Os científicos avisan novamente dun probable colapso da civilización a nivel planetario

Can collapse of civilization be avoided?Traducimos o artigo aparecido o día 11 de xaneiro en IPS News co título Experts Fear Collapse of Global Civilisation:


Os expertos na saúde do noso planeta están aterrorizados acerca do futuro. Están vendo con claridade como se achega o colapso da civilización mundial a causa dun conxunto de problemas medioambientais interconectados.

«Estamos todos asustados», dixo Paul Ehrlich, presidente do Centro para a Bioloxía da Conservación na Universidade de Stanford.

«Pero debemos dicir a verdade acerca do que está a suceder e mobilizar a xente para facer algo que o evite», declarou Ehrlich a IPS.

O colapso mundial da civilización humana aparece como probable, segundo indican Ehrlich e a súa compañeira Anne Ehrlich na prestixiosa revista científica Proceedings of the Royal Society.

Este colapso tomará a forma dun «…derrubamento gradual porque as fames, epidemias e desabastecementos de recursos causan unha desintegración do control central dentro dos países, en paralelo a interrucións no comercio e conflitos polos cada vez máis escasos bens esenciais», escriben.

Xa hai dous mil millóns de persoas que pasan fame hoxe en día. A produción de alimentos é a maior industria da Humanidade e xa se está a ver afectada polo clima e outros problemas medioambientais. «Ningunha civilización pode eludir o colapso se non dá alimentado a súa poboación», aseguran os autores.

O clima nunha escalada de disrupción, a acidificación dos oceanos e as súas zonas mortas, o esgotamento da auga superficial e a extinción de plantas e animais son os principais causantes deste colapso que se achega, escriben no artigo revisado por pares Pode evitarse un colapso da civilización mundial? que foi publicado esta semana.

Ducias de expertos en sistemas da Terra foron consultados na elaboración do artigo de 10 páxinas que contén máis de 160 referencias.

«Falamos con moitos dos principais expertos a nivel mundial para reflectir o que está a pasar realmente», dixo Ehrlich, un eminente biólogo e gañador de numeroros premios científicos.

A nosa realidade é que o sobreconsumo actual de recursos naturais e o dano resultante aos servizos sostedores da vida que a natureza nos fornece implica que necesitamos outro medio planeta para continuar. E iso se todos os sete mil millóns de humanos permanecen nos seus estándares de vida actuais, din os Ehrlichs.

Se todos vivísemos como un cidadán estadounidense, entón precisaríamos de 4 a 5 planetas.

A poboación mundial está previsto que medre nuns 2.500 millóns para 2050. Non fai falla un ser experto para concluír que o colapso da civilización será inevitable se non se acometen mudanzas profundas.

Estamos afrontando un futuro onde milleiros de millóns de persoas seguramente van morrer, e aínda así pouco se está a facer para evitar un desastre seguro, advirte o biólogo.

«Os políticos e o público en xeral non están aterrorizados acerca diso porque eles non teñen a información ou o coñecemento acerca de como funciona o planeta», explica.

En marzo do 2012 a comunidade científica mundial elaborou o primeiro “Informe sobre o estado do planeta” da historia na conferencia “Planeta baixo presión” celebrada en Londres. Máis de tres mil expertos concluíron que a Humanidade afronta unha «emerxencia planetaria» e que non hai tempo que perder para poñer en marcha mudanzas a gran escala.

En 2010, unha coalición de organismos científicos nacionais e internacionais de 141 países advertiron de que «o funcionamento continuado do sistema terrestre tal e como o coñecemos, está en perigo».

«A situación é absolutamente desesperada e nin por esas aparece nada nas capas dos xornais ou na axenda dos líderes mundiais», dixo Pat Mooney, director da organización ecoloxista ETC Group.

«A falta de atención é unha traxedia», declarara previamente Mooney a IPS.

As solucións existen e son brevemente descritas no artigo de Ehrlich. Porén, requeren mudanzas radicais. Todos os países precisan facer todo o que poidan para reducir as súas emisións de carbono a partir de combustibles fósiles sen importar as accións ou falta delas por parte dos demais países, afirmou.

A protección da biodiversidade da Terra debe protagonizar todas as decisións políticas e económicas. Os sistemas de subministro de auga e de enerxía deben ser redeseñados. A agricultura debe pasar dos monocultivos industriais intensivos baseados en combustibles fósiles a sistemas de produción de alimentos con base ecolóxica. A resiliencia e a flexibilidade serán esenciais para a supervivencia da civilización.

Un elemento chave para afrontar ese reto sen precedentes é «…vernos a nós mesmos profundamente insertos na Natureza e non como algo separado deses valiosísimos sistemas que sosteñen toda a vida», escribe o Príncipe Charles de Inglaterra nun comentario ao artigo de Ehrlich.

«Continuarmos co ‘business as usual’ é un acto suicida de proporcións gargantuescas», conclúe o Príncipe Charles.


O artigo Can a collapse of global civilisation be avoided? pódese descargar completo do web da Royal Society (PDF).

3 reflexións sobre “Os científicos avisan novamente dun probable colapso da civilización a nivel planetario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.