Xoán Doldán fala da situación do país ante o «peak oil» para Sermos Galiza

Xoán DoldánHoxe foi publicada na capa da edición dixital de Sermos Galiza unha extensa entrevista realizada por Beti Vázquez co presidente da nosa asociación, o profesor Xoán Ramón Doldán, quen ademais de facer unha análise da situación enerxética de Galiza e as súas perspectivas diante do Teito da extracción mundial de petróleo, fala da Guía para o descenso enerxético, o ambicioso proxecto no que agora estamos volcados co obxectivo e contribuírmos a poñer en marcha a transformación do país cara un modo de vida que non dependa do petróleo.

A continuación salientamos algúns extractos das declaracións de Doldán:

Construíuse así unha economía en que o transporte depende case absolutamente do petróleo, ao igual que unha parte significativa da produción de alimentos ou outros procesos produtivos. (…) A medida que incrementamos o noso esforzo na procura deste recurso redúcese a taxa de retorno enerxético, é dicir, que cada vez necesitamos máis enerxía para obter a mesma cantidade de enerxía.

(…)

a nivel mundial chegamos xa ao teito máximo da capacidade de extracción de petróleo convencional, que cubre a práctica totalidade da nosa demanda. Nestas condicións a mudanza de modelo enerxético tórnase inevitábel.

(…)

Desde que se iniciou o que algúns denominan ‘a era do petróleo’, a finais do século XIX, é a primeira vez que nos encontramos nunha situación semellante. Estamos diante dun cambio de tales proporcións que mesmos poderiamos cualificalo de civilizatorio.

(…)

A construción dunha nova economía perdurábel será necesariamente a que se faga sobre unha base renovábel e, por sorte, Galiza conta cunha multiplicidade de recursos enerxéticos renovábeis. Algúns deles están explotados industrialmente (enerxía hidráulica e eólica), outros só ocasionalmente ou en pequenas experiencias individuais (biomasa ou solar). Sendo este un bon principio non resolve os problemas enerxéticos aos que nos enfrontamos.

Co nivel de demanda enerxética actual somos unha economía netamente dependente. Esta dependencia é absoluta nos combustíbeis para transporte e é elevada nos combustíbeis utilizados para obter calor pola tendencia que houbo durante décadas a cubrir estas necesidades con derivados do petróleo e gas natural. Mesmo unha parte da electricidade que utilizamos depende de enerxía previamente importada (carbón ou gas natural).

(…)

os recursos renovábeis galegos deberían ser utilizados para promover unha nova economía que procure resolver as necesidades específicas da poboación galega, ademais isto debería ir acompañada dunha democratización no acceso á enerxía que, no caso das renovábeis e polo seu carácter disperso, debería implicar que as familias, as aldeas, as comunidades de veciños, explotacións agrarias… deberían avanzar na súa capacidade de autoabastecemento enerxético, en detrimento do modelo de grandes complexos enerxéticos fomentado até agora, dominado por oligopolios e que procuran o beneficio privado e non o benestar colectivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *