O ecoloxismo galego advirte sobre os proxectos de plantas de biomasa en Galiza e os cultivos daniños que levarán asociados

Reproducimos nota de prensa da Federación Ecoloxista Galega do 30 de novembro:

O estudo contempla a plantación de especies como a mimosa ou a paulownia para a súa queima posterior nas plantas previstas

Un estudo do INEGA prevé a utilización a grande escala de cultivos enerxéticos para os proxectos de plantas de biomasa en toda Galicia

As plantas de biomasa precisarían de grandes cantidades de cultivos enerxéticos

Un recente estudo realizado polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) que ten como título “Análisis de la viabilidad del mercado de biomasa en Galicia y norte de Portugal” recoñece a necesidade da utilización a grande escala de cultivos enerxéticos para os 12 proxectos de plantas de biomasa para producir electricidade que se pretenden instalar no territorio galego. Segundo este estudo dispoñible na páxina web do INEGA, o territorio galego sería un bo lugar para a plantación de grandes superficies de cultivos enerxéticos que queimar nás incineradoras de biomasa. O estudo do INEGA indica tamén que as especies máis apropiadas para os cultivos enerxéticos na Comarca serían especies alóctonas como a Paulownia ou o eucalipto e tamén especies invasoras que levan anos afectando aos montes da galegos como a mimosa, a acacia de madeira negra ou a falsa acacia.

Os cultivos enerxéticos non son unha opción de futuro para o monte galego

O estudo do INEGA considera que un total de 163.486 ha de monte galego poderían ser usadas para a plantación de cultivos enerxéticos en Galicia, cunha produtividade de 1.139.000 Toneladas ao ano.

A FEG lembra que a Xunta está a preparar unha Orde para regular os cultivos enerxéticos en Galiza, que suporía unha gran ameaza para os montes galegos. Os cultivos enerxéticos son aqueles cultivos forestais intensivos que teñen como destino final a súa queima para obter enerxía. O borrador da Orde que prepara a Xunta de Galicia permite realizar plantacións intensivas de alta densidade con extensións de ate 100 hectáreas de especies alóctonas e invasoras como paulownia, o liquidambar, o liriodendron ou o eucalipto.

Esta clase de plantacións enerxéticas precisan de grandes cantidades de abonos, auga e pesticidas, contando tamén con densidades moi elevadas. Deste xeito, estes cultivos resultan moi agresivos co medio debido aos ciclos de corta reducidos de 3 ou 4 anos, degradando o solo e eliminando a súa fertilidade. Por outra banda, os cultivos enerxéticos constitúen un paso máis na perda de biodiversidade dos montes e na desaparición das masas forestais autóctonas.

A FEG oponse de xeito rotundo ás plantacións de cultivos enerxéticos ligadas aos distintos proxectos de plantas de biomasa para producir electricidade que se están tramitando en Galiza na actualidade.

Desde a FEG considérase que as plantas de biomasa para producir electricidade e os cultivos enerxéticos non son solucións para o monte galego. Cómpre apostar por outro manexo fundamentado na multifuncionalidade e no que o silvopastoralismo, a plantación de frondosas ou a compostaxe dos restos forestais sexan as iniciativas a apoiar desde o goberno galego.

2 thoughts on “O ecoloxismo galego advirte sobre os proxectos de plantas de biomasa en Galiza e os cultivos daniños que levarán asociados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.