A economía tal e como a coñecemos deixará de ser viable en aproximadamente dez anos

Capa do informe 'Perfect Storm' de Tullet PrebonGrazas a Antonio Turiel coñecimos o último informe do Dr. Tim Morgan para a empresa de intermediación financeira Tullett Prebon, que se ten distinguido xa no pasado por falar abertamente do Teito do petróleo e as demoledoras consecuencias que ten este feito para a economía global.

O informe forma parte dunha serie de análises estratéxicas que a empresa ofrece aos seus clientes e ao público en xeral e leva por título «Perfect Storm. Energy, finance and the end of growth» (A tormenta perfecta. Enerxía, finanzas e o fin do crecemento). O documento presenta diversos factores que ameazan co colapso da economía mundial nun prazo moi breve de tempo (apenas uns anos). Nós quixemos traducir ao galego a última parte do informe —que toca máis de preto o asunto da enexía— para contibuír a espallar no noso país o coñecemento da gravísima situación que expón o informe, e que coincide con outros dos que vimos dando conta neste blog.

Facemos notar aos lectores que o informe non procede precisamente dun colectivo ecoloxista nin decrecentista senón dunha empresa de broking do corazón do capitalismo británico.


(Extracto do informe Perfect Storm, de Tim Morgan: pp. 72-84)

O retorno enerxético: a ecuación asasina

A preocupación inmediata non é unha caída en volume absoluto da enerxía dispoñible, por moi grave que isto poida tamén ser. O realmente crítico é a relación entre a enerxía extraída e a cantidade de enerxía consumida no proceso de extracción. Coñecida como a Taxa de Retorno Enerxético (TRE ou EROEI en inglés), é a ecuación asasina onde se xoga a viabilidade da economía. Por dicilo en termos simples, non ten ningún sentido producir 100 barrís de petróleo (ou o seu equivalente noutras formas de enerxía) se temos que consumir 100 barrís (ou máis) no proceso de extracción. Aínda que foi descrita antes como unha ecuación da enerxía, unha definición máis precisa da economía explícaa como unha dinámica do superávit enerxético, movida pola diferenza entre a enerxía extraída e a enerxía consumida no proceso de extracción. Como xa vimos, a sociedade e a economía naceron cando a agricultura liberou o primeiro excedente enerxético. A historia económica posterior foi un proceso para incrementar ese excedente por medio do dominio de cantidades cada vez meirandes de enerxía extra.

As matemáticas da TRE son ben doadas. Se a TRE é de 50:1, quere dicir que se extraen 50 unidades por cada unha que se inviste no proceso de extracción. A división aquí é 50:1 entre beneficio e custo enerxético, o cal quere dicir que o custo neto da enerxía é 1,96% (1/51). De maneira semellante, o custo enerxético da enerxía é 0,99% (1/101) cando a TRE é de 100:1, 3,8% (1/26) cando é 25:1 e 9,1% (1/11) cando é de 10:1. A mellor maneira de representar graficamente a TRE é o gráfico do cantil (fig. 5.10). O eixo horizontal mostra a TRE como un múltiplo, indo neste caso desde 100:1 a 0. O eixo vertical divide a enerxía bruta producida entre a enerxía beneficio (a área escura na parte máis baixo da gráfica) e a enerxía custo (a área máis clara). Cunha TRE de 100:1, a situación é totalmente de beneficio, cunha porcentaxe beneficio-custo de 99:1. A ratio porcentaxe segue a ser moi forte (98:2) cunha TRE de 50:1, e aínda é robusta (96:4) cunha de 25:1.

Fig. 5.10

Por baixo dunha TRE de en torno a 15:1, porén, o elemento beneficio cae por un cantil, porque hai un incremento exponencial na compoñente custo, que medra desde o 4,8% cando a TRE é de 20:1 a 6,3% cando é 15:1, 9,1% cando é 10:1 e 16,7% cando é 5:1. Este proceso de escalada de custo ilústrase na fig. 5.11 que mostra que o custo enerxético mesmo é outra adición máis á colección de progresións exponenciais (que inclúe a poboación, o consumo de enerxía a a produción económica) que dominan o mundo que coñecemos. Pero neste caso, a progresión exponencial é negativa.

Fig. 5.11

Fig. 5.12

É importante salientar que a gráfica do cantil amosada na fig. 5.10 non é linear no tempo. Aínda así, e como deixa claro a fig. 5.10, a progresión nas fontes enerxéticas estase a mover sen lugar a dúbida e de maneira inexorable cara TREs cada vez máis baixas.

Os descobrementos de petróleo nos anos 1930 ofrecían TREs ben por riba do 100:1, mentres que esa ratio ten caído ata preto de 30:1 xa nos 1970s, e poucos descobrementos hoxe ofrecen unha TRE moito mellor de 10:1. Nos heroicos días da industria petroleira que precederon á II Guerra Mundial, a ratio era alta, porque cun pequeno investimento enerxético (a miúdo consistente en pouco máis que un equipamento rudimentario de perforación en terra e torretas para os pozos) podían acceder a campos de petróleo extremadamente grandes. Xa nos anos 1970, estas fontes doadas (de baixo custo) estaban xa moi avanzadas no camiño do seu esgotamento, e a industria estaba desenvolvendo campos que eran máis pequenos e máis custosos, e cada vez máis, baixo o mar.

A industria do petróleo ten amosado unha enorme capacidade para desenvolver técnicas como a inxección de auga e de gas, a perforación horizontal, a extracción remota e varias formas de recuperación avanzada de petróleo (AOR) a medida que os descobrementos ían sendo cada vez máis complicados desde os puntos de vista técnico e xeográfico, pero a tendencia subxacente foi un deterioro incesante das TREs a medida que os custos medraban e os tamaños medios dos campos minguaban.

Os crentes n[a teoría d]o peakoil viron nesta progresión un indicio dun progresivo estrés sobre as reservas, o cal por suposto é. Pero o significado que esta progresión ten en realidade para a economía estriba no rápido deterioro das TREs máis ca no esgotamento das reservas absolutas. A TRE media do Mar do Norte hoxe en día pode que non sexa maior ca 5:1, moi lonxe das ratios que superaban o 100:1 producido nos descobrementos pioneiros nas areas de Arabia.

Moito disto tamén se aplica a outros combustibles fósiles como o carbón e o gas natural. No que atinxe ao carbón, a calidade do combustible tense deteriorado a medida que os custos medraban. Case todas as reservas orixinarias mundiais de antracita (o mellor carbón en termos de contido enerxético por tonelada) xa foron esgotadas, apuxando as empresas mineiras a depender cada vez máis de carbóns bituminosos e mesmo sub-bituminosos, estes fornecendo apenas a metade do contido enerxético por tonelada có bituminoso.

As novas fontes de enerxía mostran unha tendencia semellantemente preocupante. A primeira ollada, as TRE proclamadas para a enerxía eólica terrestre parecen moi razoables a quizáis 17:1. Porén, os retornos que se lle presumen ao vento parecen ter incluído algunhas asuncións esaxeradas sobre a lonxevidade das plantas de xeración e, en calquera caso, as turbinas eólicas producen electricidade e non os combustibles de alta concentración enerxética dos que depende a economía.

Outras fontes de enerxía aparecen aínda peor en termos da TRE. Os biocombustibles rara vez superan a 3:1, e algúns mesmo son negativos. A moi cacarexada economía do hidróxeno é un mito, xa que o hidróxeno actúa como un almacén (non unha fonte) de enerxía, e é moi ineficiente na maneira en que converte a enerxía obtida de fontes convencionais. En torno ao 40% da enerxía inicial pérdese na conversión, e se cadra outro 15% no proceso de recolección e, se a enerxía así almacenada en forma de hidróxeno se reconverte en electricidade, as perdas no proceso resultan en que acabamos con apenas o 15% da enerxía que metemos ao principio do proceso.

Os responsables de políticas que depositan as súas esperanzas en fontes de hidrocarburos non-convencionais son culpables dun grao certamente extraordinario de auto-engano.

A TRE das areas asfálticas extraídas en superficie é probablemente algo mellor de 3:1 (se chega), e aquelas areas (que supoñen uns 4/5 do total) que non poidan ser extraídas da superficie só poden extraerse usando masivamente técnicas intensivas en enerxía como as SAGD, de tal maneira que as TREs resultan mínimas, ou mesmo negativas.

A última moda en espellismos colectivos ten que ver co gas e petróleo de esquistos. Estes pode que existan en efecto en enormes cantidades, pero unhas TREs de apenas 5:1 deberían deixar totalmente claro que os esquistos non son para nada a solución rápida que moitos gobernos (e os seus electorados) quererían supoñer.

Onde nos achamos agora?

Como vimos, logo, hai unha tendencia innegable cara retornos enerxéticos máis baixos con respecto á enerxía investida, con TREs a caer dentro da pizarra dos combustibles fósiles xusto no momento en que a sociedade está virando cara as renovables (como a enerxía eólica ou os biocombustibles) e a fontes non-convencionais de hidrocarburos enerxéticos (que inclúen as areas asfálticas e o gas de esquistos). A cuestión crítica (e que aínda así mereceu escandalosamente pouca atención oficial) ten que ser a de ónde está o mundo en termos da TRE total, e a onde nos pode estar levando esta ecuación crítica.

Nunha magnífica reflexión publicada en 2010, o analista Andrew Lees suxire que a TRE total, tendo caído desde 40:1 en 1990 a 20:1 en 2010, podería caer ata un valor tan baixo como 5:1 para o 2020. Aínda que o Sr. Lees non cita fontes para eses números, as súas cifras para 1990 e 2010 concordan moito coas nosas propias estimacións.

Por suposto, os responsables das políticas públicas deben esperar que este analista estea moi errado acerca da TRE total mundial no 2020 porque, se esta ratio se reduce en efecto ata soamente 5:1 ao longo dos vindeiros 7 anos, a economía tal e como a coñecemos está acabada. É tan simple como iso.

O aspecto do custo aquí é crítico. Coa ratio de 40:1 citada por Andrew Lees no 1990, o custo teórico da enerxía tería sido do 2,43% (1/41) do PIB. Se a cifra correcta para 2010 fose efectivamente de 20:1, entón a ratio nese ano tería sido de 4,76% (1/21), un incremento doroso desde 1990 pero, así e todo, una ratio coa que a economía da enerxía excedente aínda pode funcionar.

Pero cunha ratio de 5:1, a enerxía absorbería o 16,67% (1/6) do PIB, o que querería dicir que os custos da enerxía se terían incrementado nun 250% (16,67 comparado con 4,76) en soamente dez anos. Para dicilo de maneira simple, e ignorando (polo de agora) o efecto da inflación, isto sería equivalente a que o prezo medio de referencia anual do petróleo cru Brent se disparase desde 79,50 dólares/barril ata case 280 dólares/barril.

A nosa propia análise comeza cunha estimación do custo total da enerxía como porcentaxe do PIB mundial, representado para o periodo que comeza en 1965 na fig. 5.13. Os custos da enerxía, historicamente moi baixos antes de 1973, foron levados a niveis extremadamente altos polas crises do petróleo dos anos 9170 antes de volver caer de maneira importante en resposta tanto á destrución de demanda como á incentivación de fontes de subministro anteriormente non rendíbles comercialmente.

Fig. 5.13

Como resultado disto, a enerxía foi notablemente barata durante as décadas de 1980 e 1990, cunha media de quizáis o 3,1% do PIB entre 1986 e 1999, comparado cun pico estimado de case o 15% en 1979.

