O Parlamento Galego insta á Xunta a declarar unha moratoria do «fracking»

Fracking NONHai poucos meses que se coñecía que a Xunta de Galicia estaba literalmente ofrecendo o país para as empresas enerxéticas explotaren o posible gas natural que houbese escagallado no noso subsolo mediante a fractura hidráulica ou fracking.

Agora, a acción do grupo parlamentario de AGE ven de acadar o apoio de todo o Parlamento para que se instaure unha moratoria para ese tipo de técnica tan contestada socialmente en todo o mundo. Trascribimos a nota de prensa recibida onte:

Alternativa Galega de Esquerda acada o apoio das forzas políticas do Parlamento para instar á Xunta a unha moratoria do ‘fracking’

O grupo parlamentario, a través do seu deputado Antón Sánchez, quere que Galicia non aplique esa técnica de extracción de gas natural, cuestionada por científicos e ecoloxistas e prohibida en numerosos Estados europeos.

O fracking é unha perigosa técnica, para as persoas e para o medio ambiente, de extracción de gas natural. Tan perigosa que Estados como Irlanda, Canadá ou Francia prohibírona e Australia, Bulgaria ou Sudáfrica estabeleceron unha moratoria. Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a través dunha proposición non de lei presentada en comisión polo seu deputado Antón Sánchez, acadou o apoio de todas as forzas políticas con escano no Parlamento para instar á Xunta a “acordar unha moratoria” na súa utilización “mentres non se garanta a súa seguridade e inocuidade para o medio ambiente e as persoas a través dunha lexislación que a desenvolva”. O texto aprobado foi froito dunha emenda de substitución transaccionada que finalmente subscribiron os catro grupos da Cámara.

O fracking consiste en fracturar as rochas a gran profundidade –entre dous e cinco quilómetros– mediante a inxección de grandes depósitos de auga e de area con diversos produtos biotóxicos. As grandes corporacións que empregan a técnica néganse a concretar a composición dos mesmos, pero o certo é que dos miles de litros de auga usados, só se recuperan entre o 50% e o 70%. O resto queda depositada nas entrañas da terra e pode afectar aos acuíferos. Algúns países mesmo detectaron efectos sísmicos debido a esta maneira de extraer gas. Apostar por esta controvertida técnica, cuestionada por técnicos, ecoloxistas e científicos, supón, en palabras de Antón Sánchez, “unha marcha atrás no camiño das enerxías renovábeis”. A vía dos combustíbeis fósiles, que as grandes compañías eléctricas parecen defender ao se valer do fracking, significa, conclúe Sánchez, “un intento de prolongar o pasado no canto de encarar o futuro”.

Parabéns a todas as forzas políticas representadas no Parlamento Galego pola súa sensatez; esperamos agora que a Xunta de Galicia faga caso desta demanda trasmitida polos representantes dos cidadáns.

2 thoughts on “O Parlamento Galego insta á Xunta a declarar unha moratoria do «fracking»

  1. 22 Febreiro, 2013 at 10:48 a.m.

    Segundo informou o Gabinete de Prensa do SLG, vense de publicar unha alarmante información sobre a relación entre fracking e gas radón no xornal “De luns a venres”:

    (…) unha interesante reportaxe sobre o gas radón e a animalada que supón unha práctica coma o fracking ao respecto. A cita é de Juan M. Barros, director do Laboratorio do Radón (USC), a quen entrevistan:

    “Aburatar a terra dous quilómetros é unha salvaxada; convértese nun queixo gruyère e xa non é que saia o radón á superficie, senón que aparece nas augas, nos lodos… O gas ascenderá igual que cun terremoto e penetrará polo subsolo fracturado nas casas. Outros elementos radioactivos que hai nas rochas, como o potasio ou o torio, tamén sairán, ao igual que os que non o son, como o cadmio ou o arsénico”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *