Véspera de Nada renova o seu web

Despois de moito tempo agardando que Blogaliza resolvera as cuestións técnicas que nos impedían realizar unha renovación longamente esperada do noso web, decidimos trasladar o noso blog fóra desta rede galega de blogs e acollernos ao ofrecemento da asociación Touda para nos aloxarmos no seu servidor e así podermos realizar a adaptación que precisabamos.

Desde había tempo eramos conscientes de que por un lado a ergonomía do noso antigo blog, con letra clara sobre fondo negro, non era boa e dificultaba a lexibilidade. Por outra banda, e en liña coa visión que queremos trasmitir por medio da Guía para o descenso enerxético, o ambicioso proxecto no que actualmente estamos inmersos, queriamos prescindir da lúgubre cor negra para basear o renovado blog noutras cores. Ademais, pensabamos que un formato de revista online era o idóneo para a función difusora de noticias e artigos de opinión que cumpre VesperaDeNada.org.

Hoxe por fin completamos o traslado, coa axuda de Touda, e temos un renovado blog que presente cunha imaxe menos tétrica as posibilidades da Galiza pospetróleo. Pregamos desculpedes os posibles erros que presente o web na obrigada fase de afinamento tras o seu traslado e agardamos que vos guste a mudanza realizada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *