A CUP catalana propón que Girona se una ás «Transition Towns»

CUP GironaSon poucas as organizacións políticas conscientes do problema do Teito do petróleo — ou cando menos, que o recoñezan publicamente. E menos aínda as que propoñen medidas prácticas para facerlle fronte. Por iso semella unha boa nova coñecer que a CUP de Girona vai presentar unha moción no concello desta cidade catalana para se unir ao movemento de localidades en transición a un mundo pospetróleo.

Segundo explicou a organización independentista, con isto contribuírase a reducir a dependencia enerxética e camiñaríase tamén cara á soberanía catalana no plano enerxético. Tamén indican que existen iniciativas que camiñan cara á transición como o Banco de Tempo e a moeda local, pero agora reclaman do concello que as apoie e impulse.

Resulta de interese lembrar as palabras de Antonio Turiel recentemente publicadas por Altermundo, ao respecto do que podería implicar unha Cataluña indepente para lograr o necesario Decrecemento:

A independencia sería útil se for acompañada da independencia con respecto a este sistema económico insostible. A posible fractura de España abre a porta a que aquí se comecen a facer as cousas de maneira diferente, aínda que non son demasiado optimista a ese respecto. Hai algúns autores reputados, como Gail Tverberg ou John Michael Greer, que indican que unha vía que historicamente se ten usado para saír dunha trampa de débedas impagables é a secesión e a creación de novos países que se desentenden da débeda histórica: nese sentido, a secesión catalana, para ser efectiva, debería negarse a asumir ningunha débeda previa. Non esquezamos que as débedas actuais teñen unha forte compoñente ilexítima (transferíronse diñeiros públicos á banca privada totalmente de balde, coa aquiescencia de Bruxelas) e é importante non as recoñecer; facer suspensión de pagamentos (agora dicimos default, que soa máis fino) é algo que se ten repetido na historia: España fíxoo seis veces durante o seu Século de Ouro.

Eu creo que a actual tendencia á descomposición de España, que en Cataluña tomou trazos de clamor popular e que pode acabar sendo seguido por outras nacionalidades históricas e mesmo por algunha autonomía insospeitada, é un síntoma máis do colapso do Estado-nación que é España, e reforzo do necesario localismo que ha rexer o noso futuro.

Lembramos tamén que este tipo de ideas tamén foron apoiadas en Galiza polo goberno municipal de Teo, aínda que o seu desenvolvemento se está a demorar desde a aprobación da moción sobre o peakoil.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *