Aclarando conceptos sobre Alcoa, a tarifa eléctrica e os supostos excendentes enerxéticos de Galiza

Xoán R. Doldán comenta neste artigo a noticia aparecida onte en La Voz De Galicia co título de «Galicia exporta energía, pero la paga al mismo precio que Madrid» e aproveita para nos explicar algunhas cousas sobre as tarifas eléctricas e sobre os supostos excedentes enerxéticos do noso país:

Tarifa especial para Alcoa???


Unha parte do texto da noticia é correcta:

“El precio de la electricidad es lineal en todas las comunidades autónomas. El recibo es el mismo, por ejemplo, en Galicia, donde se genera el 10 % de toda la energía nacional y exporta en torno al 3 %, que en Madrid, que importa del resto del país el 90 % de la que precisa anualmente”

Esta desigualdade ten sido destacada como parte dos argumentos para defender unha tarifa eléctrica máis baixa para Galiza.

Outra cousa é a afirmación de que:

“somos excedentarios e temos que aproveitar que non hai perdas no transporte de enerxía”

Neste caso necesitaríamos facer algunhas matizacións para non levarnos a engano. Segundo o último Balance enerxético de Galicia, 2010 (INEGA, 2012), estamos a importar o 78,8% de toda a enerxía que é transformada no noso país. Ben é certo que unha parte importante desta enerxía é petróleo con destino á refinaría da Coruña que, unha vez refinado, vai ser consumido tanto dentro de Galiza como fóra, xa que para este tipo de combustíbeis a dependencia enerxética galega é total, como o é para certos combustíbeis dos que obtemos calor (é o caso, por exemplo, do gas natural).

Ademais, hai unha parte da enerxía primaria importada que, cos recursos enerxéticos galegos, vai destinada a obter electricidade da que unha boa parte é exportada –aproximadamente un 33% do total–. Deste modo, un 46% da enerxía primaria utilizada para obter electricidade procede de recursos propios galegos –renovábeis– e un 54% de recursos importados –non renovábeis–. Tendo en conta que os importados sofren perdas enerxéticas importantes na xeración de electricidade, o sector eléctrico galego convértese nunha fonte importante de emisións de gases contaminantes. Finalmente, de toda a electricidade dispoñíbel en Galiza un 62,7% ten unha orixe autóctona, polo que cos nosos propios recursos cubrimos un 94% da electricidade que consumimos os galegos e galegas. En definitiva, as exportacións de electricidade galega conséguense grazas a que previamente se fan elevadas importacións de enerxía, sendo Galiza un enorme transformador enerxético de enerxía propia e importada para usos propios e alleos.

É dicir, exportamos electricidade porque antes importamos carbón e gas natural para manter esa capacidade exportadora. Ergo, non hai excedente enerxético senón dependencia. Por iso, cando se fai referencia a que:

“La tarifa eléctrica que se aplica en España es compleja. Consta de varios conceptos. Uno, por el transporte de la energía -que supone un 4 % del recibo-, y otro de índole solidario, que se traduce en que los territorios excedentarios sufragan los costes de las comunidades que no producen y en las que resultaría más cara la electricidad, es decir, se aplica una tarifa solidaria. Madrid, Cataluña, Valencia y las ciudades autónomas de Ceuta y Melilla son las principales comunidades que producen menos energía de la que consumen y, por tanto, se abastecen de los excedentes del resto de las comunidades”

Pártese dun sistema tarifario pensado para unha economía que é autosuficiente a nivel eléctrico, dispoñendo dos recursos enerxéticos propios suficientes para obter toda a electricidade que se xera. Isto ten mudado radicalmente no Estado español e na Galiza desde o momento en que o carbón que se utiliza nas centrais térmicas é de orixe importado. A isto hai que engadir o aumento da dependencia enerxética cando o gas natural é importado tamén para xerar electricidade (ademais da dependencia que supón a importación de uranio para as centrais nucleares, aínda que no balance enerxético non figure como importación enerxética por mor dunha peculiar norma na elaboración das estatísticas enerxéticas). De considerar esta situación de dependencia dificilmente se podería considerar excedentaria a Galiza xa que a exportación de electricidade agocha unha clara dependencia enerxética e non un excedente de recursos enerxéticos para a xeración de electricidade. Só por iso ese carácter solidario tería que desaparecer debendo ser substituído por outro que considerase, por exemplo, unha solidariedade ambiental sobre a base do sobrecuste social e ambiental por soportar unha industria eléctrica que asolagou vales e queimou as reservas de carbón galegas e agora segue poluíndo co uso do gas natural e o carbón importados.

Velaí outro dos argumentos que, tradicionalmente, foi esgrimido para defender unha tarifa diferenciada para Galiza. Este argumento, porén, non é citado na nova do xornal nin é esgrimido por algúns defensores actuais da tarifa diferenciada, quizás para converter en obxecto de debate só a cuestión tarifaria e deixar fóra do debate os graves impactos do sector enerxético na Galiza e non dirixir a atención as empresas e complexos industriais que os causan.

O peor de todo este tema é que esta reforma non é a que se está a contemplar polo Goberno español senón outra á que fai mención a nova:

“En caso de que las actividades o instalaciones destinadas al suministro eléctrico fueran gravadas, directa o indirectamente, con tributos propios de las comunidades autónomas o recargos sobre tributos estatales, al peaje de acceso se le incluirá un suplemento territorial que cubrirá la totalidad del sobrecoste provocado por ese tributo o recargo y que deberá ser abonado por los consumidores ubicados en el ámbito territorial de la respectiva comunidad.”

Dito con outras palabras, non se procura dita solidariedade social e ambiental, senón que se castiga calquera intento compensatorio que procure vía tributaria que o sector pague polos prexuízos que orixina nos lugares onde se orixina a electricidade, facendo recaer dito castigo non onde se consume a electricidade senón onde se atopen os centros de xeración, como é o caso galego. A insolidariedade tórnase nunha auténtica burla.

Pasaremos dun sistema tarifario defectuoso a outro disparatado. Isto non debería estrañarnos vindo dun goberno como o español cunha política enerxética que na situación de emerxencia enerxética mundial na que nos atopamos segue a confiar nunha falsa regulación eficaz dos mercados e segue atado a fábula do crecemento económico e da dispoñibilidade de enerxía ilimitada para o futuro.

Outra cousa é que esta demanda dunha tarifa diferenciada non se está a facer polas incongruencias do sistema actual ou do previsto e como isto afecta ao conxunto da sociedade galega, senón pola ameaza de Alcoa –por outro lado xa habitual– de fechar as súas instalacións en Galiza se non se lle garante un prezo da electricidade favorábel. Poñendo a traballadores, sindicatos e forzas políticas por diante, Alcoa pretende conseguir os seus obxectivos, entre os que non está precisamente o que poida interesar á sociedade galega.

Compre lembrar que cando se instalan na Galiza as factorías que hoxe son de Alcoa, existía unha tarifa para grandes consumidores eléctricos que lles permitía pagar pola electricidade un terzo do prezo que un usuario normal, cando, daquela, estaban a supor entre o 40 e o 50 por cento de todo o consumo interno eléctrico galego. Dito doutro modo, galegos e galegas non só soportábamos os estragos da industria eléctrica senón que financiábamos a través da tarifa o consumo extremo de Alcoa. Mesmo estivemos a punto de ter na Mariña de Lugo unha central nuclear coa única finalidade de fornecerlles de electricidade. Ao final, unha parte considerábel das reservas de carbón galegas, xa esgotadas na actualidade, serviron para dar electricidade barata a Alcoa.

Esta era unha das razóns polas que se cualificaba a Alcoa de industria de enclave, unha industria que non estaba integrada no tecido social e económico galego e que só procuraba aquí unha enerxía abundante e barata, unha permisividade ambiental e unha mao de obra barata e sumisa. Daquela non só se reivindicaba unha tarifa eléctrica máis favorábel para a sociedade galega senón tamén o control destas instalacións industriais nas que primaban os intereses alleos sobre os galegos, que esgotaban os nosos recursos e degradaban os nosos ecosistemas. A memoria semella fráxil e agora algúns reivindican unha tarifa favorábel para contentar a estas industrias de enclave. Parecería que, en materia tarifaria, estase a loitar polo mesmo mais non é certo. Daquela falábase da sociedade galega, do país e contra os intereses alleos, hoxe fálase de Alcoa e, a través dela, dos supostos beneficios para o país, chegándose a argumentar que con esta tarifa máis baixa outras industrias intensivas en consumo enerxético –de enclave– podía verse atraídas por este motivo e virían a instalarse a Galiza (sic). O máis curioso de todo isto é que parte dos que antes demandaban unha cousa agora demandan outra aparentando pedir o mesmo.

Cánto lembra isto a outras defensas dos intereses das empresas enerxéticas, como Endesa ou Reganosa!

5 thoughts on “Aclarando conceptos sobre Alcoa, a tarifa eléctrica e os supostos excendentes enerxéticos de Galiza

  1. 27 Outubro, 2012 at 7:18 p.m.

    Xa dicía eu que me renxía demasiado esa proposta dalgúns de rebaixarlles a tarifa aos de Alcoa… Grazas a Xoán agora comprendo mellor o asunto, aparte da lección de historia económica (e enerxética) de Galiza que nos deu de propina.

    Alguén tería que escribir un libro coa historia do “Espolio da Galiza”, como titulaba o outro día Beiras na telecoz.

    E menos mal que pediron rebaixa tarifaria, que se chegan a volver pedir a central nuclear igual algúns ata se poñían agora a defendela!

    Non se pode pedir rebaixa da enerxía como quen pide unha rebaixa de impostos. A enerxía que queren consumir máis barata é en boa medida non renovable e polo tanto xa demasiado barata a pagan!

  2. Manuel Amigo
    29 Outubro, 2012 at 10:12 a.m.

    Noraboa polo artigo Xoan, o exemplo de Alcoa da unha idea do poder de sumision que a gran empresa acaba conquerindo sobre a poboación sobre a que se asenta , e tristisimo ver na telegaita a unha morea de parroquianos da Mariña Lucense defendo a morte a empresa que lle esta a contaminar os solos, esta a explotar os lugareños, esta a facer negocios baseados no libre mercado subvencionado, consumindo cantidades inxentes de enerxia e producindo contaminación e emisións de gases de efecto invernadoiro…por que a economia da comarca depende de un xeito ou doutro de Alcoa.

    Pois ben deberian de ir procurando un centro de desintoxicacion pra curar a sua dependencia , por que Alcoa acabará esmantelando os Chiringuitos ben por caida do consumo de alumina , ben polo irrefrenable aumento do precio da enerxia , e logo os da Mariña quedaranlle as balsas toxicas e o recordo do fabuloso chute economico que se meteron…o carallo e o mono que e moi fodido, pero xa se sabe dia de todo…

  3. 31 Outubro, 2012 at 5:45 p.m.

    Como sempre, moi bo e oportuno artigo de Xoán Doldán, unha referencia imprescindíbel para quen queira saber da cuestión enerxética en e desde Galiza. Ao fío do artigo gostaría de facer dúas observacións.

    Unha é que o papel do noso país como transformador enerxético de enerxía importada, para obter enerxía final para o consumo galego (sobre todo) ou para a exportación, non só implica importantes custos socioambientais no noso territorio senón tamén noutros territorios e a escala global. Pensemos, por exemplo, nos danos que a extracción do petróleo ou do carbón que importamos causa nos lugares onde se extraen, ou nas emisións de gases que contribúen á mudanza climática global.

    A segunda observación é que, se ben en 2010, último ano para o que se dispón de Balanzo enerxético, “cos nosos propios recursos cubrimos un 94% da electricidade que consumimos os galegos e galegas”, Galicia non está tan perto de cubrir o seu consumo propio de electricidade con renovábeis como este dato pode dar a entender. 2010 foi un ano moi bo para a produción hidroeléctrica, e foi por iso polo que case cubrimos o consumo galego con renovábeis, mais nos ultimos anos, con excepción do 2010, a produción renovábel, nos mellores anos, supuxo por volta do 70% do consumo galego

  4. Xoán Doldán
    5 Novembro, 2012 at 1:37 p.m.

    Moitas grazas por todos os comentarios. Estou totalmente de acordo coas observacións que achega Xosé Veiras.
    Como ben indica, os custes socioambientais non comezan nen rematan na Galiza. Unha das consecuencias do actual modelo enerxético é ter separado a orixe dos recursos enerxéticos do lugar onde estes serán transformados para o seu uso final antes de que dita enerxía se disipe totalmente. No noso caso, na medida en que carbón, petróleo e gas natural son importados, os efectos da transformación en Galiza comezan na extracción destes recursos no seu lugar de orixe e no transporte que precisan. E cando esa transformación se dá na Galiza os efectos deixanse notar fóra da Galiza por mor das emisións de gases de efecto de estufa. As fronteiras políticas e/ou administrativas non son suficientes para limitar os efectos ambientais.
    Tamén coincido no matiz sobre os datos de 2010 que utilicei non por ser os máis vantaxosos senón por ser os últimos dispoñíbeis. Con todo, certamente é necesario non ficar no resultado dun ano senón na evolución dos mesmos para evitar os posíbeis efectos estacionais nas estatísticas. Se o dato de 2010 resultase ser, finalmente, froito deste carácter estacional teríamos aínda máis argumentos para afirmar a considerábel dependencia enerxética da Galiza

Deixa una resposta a Xosé Veiras Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *