O tempo da abundancia «rematou», anuncia o gurú das finanzas Jeremy Grantham

Achegamos tradución dun artigo aparecido esta semana no blog Oil Man de Le Monde:


O tempo da abundancia “rematou”, anuncia un perspicaz gurú das finanzas

“É hora de espertar: a era da abundancia de recursos e a caída dos prezos rematou para sempre” Esta é a advertencia dun dos analistas financeiros máis respectados no planeta, Jeremy Grantham. Á fronte do fondo de investimento GMO de Boston, administra máis de 100 mil millóns de dólares de capital, Grantham acredita que o crecemento da demanda mundial de materias primas supera “a un ritmo alarmante” o crecemento da oferta.

Unha “mudanza de paradigma”, probabelmente está a ocorrer, “talvez o evento económico máis importante desde a revolución industrial”, adianta o investidor británico, famoso por ter previsto a burbulla da internet e a burbulla das subprime.

Jeremy Grantham escribiu no informe trimestral de GMO, publicado en abril:

“O crecemento da poboación, a multiplicación por dez da riqueza nos países desenvolvidos, e o actual crecemento explosivo nos países en desenvolvemento minguaron rapidamente os nosos recursos finitos de hidrocarburos, metais, fertilizantes, terras cultivábeis e auga.”

O fío argumental de Grantham contrasta radicalmente co discurso que se agardaría dun financeiro; tamén aconsellou algo inusitado:

“O feito é que non se pode manter permanentemente ningún crecemento acumulado. Se continuamos concentrándonos desesperadamente no crecemento, acabaremos por ter escaseza de todo, mesmo de diñeiro. Debemos substituír o crecemento cuantitativo polo crecemento cualitativo.

Pero o Sr. Mercado está a axudarnos, e desta vez, envíanos a nai de todos os sinais de prezos. Os prezos de todas as materias primas importantes, non sendo o petróleo, descenderon en media o 70% en cen anos, até 2002. De 2002 a hoxe, esa diminución foi eclipsada enteiramente por un aumento maior dos prezos que o habido durante a segunda guerra mundial”

GMO Commodity Index - The great paradigm shift

Grantham expón a súa tese:

“Estatisticamente, os prezos da maioría das materias primas están, na actualidade, tan afastados da súa tendencia anterior á baixa, que é moi probábel que esa vella tendencia se vexa modificada –e un cambio de paradigma estea a ser trazado–, talvez o acontecemento económico máis importante desde a revolución industrial.”

Por que o petróleo é unha excepción na tendencia á baixa observada desde 2002 nos prezos das materias primas? Evocando o espectro do ‘peak oil’, Jeremy Grantham explica que, no caso do petróleo (“de lonxe a máis importante das materias primas”), a mudanza de paradigma que el describe comezou hai xa moito tempo: en 1974, cando a primeira crise do petróleo.

Recordando a competencia de GMO na predición das burbullas especulativas, Jeremy Grantham tenta mostrar que, precisamente, o aumento dos prezos das materias primas desde 2002 non é unha burbulla. Para demostrar a súa tese, destaca os resultados dun cálculo de probabilidades destinado a determinar se é certo ou non que as principais materias primas se encontran aínda, no fundamental, dentro da tendencia secular á baixa, visíbel até 2002, a pesar do aumento constatado desde entón.

Os resultados obtidos por GMO semellan inapelábeis.

O mineral de ferro tería, por exemplo, unha probabilidade entre 2,2 millóns de situarse aínda na tendencia á baixa anterior a 2002, o petróleo unha probabilidade entre 160, o níquel unha entre 290, o trigo unha entre 120, o fosfato unha entre 56, etc. O gas natural é unha das excepcións, sen dúbida por causa do boom do gas de xisto, con só unha probabilidade entre 2.

The mother of all paradigm changes

Algúns grandes titulares da prensa financeira internacional deron conta da análise radical proposta por Jeremy Grantham e GMO. Mais poucos se atreveron a criticala. Un blog do Financial Times simplemente o cualificou de “fascinante”. Nun dos blogs do Wall Street Journal, Alen Mattich opinou con prudencia que Jeremy Grantham “talvez teña razón ao afirmar que a tendencia á baixa relativa dos prezos das materias primas ten diminuído ou parou. Mais dicir que esa tendencia se ten invertido completamente no último decenio é, penso eu, ir un pouco lonxe.”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.