(Neste blog temos tratado anteriormente o tema da débeda, moi relevante no contexto da contracción económica e das limitacións que impón o Teito do petróleo. Hoxe publicamos un revelador artigo de Emilio Nogueira Moure para Véspera de Nada sobre a situación actual en Galiza a este respecto.)
Nos últimos anos estamos escoitando como se insiste na débeda dos países e no déficit público das administracións, semellando en ocasións que o endebedamento é condición necesaria para reducir o déficit público, convertendo este obxectivo no eixo central das políticas públicas. Porén, existe unha fonda hipocrisía nestas políticas que mentres predican unha redución do déficit e o endebedamento fan todo o contrario. Nunha sociedade organizada economicamente para procurar un crecemento continuado, os límites ao déficit e ao endebedamento en termos de PIB, tal e como fai, por exemplo, o Pacto de Estabilidade e Crecemento, conseguen todo o contrario, deprimindo a economía e provocando o aumento sen precedentes da débeda. Actúase sobre indicadores macroeconómicos sen transformar os modelos de produción e consumo, levándonos necesariamente a unha recesión económica sen que se constrúa unha alternativa económica real.
Ademais, na Unión Europea os países que realizaron a unión monetaria coa adopción do euro como moeda común, os estados teñen que recorrer á emisión de débeda pública para financiar as actividades do sector público, toda vez que a posibilidade de crear diñeiro mediante a emisión de nova moeda fica en mans do Banco Central Europeo. Os países renunciaron a un dos instrumentos clásicos de regulación económica dos estados, a política monetaria, en favor dunha institución teoricamente independente pero que na práctica está controlada por uns poucos países, destacando o protagonismo alemán. Isto resulta moito máis grave se consideramos que as necesidades extraordinarias de financiamento público van encamiñadas a resolver os despropósitos dunha política financeira na que participou todo o sector bancario e financeiro español. A maior parte da débeda exterior contraída desde aquí foi por parte da iniciativa privada, destinada a inflar a burbulla inmobiliaria española. Esta enorme débeda privada dos bancos é a que agora se financia con un endebedamento público e, como se dunha pedra filosofal se tratar, transmútase a débeda privada en débeda pública. Neste espolio participa o Banco Central Europeo, ao obrigar aos Estados a endebedarse nos mercados co mesmo sector financeiro que se pretende rescatar e financiado de forma vantaxosa a estes para que poidan comprar dita débeda pública. Obviamente os gobernos son conscientes do espolio e actores activos do mesmo. Ao marxe do déficit público, a débeda pública crecente supón unha hipoteca cada vez máis imposíbel de pagar no futuro.
Outra posibilidade tería sido financiarse mediante impostos e outros recursos como taxas, prezos públicos etc, o que tamén se está a facer, mais neste caso incidindo nunha fiscalidade indirecta que grava a todas as clases sociais por igual e non progresiva que faría recaer nos máis favorecidos o esforzo maior.
Por estes motivos, a débeda pública debería ser obxecto de maior atención política e mediática. Os efectos sobre o conxunto da economía hoxe e no futuro son múltiples, van desde a súa incidencia na taxa de aforro, os tipos de xuro, a oferta monetaria… xa que as administracións públicas captan un diñeiro que se retira da circulación para outros usos e, na medida en que retorna ao sector financeiro para que poida pagar as súas propias débedas co exterior, finalmente terá como destino outros mercados financeiros distintos ao noso. A suma de todas as débedas públicas acumuladas nunha data correspondente é o que se coñece como débeda viva.
No caso de Galiza, desde o goberno do PP, se vén insistindo na envexábel situación financeira da Xunta de Galiza, por mor do nivel de déficit público alcanzado. Sen entrar na polémica de se estas contas públicas están ou non maquilladas e analizando os datos oficiais atopamos que a situación da débeda pública galega é especialmente preocupante e ten empeorado substancialmente nesta última lexislatura, condicionando seriamente calquera intento de recondución económica nos próximos anos, o que resulta moito máis grave se consideramos o escenario de teito de petróleo ao que nos enfrontamos e os retos socioeconómicos que teremos que asumir.
A débeda pública de Galiza, calculada polo Banco de España segundo o Protocolo de Déficit Excesivo da UE, ascendía ao final do segundo trimestre de 2012 a 7.627 Millóns de €. A esta cantidade hai que engadirlle a débeda contraída polo Goberno Feijoo por procedementos non convencionais, as chamadas Colaboracións Público-Privadas. Os orzamentos da Xunta de Galiza para 2012 recoñecen débeda contraída por este procedemento por importe de 3.069 Millóns de € até o ano 2039. O 56,7% é débeda dirixida a financiar vías de alta capacidade, un auténtico disparate nun escenario de teito das extraccións de petróleo, e non, por exemplo, a procurar sistemas de transportes alternativos ao vehículo privado por estrada.
Polo tanto, a débeda total de Galiza, incluíndo as obrigas derivadas das Colaboracións Público-Privadas, ascende a 10.696 Millóns de €.
O Goberno Bipartito (BNG-PSOE) herdou débeda contraída polos gobernos anteriores, por importe de 3.326 Millóns de €. O Goberno de Feijoo herdou débeda por importe de 3.923 Millóns de €.
Isto significa que a débeda contraída polo Goberno Bipartito ascende a 597 Millóns de €, o que equivale ao 5,5% da débeda viva total de Galiza. Mentres, durante a última lexislatura, o Goberno Feijoo contrae débeda por valor de 6.773 Millóns de €, o que equivale ao 63,3% da débeda viva total de Galiza.
Dito doutro modo, a débeda contraída polo Goberno de Feijoo multiplica por máis de 11 á contraída polo goberno anterior. En menos dunha lexislatura o Goberno de Feijoo case triplicou a débeda herdada dos gobernos anteriores, incluídos todos os gobernos de Fraga.
En conclusión, os Gobernos do Partido Popular son responsábeis de máis do 90% do total da débeda viva de Galiza. A débeda viva de Galiza pasou de estar no 6,8% do PIB interanual galego no primeiro trimestre de 2009 (Goberno Bipartito) a situarse no 13,3% no 2º trimestre de 2012 (Goberno Feijoo), o que indica un empeoramento moi preocupante da situación financeira da Xunta de Galiza e hipoteca o gravemente o futuro da economía galega. Se tomamos en consideración a débeda total, incluíndo a das colaboracións público-privadas, a porcentaxe sobre o PIB superaría o 18%.
Malia esta situación, o Goberno Feijoo presume de austeridade e solvencia. Consistirá esa solvencia e austeridade en multiplicar por tres a débeda viva de toda a historia da autonomía de Galiza e situarse nun 18% do PIB galego?
Unha reflexión sobre “Consideracións sobre a débeda pública de Galiza (artigo de Emilio Nogueira Moure)”