Véspera de Nada lamenta fondamente a aprobación dunha proposición non de Lei que daría luz verde aos cultivos enerxéticos

Eucaliptos en Galicia (FONTE: Wikimedia Commons)O pasado 14 de marzo o Parlamento Galego aprobaba por maioría unha proposición non de lei sobre os cultivos enerxéticos «en relación co uso da biomasa forestal como fonte enerxética e co seu aproveitamento en proxectos empresariais». A proposta partiu do Partido Popular e, incompresible e sorprendentemente, foi apoiada por AGE.

A proposta consiste basicamente dar luz verde aos cultivos enerxéticos ao longo de todo o país co fin de obter materia prima para o que se dá en chamar biomasa, isto é, os famosos pellets que pasarán a ser incinerados en centrais térmicas de biomasa para a produción eléctrica ou ben como combustible habitual de calefacción doméstica.

O capitalismo ten, entre outras moitas propiedades, a de converter boas ideas en ideas perversas. O aproveitamento de residuos procedentes das actividades forestais é un fin válido para a produción de combustible orgánico (a famosa biomasa) pero o cultivo específico de determinadas especies arbóreas con este fin tórnase nun uso perverso do territorio.

Dende un punto de vista enerxético, este tipo de industria supón o afondamento na produción insostible de enerxía cando nos enfrontamos no medio prazo a un escenario global de déficit enerxético pola rarificación dunha rocha orgánica denominada petróleo, básica non só para o mantemento da civilización na terra tal e como agora a coñecemos, senón tamén para a pervivencia de máis de 7.000 millóns de persoas. As políticas enerxéticas deberan estar encamiñadas a afrontar este reto, en definitiva, limitar a nosa dependencia da enerxía fósil mediante o decrecemento e a produción sostible e extensiva. Os cultivos enerxéticos para a produción de biomasa supoñen un afastamento definitivo destes obxectivos. Curiosamente están consideradas como enerxías renovables cando aínda non hai un aval científico que lles outorgue esa característica de renovable; neste senso podemos preguntarnos cántas unidades de enerxía se precisan para obter electricidade con este sistema.

Dende un punto de vista ambiental, social e territorial supoñen unha auténtica traxedia pois sacrificarán extensións inasumibles de territorio a cultivos forestais intensivos en ciclos curtísimos (de 4 a 6 anos) con especies alóctonas como os eucaliptos entre outros. Os seus efectos sobre a biodiversidade, a fertilidade do chan, os ciclos da auga, a paisaxe, etc. son demoledores. Supoñen sacrificar o territorio para o lucro absurdo dunha pequena elite de especuladores enerxéticos. Xerarán, ademais, máis problemas indirectos como os lumes que se deberán solucionar, paradoxicamente, con cartos públicos. En combinación coas novas obrigas fiscais impostas ás comunidades de montes, suporán deixar en mans dunhas poucas empresas (as sociedades de Fomento Forestal –SOFOR–) a xestión da maior parte do territorio de Galicia. A irreversibilidade de facto na natureza cando se toman decisións como esta é outro elemento a considerar seriamente.

Non nos sorprende a iniciativa do PP, que é unha peza necesaria na trama forestal que se lucra coa explotación insostible do monte nese perverso ciclo de piñeiros e eucaliptos/ lume / industria pasteira e do taboleiro, pero si que nos deixa completamente descougados que unha coalición de novo cuño, como AGE, que se di de esquerdas e a prol da sustentabilidade, apoie semellante aberración enerxética, ambiental, territorial e social. Instamos á rectificación inmediata e a depuración de responsabilidades dentro desta coalición pois ademais, entre outras cuestións, contradí o seu programa de goberno, no que precisamente aceptaron incluír, en periodo electoral as propostas da nosa asociación para preparar o país perante o Teito do petróleo.

[ACTUALIZACIÓN 18:30 H] Membros de AGE puxéronse en contacto connosco para nos explicar que na proposición non de lei devandita non se fai mención explícita aos cultivos enerxéticos aínda que recoñecen que debido a unha redacción ambigua podería entenderse en efecto que non os exclúe. Tamén nos informan de que a semana que vén se vai tramitar outra proposición non de lei a iniciativa de AGE que deixará clara a súa posición de rexeitamento aos cultivos con fins enerxéticos, que segundo nos lembran veñen defendendo repetidamente no Parlamento, nomeadamente mediante as intervencións do parlamentario Antón Sánchez García. Desde a nosa asociación agardamos que esa nova proposición deixe fóra de dúbidas o rexeitamento desta coalición á aberración do cultivo de biomasa, que sexa aprobada polo conxunto do Parlamento e quede así conxurado este perigo que ameaza o país. Tamén agardamos que futuras redaccións das propostas que apoien sexan absolutamente claras e non deixen lugar a dúbidas nin pé a interpretacións opostas ao que en principio defenden.

12 thoughts on “Véspera de Nada lamenta fondamente a aprobación dunha proposición non de Lei que daría luz verde aos cultivos enerxéticos

  1. David Fernández Calviño
    12 Abril, 2013 at 5:29 p.m.

    Aclaración sobre o realmente acontecido.

    É mentira que o 14 de marzo de 2013 o Parlamento Galego aprobase unha proposición non de lei sobre os cultivos enerxéticos.

    Na PNL que foi debatida o que se aprobou foi o impulso do aproveitamento da biomasa forestal para o seu uso en calefaccións e para o seu uso con fins enerxéticos de xeito descentralizado con plantas comarcais para reducir os custes de transporte.
    En AGE estamos a favor de acadar a independencia enerxética de Galiza e polo tanto apoiamos este tipo de iniciativas.
    Persoalmente prefiro queimar na miña calefacción madeira de carballo como se fixo tradicionalmente que queimar gasoil.

  2. 12 Abril, 2013 at 6:42 p.m.

    Tes razón, David, en que non é correcto o título que puxemos da proposición, mais tampouco é xusto dicir que é unha mentira pois non había ánimo de enganar a ninguén. Agora mesmo o corriximos.

  3. 12 Abril, 2013 at 6:47 p.m.

    Para maior claridade, reproducimos aquí o texto que aprobou a comisión parlamentar:

    O texto aprobado é o seguinte:

    “O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

    1º.- Impulsar o uso de biomasa forestal como fonte enerxética, así como tamén a analizar e promover cantas medidas sexan precisas en apoio dos proxectos empresariais dirixidos ao aproveitamento deste recurso tan abundante en Galicia e que ademais das súas evidentes vantaxes ecolóxicas contribúe á creación de emprego e beneficia o desenvolvemento económico do medio rural.

    2º.- Impulsar o aproveitamento da biomasa forestal como fonte de enerxía para reducir a dependencia enerxética do noso país. Neste sentido será necesario potenciar:

    O aproveitamento da biomasa forestal con fins enerxéticos.

    A implantación de fábricas de “pellets” para uso en calefaccións.

    A instalación de caldeiras de biomasa para calefacción en todos os ámbitos, preferentemente nos fogares.

    A creación de plantas comarcais para produción de enerxía eléctrica, xa que o transporte da biomasa é un factor limitante para a súa sustentabilidade económica e ecolóxica.

    A aceleración dos investimentos previstos no ‘Convenio específico entre o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a Comunidade Autónoma de Galicia para a execución, seguimento e evaluación das das accións incluídas nos plans de zona das súas zonas rurais”.

  4. Oscar
    12 Abril, 2013 at 9:10 p.m.

    Ola, penso que será unha lei para evolucionar o RD 1579/2011 polo que se regulan os criterios de sustentabilidade dos biocarburantes. Non se trata de centrais térmicas a esgalla, seenon d ecentrais de biomasa… Teñamos en conta que a biomasa non s eten en conta como actividade emisora de CO2, sempre que cumpla os criterios do anterior RD. Dita actividade está completamente dacordo cas directivas e reglamentos da UE e considérase completamente sustentable, e suma no cómputo das enerxías renovables. Supón polo tnato un avance no obxectivo de conseguir unha Galiza sen petróleo…. 🙂

  5. B
    13 Abril, 2013 at 11:31 a.m.

    Caros
    O titular do post nom é errado no mais mínimo. A “biomassa florestal” inclui as culturas florestais energéticas e de facto no debate dessa iniciativa o PP rejeito acrescentar o termo “residual” (“biomassa florestal residual”) para que ficasse claro que nom eram culturas. O PP e determinado lobby empresarial sabem o que querem e ha outros que fam de comparsas.

    Tem razom Óscar em que a proposta coincide com as políticas de UE, o problema é que há anos que a UE fixo umha clara aposta polas culturas energéticas que venhem denunciando múltiples organizaçons na Galiza (sindicalismo labrego, nacionalismo, ecologistas,…).

    1. 15 Abril, 2013 at 8:34 a.m.

      PP rejeito acrescentar o termo «residual» («biomassa florestal residual») para que ficasse claro que nom eram culturas

      Quererás dicir para que ficase claro que SI eran culturas, ou?

  6. Xabier
    14 Abril, 2013 at 12:14 a.m.

    Olá. Unha central de biomasa é unha central térmica: simplemente emprégase un combustible, neste caso materiar vexetal. O que diga a UE de sostibilidade de emisións ten, na miña opinión, pouco interese posto que responde básicamente a presións de determinados lobbis, neste caso o enerxético, máis que responder a números, é dicir a unha valorción científica sobre emisións, etc. Así que unha cousa é a lexislación (bastante pobre e sesgada) e outra moi diferente os balances ecolóxicos e enerxéticos reais, por non falar do impacto ambiental directo sobre a biodiversidade, paisaxe, problemas engadidos de lume, etc. Ignoran por suposto o cambio climático e o peak oil, como non podería ser menos nun sistema curtopracista. Apertas

  7. Dami
    15 Abril, 2013 at 11:04 a.m.

    Seica non temos memoria histórica! En toda a polémica que está a xurdir a partir do acordado no parlamento semella que as partes esquécense, de xeito interesado, de que na Galiza o elemento clave para a incineración da biomasa para a produción eléctrica é o Decreto 149/2008 do 26 de xuño, polo que se regula o procedemento de autorización das instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir da valorización enerxética da biomasa forestal primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Este Decreto, do que saen as 12 plantas incineradoras que se atopan en tramitación administrativa, define a Biomasa como “a masa biolóxica procedente de residuos de aproveitamentos forestais, incluídas as cortizas, de operacións silvícolas en masas forestais e espazos verdes, de residuos de actividades agrícolas e de xardinaría ou de cultivos enerxéticos”. Por outra banda este mesmo Decreto, todavía en vigor, é o que indica que “Mediante orde a consellería competente en materia de montes desenvolverá a definición, regulación e cuantificación da superficie dedicada aos cultivos enerxéticos forestais en Galicia”. Por certo, agora estamos indignados co borrador de orde de cultivos enexéticos mais na época do bipartito tamén existiu un borrador de orde reguladora dos cultivos enerxéticos que non se deu aprobado polo cambio de goberno e que incluía, por exemplo ao cerquiño como cultivo enerxético…..agardemos que, por fin, desde os movementos sociais collamos consciencia dos perigos que encobren as incineradoras de biomasa e que nos mobilicemos contra elas e o modelo de xestión do monte que precisarían…

  8. 18 Abril, 2013 at 12:33 p.m.

    Óscar di:

    Teñamos en conta que a biomasa non s eten en conta como actividade emisora de CO2

    Non sei quen dis que non o ten en conta como actividade emisora de CO2… pero é emisora, dun xeito obxectivo. Se a biomasa absorbe mediate os procesos de fotosíntese unha cantidade X de carbono, este hase desprender na súa queima. Vale, aí o balance podemos considerar que é 0, que se desprende o mesmo que se queimou. PEEEEEERO… a industria da biomasa implica unhas externalidades, toda unha infraestrutura que consume unha cantidade nada despreciable de combustibles fósiles e que polo tanto emite máis CO2 que non se tería emitido se non fose para queimar esa biomasa: empezando polas motoserras para cortar a biomasa, os camións para recollela e trasportala, e todo o consumo de base das plantas incineradoras.

    Evidentemente co conto de que a queima de biomasa nn emite CO2 trátase de enganar a sociedade e obter un lucro vestido de verde. O mesmo capitalismo industrialista e xenocida de sempre, ese que nos está a levar á extinción.

  9. Dami
    18 Abril, 2013 at 1:05 p.m.

    É certo que a produción de enerxía a partir de biomasa considerouse, ate o de agora, carbono neutral nas directivas e nas normas estatais e autonómicas que se derivan delas, pero calquera persoa con dous dedos de fronte entende que os procesos intermedios (cultivo, abonado, tratamentos, corta, astillado, secado, transporet, etc) van a facer que finalmente se produza un balance de emisións positivo. Os propios organismos europeos comezan a darse conta deste enorme erro de base como podedes comprobar nesta ligazón do Comité Científico da Axencia Ambiental Europea: http://www.eea.europa.eu/about-us/governance/scientific-committee/sc-opinions/opinions-on-scientific-issues/sc-opinion-on-greenhouse-gas/view

  10. Xabier
    18 Abril, 2013 at 1:48 p.m.

    E hai outro elemento máis, pouco coñecido. Nos primeiros estadíos do desenvolvemento vexetal, falando de árbores, as novas, o balance de fotosíntese/respiración non é precisamente moi positivo. Xusto cando se da o almacenamento (a reducción en termos químicos) de CO2 é cando as árbores, mellor bosques, son antigos e comezan a xerar cantidades de materia morta importantes. Nas centrais de biomasa queimaranse, precisamente, árbores máis que novas.

  11. 24 Abril, 2013 at 12:07 a.m.

    Moi interesante, Xabier. Se hai estudos sobre ese balance de carbono estaría ben que os reseñases aquí. Grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *