Celebrouse na Coruña a asemblea anual de Véspera de Nada

Este pasado sábado 28 de decemebro celebramos na Coruña unha nova asemblea xeral de socias e socios de Véspera de Nada por unha Galiza sen petróleo. Nela, a directiva presentou as contas e un informe acerca da actividade da asociación desde a anterior asemblea e procedeuse a elección dos cargos directivos que recaeron novamente (por unanimidade) en:

  • Xoán Ramón Doldán García, como presidente; e
  • Manuel Casal Lodeiro, como secretario.

capa-guia-descenso-enerxetico-vespera-de-nada-galiza-sen-petroleo-BY-Antia-Barba-MarinhoPosteriormente os asistentes debatimos acerca dos obxectivos para o novo periodo, e foi unánime a opinión de que a Guía para o descenso enerxético, a súa presentación por todo o país (e mesmo fóra da Galiza) e todo o que se derivará da súa publicación (novo foro en Internet, dinamización e apoio a iniciativas locais de transición pospetróleo, posibles traducións do libro a outros idiomas/ortografías, etc.) será o que centre os nosos esforzos ao longo de todo 2014. Asemade, falamos doutros novos proxectos, iniciativas e colectivos cos que colaborar, e derivouse cara á lista interna de correo o estudo e debate dalgunhas destas outras propostas.

No ano que está a piques de comezar tamén realizaremos algunhas accións dirixidas a ampliar o noso número de socios, buscando un grau máis de implicación das persoas que van acadando unha maior conciencia do problema que implica o Peak Oil para a sociedade mundial en xeral e a galega en particular. Neste sentido foi grato para todos comprobar a participación de novas persoas nesta asemblea, que entran en Véspera con moitas gañas de facer cousas e asumir tarefas no noso colectivo, que malia o modesto da súa afiliación, está a acadar unha considerable relevancia non só en Galiza senón mesmo fóra do país, por suposto coa inestimable axuda doutros colectivos e dos medios de comunicación alternativos que se fan eco das nosas chamadas á concienciación e reacción social ante o descenso enerxético no que xa estamos inmersos.

Nos vindeiros días, e mentres agardamos que se remate o proceso de maquetación e re-revisión da Guía para o descenso enerxético, comezaremos aplicar as decisións acordadas pola nosa asemblea, algunhas das cales serán de contado visibles neste web e noutros puntos de presenza online de Véspera de Nada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *