O adianto electoral en Galiza fixo que na nosa asociación acelerásemos o proceso de recompilación e elaboración de medidas para configurarmos un programa de goberno a nivel galego para encarar desde riba o proceso de adaptación ao fin da Era do Petróleo. Hoxe rematamos finalmente un documento, necesariamente incompleto e imperfecto pero o máis exhaustivo que puidemos, e que agora faremos chegar aos diversos partidos políticos que concorren a estas eleccións ao Parlamento de Galiza. Os primeiros en recibilo foron Alternativa Galega de Esquerdas, que por medio de dous dos políticos galegos que máis sensibilidade teñen amosado diante do problema do peakoil (César Santiso —de EU— e Martiño Noriega —de Anova—) xa nos tiñan expresado o seu interese nestas propostas. Ademais lembramos que Anova, unha das formacións constituíntes naceu xa considerando o Teito ou Cénit do petróleo nos seus documentos fundacionais.
En Véspera de Nada coidamos que a construción dunha Galiza preparada para un futuro sen petróleo (máis achegado do que a sociedade pode crer) é un labor que debe implicar a todas as forzas políticas e que non se pode andar facendo e desfacendo en función das mudanzas no goberno. Por iso queremos pedir un exercizo de responsabilidade histórica ao PP, BNG, PSOE, AGE, CxG, UPyD e calquera outra forza política que presente candidatura a estas eleccións, para que fagan súas estas propostas. A unidade é fundamental cando se trata de salvar un país das brutais consecuencias do devalar enerxético, e sería indigno da nosa clase política se se convertese nun motivo máis para o rifi-rafe parlamentar e mediático. A sociedade precisa concienciarse como primeiro paso para despois actuar con decisión en dirección a unha boa resiliencia. E a diverxencia en torno a cuestións tan fundamentais como as que aborda a nosa proposta prexudicaría gravemente o necesario consenso social para un esforzo de proporcións bélicas, para unha auténtica xesta nacional, unha revolución cara a sustentabilidade.
O documento que preparamos contén un amplo paquete de medidas para actuar con decisión en todos os ámbitos da vida social e económica do país para reducir as peores consecuencias que nos agardan polo declive da enerxía fósil. É froito do noso continuado labor de análise e de adaptación ao noso contexto galego das propostas dos expertos doutros países. Aínda así, dada a magnitude do fenómeno que debemos encarar e o feito de que nunca antes, non xa o noso país senón a nosa especie, se ten afrontado a unha situación semellante, é moi mellorable. Convidamos, pois, a todas as organizacións galegas e outros axentes sociais a que nos envíen as súas propostas de ampliación e mellora: entre todos iremos mellorando o plan para unha Galiza sen petróleo. Gustaríanos falar con todos os sectores económicos, sociais, culturais… para coñecer de primeira man como lles pode afectar o peakoil e como mellor se poden preparar. E despois será labor dos que nos gobernen, poñelo en marcha. E se fallan nesa responsabilidade histórica, teremos que ser os propios cidadáns os que nos autoorganicemos para sobrevivirmos a esta etapa final da nosa civilización.
NOTA: No documento faise referencia a un anexo documental que soemos entregar impreso ás administracións coas que falamos, e que resume algunhas das referencias que se poden atopar neste web. Esperamos poder preparar nos vindeiros días unha versión dixital que acompañe o PDF de medidas políticas.
Actualizacións
- [15/09/2012] O Partido da Terra fai acuse de recibo do programa, que analizarán e somentarán á súa Asemblea Xeral para ver de incorporaren enmendas ao seu programa, o cal xa fora elaborado coa colaboración e achegas de Véspera de Nada, sendo pioneiro en Galiza en recoller o problema do peakoil. Segundo nos lembran desde o PT: muitas das propostas que se propõem no [novo] documento [de Véspera de Nada] já estão de feito incluídas desde faz um ano. O PT xa confirmou que se presentará ás eleccións do 21 de outubro, así que xa temos a primeira das candidaturas que asume en boa parte as propostas da nosa asociación para afrontarmos como país o Teito do petróleo. Agarderemos noticias para saber se adoptan o novo programa na súa totalidade.
- [17/09/12] Xoán Doldán falou en Radio Fusión sobre estas medidas que propoñemos de cara as eleccións do 21 de outubro.
Será ás 9:30 hDescarga o audio de entrevista (12 MB). - [26/09/12] Xoán Doldán foi entrevistado en Radio Cerna (ADEGA) sobre o problema do Teito do petróleo e as medidas que propoñemos adopte o vindeiro goberno galego. Descarga o audio de entrevista (6 MB) ou escóitao online en Ivoox.
- [06/10/12] O Partido da Terra envíanos a súa versión do documento, debatida amplamente e enmendada entre os seus membros, e que se converte no seu primeiro documento de desenvolvemento político. Son así o primeiro partido que fai súas as nosas propostas de cara ao vindeiro goberno da Xunta.
- [15/10/12] Xoán Bascuas, de Compromiso x Galicia, declara que lles preocupa o peakoil e que concordan con parte das medidas propostas por Véspera de Nada.
- [16/10/12] Alternativa Galega de Esquerda comunícanos que aprobaron incorporar as nosas propostas completas dentro do seu programa e defendelas no Parlamento se acadan representación.
4 reflexións sobre “Programa de goberno para Galiza afrontar o Teito do petróleo: propostas de Véspera de Nada”