Anova recolle nos seus documentos políticos fundacionais o problema do «peak oil»

Na asemblea celebrada o pasado 15 de xullo no que o ata entón chamado Novo Proxecto Común deu nacemento á nova organización ANOVA-Irmandade Nacionalista, aprobouse entre os documentos que definen esta nova organización unha enmenda relativa ao Teito do petróleo, presentada por Miguel Anxo Abraira, membro de Movemento pola Base e persoa moi vencellada á nosa asociación.

O breve texto di o seguinte:

ANova entende que a actual crise afecta a todos os ámbitos da vida por estar motivada principalmente por unha crise de recursos enerxéticos; nomeadamente o petróleo tal e como recoñece a A.I.E. (Axencia Internacional da Enerxía)—. A sociedade occidental vertebrouse nos últimos 150 anos coa realidade de poder consumir cada vez máis enerxía, mais de aquí en diante vai haber cada vez menos recursos enerxéticos non renovabeis; polo tanto a nosa organzación vertebrará as súas propostas de futuro na aceitación desta realidade de cara a unha Galiza Post-petróleo.

Non pode senón satisfacernos que esta nova organización asuma como eixo vertebrador das súas propostas política a realidade dunha Galiza post-petróleo. Agardamos que se plasme de contado nun programa político detallado acorde con esa realidade e co devalar enerxético no que xa nos achamos inmersos, facendo que condicione trasversalmente todas as áreas de acción pública. De seguro que o precedente do concello de Teo, gobernado por Martiño Noriega, membro tamén de ANOVA, fixo moito por ir espallando o coñecemento desta situación entre o resto da organización.

Con esta son xa dúas as grandes formacións políticas en Galiza que recollen programática ou estratexicamente o problema do peak oil, xa que Esquerda Unida o ten asumido cando menos no seu programa municipal para a cidade da Coruña. Se para as vindeiras eleccións autonómicas se configura finalmente o que moitas voces reclaman desde ambas organizacións, é dicir, unha Fronte de Esquerdas Anticapitalistas formada entre outros por ANOVA e Esquerda Unida, veríamos probablemente como por primeira vez un programa electoral en Galiza se presenta en clave de descenso enerxético, en clave de peak oil. Seguirá o BNG a senda? Talvez o PSdeG? O PP??? …Vémolo difícil pola traxectoria pasada destas formacións. Será en calquera caso unha convocatoria electoral moi interesante para os que tentamos concienciar e preparar a sociedade ante esta mudanza histórica que supón a queda dos combustibles fósiles.

PS: Entre as forzas políticas máis pequenas, o Partido da Terra tamén recolle a cuestión do teito do petróleo claramente nas súas propostas para o país, para cuxa definición contou coa colaboración da nosa asociación. Descoñecemos se outros como os Ecogaleguistas (agora integrados en Compromiso x Galicia) o teñen recollido.

Unha reflexión sobre “Anova recolle nos seus documentos políticos fundacionais o problema do «peak oil»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.