Por suposto, e como xa vimos, o valor e o custo da enerxía son conceptos moi diferentes, e poden crearse oscilacións de custos a curto e medio prazo por sucesos políticos e económicos que non teñan case que ver cos fundamentos subxacentes. Mesmo así, cremos que existe un aliñamento dabondo no longo prazo na relación entre TRE e custo como para que poidamos representar unha tendencia da TRE estimada (na súa forma de custo-equivalente) baseándonos nun axuste de curvas. Lembremos que o que estamos medindo non é o valor da enerxía, senón o seu custo en proporción ao valor que obtemos dela. Custo e valor só poderían ser o mesmo se non existise excedente, o cal significaría que tampouco podería existir a economía.

O noso cálculo da tendencia nas TREs amósase na liña vermella da fig. 5.13. Segundo isto, as nosas TREs calculadas para 1990 (40:1) e 2010 (17:1) están razoablemente preto dos números citados para eses anos por Andrew Lees. Para 2020 a nosa TRE proxectada (de 11,5:1) non é tan catastrófica coma a de 5:1, pero aínda así significaría que a fracción de PIB absorbida polos custos enerxéticos tería escalado ata un 9,6% desde a actual de 6,7%. As nosas proxeccións suxiren tamén que os custos da enerxía poderían absorber case o 15% do PIB (cunha TRE do 7,7:1) no 2030.

Aínda que as nosas predicións e as do Sr. Lees poidan diferir nos detalles, a conclusión en esencia é a mesma: que a economía, como a viñemos coñecendo durante máis de dous séculos, deixará de ser viable nalgún momento dos vindeiros dez anos aproximadamente a menos que, por suposto, se atope algunha maneira de reverter a tendencia. Este punto requere unha explicación adicional.

O devalar da TRE: o camiño da riqueza á pobreza

Cando observamos como un devalar brusco da TRE afecta a economía, temos que tomar nota de dous puntos chave. O primeiro é que o afundimento dos retornos enerxéticos significa que queda menos valor para outros propósitos. O segundo é que a enerxía é central para a economía no seu conxunto, e que os seus efectos van alén dos obvios custos das actividades relacionadas coa enerxía como o transporte e a xeración de electricidade.

Comecemos coa ecuación sinxela da TRE comparando unha economía con alta TRE con outra con baixa TRE, representadas aquí polas fig. 5.14 e 5.15. Cada gráfica divide a totalidade da enerxía producida en tres fluxos. A compoñente vermella é a proporción da enerxía extraída que ten que se reinvestir no proceso de extracción, ben sexa como gasto en infraestruturas (capital) ou en extracción (gastos operativos). Nunha economía cunha alta TRE (fig. 5.14), o grao de reinvestimento requerido é pequeno, e deixa a maior parte da enerxía producida para ser utilizada para mover a economía. Desta parte, vai algo –mostrado en azul claro– para funcións esenciais, como a produción de alimentos e a provisión de sanidade, forzas de seguridade e administración pública. O restante, mostrado en azul escuro e sustancial na economía de alta TRE, alimenta todas as actividades discrecionais, incluíndo todas as demais formas de consumo e investimento.

Fig. 5.14 e 5.15

Se a TRE cae de maneira importante, como na fig. 5.15, consúmese unha parte moito maior da enerxía bruta no proceso de extracción, o que resulta nunha consecuente contracción da enerxía dispoñible para a economía. A sociedade aínda se pode permitir o esencial, pero o apalancamento na ecuación é tal que a enerxía dispoñible para usos discrecionais diminúe dunha maneira sumamente rápida. Velaí marchan, por vía da exprimida TRE, o coche, as vacacións, a casa máis grande, o MP3, a comida fóra de casa, os xoguetes dos rapaces, a tarde no clube de golf ou as entradas para o partido de fútbol. Se a TRE cae de maneira constatable, acabouse o noso modo de vida consumista.

