(Artigo do noso compañeiro Xabier Vázquez Pumariño.)
Periodicamente escoitamos que hai granxas galegas que están a piques de pechar. Neste intre, este ruxe-ruxe é máis intenso e ameaza con ser definitivamente certo como no conto infantil de Pedro e o lobo.
Dende o meu punto de vista, esta situación é paradigmática dos efectos do teito do petróleo e as súas complementarias e perversas políticas globais asociadas. Vexamos porqué.
Ata non hai moitos anos, a agricultura e a gandería en Galicia, como en moitos outros puntos da península ibérica era practicamente de subsistencia. A partir dos anos 70, os estamentos gobernamentais presionaron por activa e pasiva para que os labregos se centraran na agroindustria. Moitos desapareceron polo camiño, algúns foron trampeando con explotacións pequenas, non exentas de problemas, e outros maximizaron o seu salto á agroindustria, esquecendo que en moitos países de Europa a vantaxe tomada neste eido era de varias décadas.
Precisamente foi o sector leiteiro o máis entusiasta. Aquí comezouse a tecer a maraña de problemas que a día de hoxe rematarán co sector. Basicamente a idea era rematar coas pequenas explotacións, non rendibles dicían, e incrementar o tamaño. Ben, isto fíxose a costa de incrementar o número de vacas enormemente sen incrementar proporcionalmente a superficie de pastos. E se non tes pastos tes que comprar o alimento, é dicir o pienso. Logo a propia lóxica da agroindustria obrígache a tecnificar a túa explotación cousa que é extraordinariamente cara. O panorama así devén en salas de muxir que parecen a nave Enterprise, tractores de 500 cv, naves e naves de maquinaria, toneladas de xurros a espallar por superficies ridículas, etc. e por suposto explotacións cun brutal nivel de endebedamento. Traballo brutal, débedas, enorme impacto ambiental para un beneficios empresariais (ao fin e o cabo é do que se trata, non?) practicamente, e aquí está parte da ironía de todo isto, de subsistencia.
En canto o prezo do petróleo subiu un chisco este castelo de naipes desmoronouse: sube o transporte, sube o custo de mover as máquinas, sube o prezo dos pensos, pérdense cartos e fin da historia.
Poderíamos dicir que todo isto tamén ocorre noutras explotacións europeas. E así é, pero o seu nivel de endebedamento é menor, os ratios gando/superficie son máis equilibrados, etc. Iso por non falar das explotacións danesas onde producen ademais o seu propio combustible (aceites vexetais) para a maquinaria (lembremos o que é un motor diésel) e mesmo a súa propia electricidade a través do uso non intensivo da enerxía eólica. En definitiva, o seu marxe de resistencia ante a situación actual é moitísimo maior.
A esta política nefasta, ademais, contribuímos todos a través dos nosos impostos e producindo, ademais, graves impactos ambientais: as concentracións parcelarias pagámolas todos, os regadíos tamén. Neste senso cabe lembrar que non hai nin 4 anos se puxo a regadío a Veiga de Pumar na Terra Cha pagada polo Ministerio de Agricultura sen estudio de impacto ambiental ningún e que fará practicamente desaparecer en Galicia varias especies de aves recollidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (o siseiro e o pernileiro entre outras). Ao mesmo tempo estaban a redactarse os plans de recuperación destas especies pagados pola Xunta.
En definitiva destruímos o noso medio agrícola, endebedamos aos seus habitantes, poñemos en risco a nosa soberanía alimentar, danamos gravemente o medio ambiente, etc. Para nada.
Para estes gandeiros dependentes da industria do leite non lles vexo moita solución. Pero si que nos debe servir para pensar o que estamos facendo co noso campo e tratar de evitar a dependencia de imputs externos particularmente dependentes do petróleo.
7 reflexións sobre “Pero qué granxas están a piques de pechar?”