Véspera de Nada precisa ilustrador(a) para a súa “Guía para o descenso enerxético”

Desde a nosa asociación facemos un chamamento urxente á procura dunha ilustradora ou ilustrador que poida realizar os debuxos que precisamos (aprox. 20) para un importante libro que publicaremos (por fin!) este outono. Porén, dado que poñeremos en marcha unha campaña de crowdfunding a primeiros de setembro e dado que esta se apoiará nun vídeo que a xeito de trailer que presente audiovisualmente o proxecto, feito a base desas ilustracións, é preciso que os debuxos estean listos para a última semana de agosto. É dicir, o traballo tería que ser feito en moi pouco espazo de tempo: xa que imos dar unha semana de prazo para recibir candidatos a ilustrar o vídeo e o libro, iso vainos deixar só 2 semanas, no medio de agosto, para realizar as ilustracións.

Ilustracións de mostra para o book-trailer da Guía para o Descenso Enerxético

Mostras (bosquexos) do tipo de ilustracións que formarán parte do vídeo e do libro de Véspera de Nada. NOTA: As ilustracións finais deberán ser a cor.

Lamentamos ter que dar tan pouco tempo, pero este proxecto editorial e nomeadamente o proxecto para a realización do vídeo que o axude a difundir, vén atravesando toda unha serie de dificuldades desde a súa concepción hai máis dun ano, entre as que se encontra a participación e posterior retirada por causas de forza maior, de dúas persoas que se tiñan ofrecido a ilustralo. Xa que logo atopámonos a piques de ter que lanzar o crowdfunding a falta dunha persoa que nos faga as ilustraciones que precisamos. Sabemos que é moi importante a comunicación visual que nos axude a albiscar como vai ser o futuro dunha Galiza sen petróleo, por iso non queremos prescindir da faceta gráfica neste proxecto. O libro, cuxo título provisional será “Guía para o descenso enerxético”, é un dos proxectos máis importantes que imos lanzar desde Véspera de Nada. A súa orientación será moi práctica e o seu obxectivo axudar á necesaria e urxente transformación das nosas vidas individuais, familiares e comunitarias para nos preparar e afrontarmos o teito do petróleo, o peak oil, en todas as súas profundas consecuencias.

Por desgraza os nosos recursos son moi limitados, e o pagamento da obra gráfica da persoa que ilustre o trailer e o libro estará condicionado, ao igual có doutras persoas que van participar na súa realización, ao éxito da campaña de crowdfunding. En Véspera de Nada estamos decididos a que saia adiante, e volcaremos todo o noso esforzo en conseguir o diñeiro necesario para publicar unha modesta tirada deste libro, que será publicado baixo unha licencia Creative Commons para facilitar o seu necesario espallamento. Así que se ti es unha persoa que sabe debuxar, que ten experiencia na ilustración, e que pode facer este traballo tan urxente, envíanos canto antes unha mensaxe a diademoito ARROBA vesperadenada PUNTO org amosándonos algúns traballos teus para vermos se encaixa o teu estilo e dicíndonos cánto cobrarías polo traballo en caso de o crowdfunding ter éxito. Se ti persoalmente non es ilustrador(a) pero queres facer realidade o proxecto desta Guía, pregámosche que lle deas máxima difusión a esta convocatoria para facela chegar a potenciais interesados: nas redes sociais, por email, publicando a noticia no teu blog, etc.

O día 7 de agosto ás 09:00 pecharemos a convocatoria e tomaremos unha decisión entre os ilustradores que se teñan ofrecido a colaborar. Moitísimas grazas de antemán a todos os que vos ofrezades a axudar e agora… deámoslle difusión!

8 thoughts on “Véspera de Nada precisa ilustrador(a) para a súa “Guía para o descenso enerxético”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.