Documental “END:CIV”, de Franklin López, o 7 de agosto na Gentalha do Pichel (Compostela)

Ciclo cinema sobre conflitos medioambientais na Gentalha do Pichel (agosto 2013)Dentro do ciclo de documentais que a Gentalha do Pichel vai proxectar nos seráns do mes de agosto, de temática ambiental e en colaboración con diversos colectivos, Véspera de Nada presentará (en V.O.S. ao portugués) a película END:CIV do director portorriqueño Frankling López (2011). Será o mércores 7 de agosto ás 22:00 h na terraza da Gentalha, na rúa Santa Clara 21, e tras a proxección haberá un pequeno coloquio no que participaremos tamén desde Véspera de Nada.

Cartel de END:CIVA película está baseada principalmente na obra en dous volumes Endgame, do escritor e activista Derrick Jensen. Jensen fai unha crítica demoledora da civilización industrial, que el identifica como o maior problema da humanidade, e ao mesmo tempo das tépedas respostas do movemento ecoloxista, que el xulga como ineficaces e favorecedoras do mantemento do statu quo. Para Jensen e outros autores afíns que participan tamén no documental, o obxectivo urxente debe ser demoler o antes posible a actual civilización para asegurar o máis posible a supervivencia humana e dos demais seres vivos tras a súa fin. O documental repasa algunhas loitas ambientais na América do Norte e a participación das poboacións indíxenas, e cómo a súa cosmovisión os empuxa a unha defensa frontal e física fronte ao sistema. Pero non só a cultura indíxena é unha base para a crítica política, cultural e antropolóxica de Jensen así como para as súas propostas, senón que o autor estadounidense atopa na cultura popular occidental e na historia do século XX analoxías moi potentes que mobilicen a minoría consciente do desastre ao que nos aboca a civilización industrial axudada polos Estados capitalistas. Como non podía ser doutra maneira, o teito do petróleo ten unha presenza importante na análise que se fai no filme da proceso actual de colapso destrutivo da civilización, así como as saídas á desesperada que tenta o sistema industrial para continuar a súa imposible marcha en busca dun crecemento infinito para se perpetuar.

O director, Frank López, ten producido interesantes documentais, series para Internet e participado no programa Democracy Now! da xornalista Amy Goodman. Nas súas obras pódese observar un posicionamento radical e libertario. O seu web é http://submedia.tv/

Derrick Jensen é un autor cunha importante influencia dentro do movemento anarcoprimitivista, ecoanarquista e do que se ten chamado a ecoloxía radical ou profunda. Xunto con outros dos participantes neste documental ten artellado a Deep Green Resistance, un web que aboga pola acción directa e ofrece consellos para activistas e colectivos que queiran seguir, como eles defenden, unha liña clandestina (underground) máis alá da non-violencia (existe unha presentación en portugués deste proxecto).

Para saber máis pódense visitar os webs que ligamos e tamén as Premisas da crítica á civilización que fai Derrick Jensen, e outros extractos da súa obra Endgame, algúns dos cales están traducidos a outros idiomas (as súas Premisas tamén están traducidas ao castelán, aínda que non aparezan correctamente ligadas: animámosvos a lelas como aperitivo antes de verdes a película).

Para as persoas que non poidan asistir ou para as que queiran irlle botando unha ollada ofrecemos como adianto unha versión subtitulada ao castelán, aínda que advertimos que a tradución é bastante deficiente. Para esta proxección que imos facer na Gentalha o vindeiro mércores, a Asociación Touda fixo unha revisión dunha tradución previa ao portugués do Brasil facilitada polo propio director do filme, e a Comisión de Medios da Gentalha botou unha man coa resincronización dos subtítulos.

Descargar o folleto do ciclo completo na Gentalha coas sinopses de todas as películas que se han proxectar.

2 reflexións sobre “Documental “END:CIV”, de Franklin López, o 7 de agosto na Gentalha do Pichel (Compostela)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.