avances na tecnoloxía [N. do T.: empregan o termo lock-in] fan aumentar o risco dunha mudanza climática perigosa: o retraso pode dificultar moito a estabilización das concentracións [de gases de efecto estufa] a niveis aceptables. Se actuamos con contundencia e a ciencia está trabucada, daquela teremos como resultado meirande eficiencia, novas tecnoloxías e máis bosques. Se deixamos de actuar e a ciencia está no certo, daquela a Humanidade ten unha grave problema e será moi difícil zafar.»

O documento urxe aos gobernos a:

  • Substituíren o PIB como medida da riqueza por outros indicadores que midan o capital natural, construído, humano e social, e a súa intersección.
  • Eliminaren os subsidios en sectores como a enerxía, transporte e agricultura que creen custos ambientais e sociais, que actualmente quedan sen compensar.
  • Abordaren o sobreconsumo no mundo rico e o medre da poboación empoderando as mulleres, mellorando a educación e facendo os métodos de contracepción accesibles para todos.
  • Transformaren os procesos de toma de decisións para empoderar a grupos marxinados e integrar as políticas económica, social e ambiental no canto de poñelas a competir entre si.
  • Conservaren e dárenlle valor á biodiversidade e aos servizos fornecidos polos ecosistemas, e crearen mercados para eles que poidan formar as bases de economías verdes.
  • Investir en coñecemento por medio da investigación e a formación.


«O sistema actual rachou»
, afirma Watson. «Está levando a Humanidade a un futuro que será entre 3 e 5ºC máis quente do que a nosa especie nunca coñeceu e está eliminando a ecoloxía da que depende a nosa saúde, riqueza e o concepto que temos de nós mesmos.»

There’s No Tomorrow

A esta noticia engadimos un documental de animación obra de Dermot O’Connor para o PostCarbon Institute no que abunda na identificación do crecemento como a orixe dos problemas e como unha imposibilidade da que deben fuxir as sociedades canto antes para buscar o camiño a un futuro, que —malia o que contrariamente podería entenderse polo título— é aínda posible se, como afirman os científicos autores do documento anteriormente reseñado, trocamos sobre todo o noso comportamento ao tempo que o noso sistema socioeconómico.

16 reflexións sobre “O crecemento económico non é a solución: é o problema

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.