Os terroríficos plans de China: conflito e colapso, resultados previsibles da súa intención de duplicar a renda per cápita

(Un comentario de Xoán R. Doldán.)

O xornal El País publicaba con data 9 de novembro de 2013 a nova “China emprende el gran salto de duplicar la renta per cápita de su población”. A lectura do titular, mesmo antes de ler o corpo da nova, debería causarnos pánico. Mesmo cando for desexábel unha mellora das condicións de vida dun país que acolle a algo máis do 19 por cento da poboación mundial, as consecuencias da duplicación da súa renda per cápita poderían ser catastróficas por diferentes motivos.

Se China quere duplicar a renda per cápita só caben dúas (ou tres opcións) tendo en conta que ese indicador é unha relación matemática entre o PIB (ou a Renda Nacional) e o número de habitantes:

  1. Duplicar o PIB mantendo constante a poboación —a poboación constante é case unha realidade hoxe en día—. Para duplicar o PIB ou ben se duplican os prezos dos produtos —o que significaría o fin do imperio do “todo a 1 euro”, da vantaxe comparativa dos seus baixísimos custos de produción— ou duplican a cantidade producida —o que significaría un auténtico desastre ecolóxico e enerxético— ou unha combinación de ambos —o que podería supor ambos problemas—
  2. Manter o PIB reducindo a poboación á metade. Isto non se fai da noite para a mañá porque sería reducir nuns 675 millóns de persoas a poboación actual chinesa. A magnitude é tan grande que dificilmente o poderían acometer sen unha convulsión brutal da sociedade chinesa. Aposto a que a opción vai máis pola vía anteriormente indicada.
  3. Unha combinación das dúas anteriores: aumentar o PIB ao tempo que se reduce a poboación. A redución por vía de control da natalidade ten servido para reducir o crecemento demográfico, mais compensouse con unha queda tamén da mortalidade co que a poboación non se reduciu aínda que está próxima ao estancamento. Coa mesma tendencia poderían reducir lixeiramente a poboación nunhas décadas —hai estimacións que apuntan que a poboación chinesa teríase reducido algo menos dun 3 por cento de aquí ao ano 2050— mais, neste caso, seguiría sendo necesario un aumento moi elevado do PIB, xerando os problemas indicados no punto 1

Como se dicía ao inicio, dá medo pensar tan sequera que o tenten na conxuntura actual. Outros efectos derivados dunha acción deste tipo son que, nun contexto de peak oil, o incremento de demanda enerxética que xeraría sería tal que aceleraría a escaseza mundial e aumentaría as posibilidades de conflito polos recursos e podería acelerar tamén a inminencia do colapso naqueles lugares con menos posibilidades de competir polo acceso a eses recursos.

One thought on “Os terroríficos plans de China: conflito e colapso, resultados previsibles da súa intención de duplicar a renda per cápita

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *