Alternativa Galega de Esquerda decide defender as propostas de Véspera de Nada no parlamento

EU+Anova=AGEHoxe comunicounos César Santiso, responsable de Esquerda Unida na Coruña (onde é tamén concelleiro) que a comisión programática de Alternativa Galega de Esquerda viña de aprobar a incorporación do documento publicado pola nosa asociación sobre o peak oil ao programa que defenderá esta coalición se entra no Parlamento de Galiza nas eleccións que se celebran este domingo.

Aínda que o programa de mínimos xa fora definido e acordado de urxencia entre as forzas que compoñen o núcleo de esta coalición, tíñannos falado da posibilidade de incorporar o noso documento como unha especie de anexo programático. Hoxe decidiron finalmente facer así, xunto con outras propostas doutros colectivos sociais, tal e como nos informou Santiso.

O documento foi incorporado integramente e sen enmendas, segundo tamén nos explicou Santiso, quen xa levara no seu programa de acción municipal para a Coruña un conxunto de propostas elaboradas pola nosa asociación para que esta cidade se preparase para o Teito do petróleo. Asegurounos que se finalmente AGE entra no parlamento defenderán as propostas relativas a esta cuestión elaboradas por Véspera de Nada.

Xa a pasada semana, nunha rolda de prensa dos principais candidatos desta coalición, Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, mencionaron expresamente o problema do peak oil, o cal foi reproducido por algúns medios como El Correo Gallego, La Opinión de Coruña e o Faro de Vigo:

“A coalición apostou pola transformación progresiva do sector eléctrico, cara ás enerxías renovables, mediante un mix de eólica, hidráulica, soar e maremotriz, que se canalizarían a través da creación dunha Empresa Galega de Enerxías Renovables, encargada de xerar enerxía abonda para autoabastecer os servizos administrativos, e que promovese a eficiencia enerxética e a autoprodución en empresas e fogares.

A coalición sostén que a creación así dunha empresa pública de enerxía suporía a dinamización do sector galego das enerxías renovables e convertería a comunidade nun referente mundial, e permitiría a reactivación da economía e a xeración de emprego, e situaría a Galicia nunha posición de vantaxe competitiva ante o cénit do petróleo.”

Aínda que coidamos que foi a primeira vez que a prensa recollía este concepto na campaña en boca dos principais líderes, César Santiso confirmounos que el vén incluíndoo sistematicamente en todos os actos que está a realizar durante esta campaña na Coruña, vencellándoo claramente coa situación económica. Segundo defende nos seus mitins este responsable de EU: “É preciso mudarmos o modelo económico por outro máis sostible e menos dependente do petróleo, para evitar as consecuencias do peakoil e mantermos a competitividade das nosas empresas”.

Lembramos que tamén fai parte da coalición o alcalde de Teo, Martiño Noriega (de Anova), quen foi o primeiro mandatario municipal do Estado en recoñecer o problema do Cénit do petróleo hai uns anos, tamén a iniciativa de Véspera de Nada.

Con esta decisión de AGE son xa tres as forzas políticas que recolleron a proposta da nosa asociación:

  • os primeiros foron o Partido da Terra, que a adaptou e publicou no seu web como primeiro documento de desenvolvemento político deste xoven partido;
  • despois Compromiso x Galicia, na persoa do seu cabeza de lista, confirmounos que concordaban con parte das propostas (aínda que sen especificar cales) e recoñecía a importancia da cuestión do peakoil;
  • e agora AGE, que recolle integramente o documento orixinal como parte do seu programa de goberno.

Aínda quedan algúns días de campaña e tal vez teñamos algunha outra boa nova ao respecto, aínda que os principais partidos, PP, PSdeG e BNG non deron ata o de agora sinais de interese.

Para a nosa asociación é moi importante que a acción para preparmos o país diante do Teito do petróleo sexa trasversal, non só ás diferentes áreas do futuro goberno de Galiza, senón tamén trasversal no arco político, é dicir interpartidaria, e que esquerdas e dereitas comprendan o que temos enriba e actúen de maneira conxunta e á altura da responsabilidade histórica que lles toca protagonizar. Polo de agora tres formacións políticas asumen xa con matices ou parcialmente un mesmo programa ao respecto: veremos cales de elas logran o domingo 21 de outubro entrar a defendelo no Hórreo.

3 reflexións sobre “Alternativa Galega de Esquerda decide defender as propostas de Véspera de Nada no parlamento

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.