Hai dúas cousas realmente desagradables que veñen da man dunha TRE en descenso. A primeira, que a enerxía neta dispoñible pode caer por baixo do mínimo requerido para funcións esenciais, incluíndo a sanidade, a administración ou a seguridade pública. Non se pode dicir que sexa esaxerado comparar unha TRE devalante cun bombardeo que devolve as sociedades á época preindustrial. Por suposto, un decrecemento na enerxía neta por baixo dos niveis de subsistencia é unha consecuencia implícita de a TRE minguar por baixo dun certo punto —un punto que é difícil de calcular, pero que é probable que ocurra dentro da vindeira década— o cal significa que é entón cando os peores resultados de todos comezan a ter lugar.

Segundo: por suposto, un devalar da dispoñibilidade de enerxía neta podería (en realidade case é seguro que o fará) resultar en conflitos motivados pola competencia no acceso a fontes de enerxía cuns excedentes en retroceso.

O comezo dun colapso?

Tal e como vimos, a enerxía é absolutamente fulcral para todas as formas de actividade, de modo que a ameaza que supón un devalar agudo na dispoñibilidade de enerxía neta espállase a todos e cada un dos aspectos da economía, e afectará ao subministro de alimentos e auga, ao acceso a outros recursos e ás estruturas da administración e da seguridade.

A historia da agricultura moderna trata da alimentación dunha poboación mundial que medrou continuamente a partir dunha base de recursos basicamente finita. En tempos do teórico da poboación Thomas Malthus (1766-1834), tería parecido inconcebible que a poboación mundial puidese medrar desde os 870 millóns de 1810 ata os 6.900 millóns de 2010. Que isto puidera ter lugar foi somentes debido á aplicación de enerxía exóxena á agricultura, un proceso que produciu unha expansión na produción de alimentos que sobrepasou un incremento de x7,9 no número de humanos durante o mesmo periodo. Basicamente, hai dous medios nos que se pode aumentar o produto da agricultura. O primeiro é poñer máis terra a producir, o que de feito se fixo, pero practicamente toda a terra viable para uso agrícola estaba xa sendo cultivada en 1960.

O segundo é aumentar o produto por hectárea, que foi o que a revolución verde conseguiu: entre 1950 e 1984, por exemplo, a produción mundial de gran aumentou nun 250% aproximadamente.

O malo disto, por suposto, é que a revolución verde foi, de maneira abrumadora, o produto de inputs (insumos) enerxéticos. Dito máis claramente: a plantación, colleita, procesado e distribución foi posible grazas aos combustibles fósiles, principalmente o petróleo. Os fertilizantes foron producidos a partir do gas natural, mentres que a maior parte dos praguicidas están feitos a partir do petróleo. O impacto dos inputs enerxéticos na produtividade agrícola non pode ser calculado dunha maneira exacta, pero algunhas estimacións suxiren que estas achegas incrementaron a produción por hectárea polo menos nun 85%. O que isto aparentemente implica —que a produción de alimentos podería reducirse polo menos á metade se estes inputs deixan de estar dispoñibles— é case con seguridade unha subestimación grave, porque ignora tanto a perda de nutrientes presentes de maneira natural e a adaptación realizada das terras aos monocultivos intensivos en insumos.

Semella que hai unha alta probabilidade de que as recentes crises alimentares estean directamente vencelladas ao aumento dos custos enerxéticos, e que a escalada dos prezos dos alimentos se deba polo menos tanto á constrición enerxética como a un continuo medre da poboación mundial. Por suposto, o cultivo destinado a combustibles empeora a redución da dispoñibilidade de alimentos e, como xa vimos, ofrecen TREs tan baixas que son unha resposta absolutamente futil á perda de subministros enerxéticos.

Os efectos derivados en segunda instancia da constrición enerxética van moito máis alá da cuestión alimentar, malia o seria que esta é. A produción da maioría de minerais deixaría de ser economicamente viable sen acceso a unha enerxía relativamente asequible. A mina xigante de Bingham Canyon en Utah, por exemplo, extrae cobre a partir de concentracións dun 0,25%, o que quere dicir que deben procesarse unhas 400 toneladas de rocha por cada tonelada de cobre que se obtén, un proceso que é descomunalmente intensivo en enerxía. Os máis dos plásticos obtéñense ou ben do petróleo ou ben do gas natural. A desalinización é extremadamente intensiva en demanda de enerxía, o que significa que calquera suba súpeta dos custos da enerxía recurtará unha fonte cada vez máis importante de auga potable. Os plans actuais contan con incrementar as cantidades de auga obtida mediante desalinización desde os 68 mmc3 de 2010 ata os 120 mmc3 en 2020, un plan que semella delirantemente pouco realista se a dispoñibilidade de enerxía neta está a devalar a un ritmo parecido ao que suxire a nosa análise das tendencias da TRE.

A lóxica dunha TRE que se deteriora lévanos a prever que o investimento en infraestrutura enerxética medrará moito máis axiña có conxunto da economía nun proceso que se ten denominado espallamento enerxético (energy sprawl). No fondo, a produtividade decrecente implica que a estrutura enerxética debe aumentar máis rapidamente có volume de enerxía producido, e este proceso está claramente en marcha, aínda que principalmente nas economías emerxentes (onde a demanda enerxética continúa a medrar) máis ca no mundo desenvolvido. Isto é do máis evidente no investimento masivo que se está a inxectar en todos os aspectos da cadea enerxética en China. Os cálculos nisto son abraiantes. Se asumimos (por simplicidade) que o PIB real permanece constante durante un periodo de dez anos no que a TRE total cae do 20:1 ao 10:1, os custos da enerxía deberían medrar a un ritmo composto anual do 7,4% mentres que o resto da economía se reduciría nun 0,5% cada ano.

Entendendo o panorama

Cando tratamos sobre a ecuación do excedente enerxético fica unha pregunta: cando saberemos que comezou o devalo?

Os seguintes son algúns dos indicadores máis obvios do devalo:

  • Escalada nos prezos da enerxía. Os prezos de mercado da enerxía axustados á inflación (e, o máis importante, o do petróleo) suben de maneira aguda, aínda que dun xeito en zig-zag a medida que as escaladas de prezos afogan o crecemento económico e impoñen detraementos a curto prazo na demanda.
  • Estrés agrícola. Iso será do máis evidente en forma de repuntes máis frecuentes nos prezos dos alimentos, combinados con desabastecementos nos países máis pobres.
  • Espallamento enerxético. O investimento en infraestruturas enerxéticas absorberá unha proporción que será pouco a pouco máis grande do investimento mundial en capital.
  • Parálise económica (economic stagnation). A medida que o devalo da TRE se acelere, pode esperarse que a economía mundial vire cada vez máis ralentizada e que non poida recuperarse das caídas de maneira tan robusta como sucedera no pasado.
  • Inflación. Un excedente enerxético que se esgota combinarase cunha economía monetaria sobredimensionada para crear unha inflación en alza.

Coa excepción (ata o de agora) da inflación, todos estes indicadores déronse con claridade nos últimos anos, o cal suxire que a economía do excedente enerxético chegou xa ao seu punto de emborque.

(O texto foi traducido grazas á colaboración da Asociación Touda.)

4 thoughts on “A economía tal e como a coñecemos deixará de ser viable en aproximadamente dez anos

  1. 12 Marzo, 2013 at 12:27 p.m.

    Esquerda Unida – Os Verdes fixo mención deste informe no seu comunicado de prensa enviado onte aos medios e onde reclama que o goberno municipal abra os ollos e poña en marcha unha adaptación do gasto e investimento a esta realidade enerxética.

    Agardemos que outros grupos políticos comecen a reclamar con urxencia esta preparación socio-económica a todos os niveis. O tempo (e os recursos) estáse a esgotar!

Deixa una resposta a casdeiro Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *