Un informe do Ministerio de Defensa británico advirte de que o Teito do petróleo «barato» é inminente e que o barril chegará a 500 dólares

Segundo vén de informar o xornalista de temas medioambientais de The Guardian e tamén director do Institute for Policy Research & Development, Nafeez Ahmed, un informe recentemente publicado polo Ministerio de Defensa británico contradí a postura oficial do goberno do Reino Unido con respecto ao peakoil. Asemade de recoñecer que o pico do petróleo barato é inminente, e que podería chegar a 500 dólares o barril en 25 anos, os autores do informe advirten do gravísimo impacto que terá para a economía do país e os máis que probables conflitos a que dará lugar este devalar enerxético a nivel mundial.

Unha vez máis son os departamentos de defensa e os exércitos os que fan unha análise máis seria e realista do panorama mundial ao que nos aboca o Teito do petróleo, sen negar a realidade enerxética e centrándose nos conflitos internos e externos que esperan aos diversos países. Xa anteriormente tiñamos informado no web de Véspera de Nada doutros informes análogos do exército alemán e do Pentágono estadounidense, por exemplo.

No informe (titulado Regional Survey: South Asia out to 2040 e publicado polo DCDC, un think tank do ministerio). prevense outros factores que farán encarecerse a enerxía como o desabastecemento de alimentos e de auga, a mudanza climática e o crecemento demográfico. A consecuencia disto, afirman, será unha prolongada recesión nas economías occidentais que dará pé a conflitos internos e ao medre de movementos nacionalistas. O informe esmaga o optimismo do departamento de enerxía e mudanza climática do goberno británico.

A superación «inminente» do punto de máxima disponibilidade de «petróleo doado» xunto cunha demanda en auxe debida ao medre industrial de Asia e unha volatilidade cada vez meirande na oferta de Oriente Medio fará que os prezos dos hidrocarburos medren significativa e exponencialmente nos vindeiros anos, e dan cifras que superan o duplo do estimado pola Axencia Internacional da Enerxía.

Prevén un crecente conflito polos recursos debido á demanda de China e India que terá como consecuencia que os países máis desfavorecidos non verán satisfeitas as súas necesidades de materias básicas. Tamén prevén millóns de desprazados polas consecuencias da mudanza climática e o fallo das colleitas de arroz en Asia (onde se centra máis o informe) e conflitos polos recursos hídricos entre China, India, Pakistán e Bangladesh.

Se continuaren as actuais tendencias, o sur de Asia representará o 40% da poboación mundial en 30 anos. Isto implicará unha presión na demanda interna que requererá fortes e sostidos niveis de crecemento económico para mater a estabilidade interna. O informe fala dunha «bomba de reloxaría demográfica» na rexión, sobre todo en China.

As consecuencias para Occidente serán tamén graves. O crecemento da rexión sudasiática repercutirá no nivel de vida da maioría da poboación occidental, debido á elevación de prezos da enerxía e dos recursos, en paralelo a unha perda de importancia relativa a nivel mundial das súas economías. O Reino Unido (como outros países occidentais netamente importadores) terá menos dispoñibilidade de enerxía e esta será máis cara e terá que competir con China e India polo acceso á enerxía. A poboación occidental terá cada vez menos acceso ao financiamento para os seus gastos, e esta continuada recesión provocará o retorno a políticas proteccionistas. A desafección da poboación, os conflitos internos e o auxe de grupos nacionalistas que reclamen políticas económicas proteccionistas e de defensa son consecuencias previstas polos autores no Reino Unido e noutros países occidentais.

O devalar previsto de Occidente levará a unha reestruturación do poder mundial na que se renegociarán constantemente alianzas e decaerá a influencia de institucións como a OTAN e o Consello de Seguridade da ONU. Neste contexto o informe tamén prevé unha fusión acelerada dos Estados-nación e o capital internacional:

A liña entre goberno e a protección privada da propiedade industrial de tecnoloxías chave para a seguridade e a creación de riqueza pode difuminarse progresivamente… [a medida que] as patentes se vexan cada vez máis como os fundamentos da xeración de riqueza.

No infome faise patente que as consecuencias da continuidade do business as usual son dramáticas e insiste nas advertencias previamente publicadas polo Ministerio de Defensa británico acerca da crecente probabilidade de conflito armado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.