Para que os eucaliptos vivan, a Xunta e os empresarios do papel decretan a morte da nosa agricultura

Queren mexar por nós toneladas de veleno e imos dicir que chove?!

Chegounos o día 6 a noticia de que as autoridades (electas ou de facto) que nos gobernan decretaron para este mes de abril de 2012 o comezo dunha fumigación masiva e ¿obrigatoria? das plantacións de eucaliptos de Galiza cun produto que é tóxico para as abellas, ademais de para outros seres vivos. Filtrouse a noticia desde Melide onde o concello estivo a enviar comunicacións aos veciños e poñendo bandos nas parroquias indicando que os propietarios «deben pasar por Medio Ambiente e dar autorizacion para fumigar».

Non alcanzamos a comprender como unha mente racional pode concibir tamaño despropósito, tolemia de tal envergadura. Todos sabemos —e máis deberían saber os nosos intelixentes gobernantes— que as abellas (e especies achegadas como os abellóns) cumpren unha función vital nos ecosistemas, como vector polinizador de moitas especies de plantas, entre elas moitas das que se alimenta o ser humano (informa a Asociación Galega de Apicultura que o 80% das plantas con flores e o 84% das plantas cultivadas son polinizadas polas abellas, e que o 76% da nosa alimentación depende da presenza das abellas nos nosos campos). Se as abellas desaparecen, como os científicos veñen alertando desde hai anos, a supervivencia da nosa especie (e moitas outras) veríase seriamente comprometida; mesmo Albert Enstein advirtiu no seu momento de que a supervivencia da especie humana dependía das abellas.

Xa que logo non se trata de contrapoñer os intereses dos posuidores de plantacións de eucalipto do noso país, ameazados por unha praga —previsible, por outra banda, en calquera monocultivo— de insectos Gonipterus scutellatus, contra os intereses doutro sector, o dos apicultores, que vive dun produto directo das abellas, como é o mel. Non, do que falamos é de (tentar) salvar un negocio provocando o colapso dos ecosistemas e a morte da agricultura e gandeirías do país. Unha auténtica tolemia suicida colectiva! Porque disto é do que falamos, alén da previsible contaminación directa con este tóxico do conxunto de acuíferos, animais, persoas e plantas nos milleiros de hectáreas nas que foron plantados eucaliptos neste país grazas ás políticas promovidas durante décadas por intereses capitalistas moi concretos que nos convertiron nunha descomunal mina de pasta de papel a ceo aberto. Falamos de que esta fumigación masiva pode deixar Galiza sen abellas, e un país sen abellas é un país condeado a perder practicamente toda a súa produción agrícola e a ter que sustentar as persoas e os animais por medio de alimentos importados. Seica é iso o que pretenden as intelixentes e responsables persoas que ordearon ou favoreceron estas fumigacións aéreas? Queren sacrificar o noso sustento directo para salvar os eucaliptos? Este plan supón un ataque salvaxe á nosa soberanía, á máis importante das soberanías que pode ter un pobo, que é a de se poder alimentar a si mesmo. Non podemos menos ca consideralo unha declaración de guerra en toda regra contra o noso pobo. O obxectivo final desta guerra seica á arrasar Galiza para convertela toda ela nun ermo onde non nazan máis que eucaliptos, e onde as persoas deban depender de importar comidas e pensos para poder vivir. Iso, nun contexto de devalo do petróleo que encarecerá en gran medida a produción e mais o transporte de todo tipo de bens, incluídos os alimentos, supón condearnos á maioría de nós á fame e en derradeira instancia á emigración ou á morte. Para iso que nos bombardeen directamente desde as avionetas e helicópteros de fumigación e acabarán antes!

Esta ameaza á nosa vida, ao noso sustento máis primario actual e futuro, non pode chegar a realizarse: non podemos permitilo. O futuro da nosa alimentación xa está abondo comprometido polo esgotamento do petróleo e do gas natural que fan posibles o modelo actual de produción e distribución de alimentos. Pero sen abellas é que xa non haberá ningún futuro! Debemos acudir á Xustiza para suspender con carácter inmediato este bombardeo de morte sobre as nosas terras, amparándonos no dereito máis fundamental, o noso dereito á vida, que debe primar sobre calquera risco económico que sufran as propiedades dos donos dos eucaliptos e dos intereses do lobby representado pola Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel e Cartón así como dos fabricantes e comercializadores de pesticidas, xa que o produto co que se pretende fumigar (Flufenoxuron, nome comercial: Cascade) vai deixar de estar permitido en poucos meses, segundo directiva da UE. Está claro que alguén quere desfacerse dun bo cargamento dese produto asasino antes desa data, e conta coa colaboración do poder económico e político. Se queren combater a praga, que o fagan cun produto non contaminante, que sexa biocompatible con todas as demais especies, e que non poña en perigo a un elemento tan crítico dos ecosistemas que nos dan a vida como son as abellas. Existen medios moito menos agresivos, como a loita biolóxica (mediante a avespa Anaphes nitens nomeadamente), de loitar contra este insecto que afecta os eucaliptos, que aínda que puidesen ser máis caros e custosos de aplicar cá fumigación aérea con insecticida, non poden compararse co custo que tería para o país e cada un(ha) dos seus habitantes a extinción deliberada e masiva das imprescindibles abellas. A Xunta defende de cara ao público esta opción pero por tras permite e favorece que se boten toneladas de tóxicos sobre o país.

Ou aínda que mesmo non se puidese atallar a praga de ningunha outra maneira e houbese que sacrificar todas esas árbores, cuxo destino principal é a produción de papel, e que non fornecen alimento ningún ao ser humano, sería unha opción preferible a nos vermos incapaces de producir alimentos en todo o país. Debemos morrer todos de fame pola produtividade monetaria das fincas duns poucos, e para que alguén se desfaga dun stock de insecticida a piques de ser prohibido pola súa perigosidade? Ou seica queren os nosos gobernantes que nos alimentemos no futuro a base de papel ou, se cadra, dos produtos das químicas que fabrican estes tóxicos?

E se a xustiza non amparar o noso dereito a nos alimentarmos e a vivir, deberemos ser nós mesmos quen nos defendamos por todos os medios que foren precisos diante deste atentado á nosa integridade física e á nosa supervivencia. Diante dun goberno ecocida e xenocida (ou que permite eses crimes por activa ou por pasiva, postos en marcha por intereses privados empresariais) a ética e os principios fundamentais do Dereito internacional xustifican a nosa lexítima defensa. Para salvar as abellas, para salvármonos nós: ¡paremos o ecocidio!, ¡paremos a fumigación xa!

Mensaxe enviada pola Asociación Forestal de Galicia aos seus asociados

Teño o pracer de informarlle que a Consellería do Medio Rural e do Mar, coa colaboración da Asociación Española de Fabricantes de Pasta, Papel y Cartón (ASPAPEL), están promovendo tratamentos integrados, biolóxico e químico, contra o goniptero nos eucaliptares galegos.

Equipos da Consellería colocarán nesta primavera 10.000 bolsas con ootecas do parasitoide Anaphes nitens nuns puntos previamente definidos baseados nas zonas de maior presenza do eucalipto e con afectación da praga do goniptero. Pola súa parte, ASPAPEL, a través de empresas especializadas, ofrece aos propietarios forestais a realización dun tratamento químico co produto Cascade da casa BASF (flufenoxuron 10% p/v. DC).

Se vostede estivese interesado en solicitar o tratamento químico para as súas parcelas deberá cubrir o impreso que se xunta a este correo polas dúas caras con todos os datos que se preguntan. No caso de que formara parte dalgunha agrupación ou asociación interesada en dar o tratamento, deberá cubrir o impreso que lle xuntamos para as agrupacións ou asociacións.

Cómpre ter en conta que esta solicitude non obriga á empresa ao posterior tratamento das súas propiedades, xa que este dependerá dos recursos dispoñibles, da zona onde se sitúen as parcelas e do número de propietarios que soliciten o tratamento na mesma área.

Se coñece a outras persoas interesadas en solicitar o tratamento, pode facilitarlles copias dos impresos que lle xuntamos. O tratamento será aplicado de forma gratuíta, sen custo algún para os propietarios.

Se quixera información máis detallada sobre estes tratamentos, pode poñerse en contacto coa oficina da Asociación Forestal de Galicia en Santiago (…)

Propoñemos as seguintes accións para parar este atentado

#QueremosAbellas - Se as matan a elas, mátannos a todos!(Irán sendo ampliadas con outras ideas que nos enviedes por medio de comentarios ou do email)

  • Chamadas, emails, cartas e faxes de protesta a ASPAPEL, advertindo de que de proseguir con estas fumigacións, se deixará de mercar papel fabricado en España e se promoverá un boycott ás empresas que forman parte da asociación.
  • Apoiar a petición publicada en Actuable.es e dirixida a ASPAPEL para que deteñan as fumigacións
  • Ídem pero dirixido a cada unha das empresas que forman parte de ASPAPEL, nomeadamente ás galegas, que poden estar máis sensibilizadas coa cuestión: http://www.aspapel.es/es/la-asociacion/empresas-asociadas
  • Envío de tweets ao hashtag promovido pola propia ASPAPEL #quieropapel pero apropiándonos del para a protesta: “#quieropapel libre de fumigaciones asesinas. #stopfumigacion #nonasfumigacions #queremosabellas”. Promover outros hashtags en combinación co de #quieropapel.
  • Pedir á empresa que vai facer as fumigacións que non colabore neste atentado: Ecología y Espacio S.L. (Fax 915 774710. Correo: controlgorgojo.galicia@gmail.com )
  • Emails a empresas e institucións galegas que sexan grandes clientes consumidores de produtos do papel, cartón, etc. para informalos da cuestión e pedir que por ética e para protexer a agricultura e os ecosistemas do país, se unan ao boycott en caso de proseguir ASPAPEL e a Xunta coas fumigacións. O listado de produtos pode darvos ideas de que tipo de empresas contactarmos: http://www.aspapel.es/es/el-papel/productos
  • Envío de cartas, emails, faxes, etc. á Consellaría de Medio Rural e do Mar.
  • Tamén á Asociación Forestal de Galicia: http://www.asociacionforestal.org/
  • Poñérmonos en contacto coas empresas de aluguer de helicópteros e avionetas do país para pedirlles que non colaboren con este atentado.
  • Escribir ou chamar ao noso Concello para pedir información acerca das posibles fumigacións previstas na nosa zona e para esixirlles que nin colaboren con elas nin as permitan.
  • [ACTUALIZACIÓN 17/04/2012 – 23:23: Denunciar diante da entidade Global Reporting Initiative este atentado ecolóxico para que retiren a calificación outorgada a ASPAPEL en 2011.]
  • [ACTUALIZACIÓN 17/04/2012 – 23:34: Deixar mensaxes de denuncia ao pé dos vídeos de ASPAPEL en Youtube e Vimeo.]
  • (…)

Máis información

11 reflexións sobre “Para que os eucaliptos vivan, a Xunta e os empresarios do papel decretan a morte da nosa agricultura

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.