Unha proposta de rutura coa UE, consciente do «Peak Oil»

A continuación reproducimos parte dun documento que nos remite Miguel Anxo Abraira, no que a partir —entre outros posicionamentos— dunha consciencia do Teito do Petróleo e das súas consecuencias, se propón un movemento ruturista con respecto á Unión Europea. Aínda que non temos por qué compartir na nosa asociación o que aquí se propón, pareceunos interesante trasmitilo como proposta de acción política consciente da Fin do Petróleo. O documento completo pódese descargar en PDF.


A UNION EUROPEA E A APOSTA POLO CRECIMENTO ECONOMICO INFINITO

O crecemento económico infinito nun planeta finito e de recursos finitos é imposible, polo tanto seguir apostando por un modelo económico como o instalado nas políticas da UE pode por en perigo a propia supervivencia da humanidade. A transformación a que se ve sometido o ecosistema no que vivimos para poder crear a riqueza medible polos estándares do capitalismo están dando lugar a unha crise do ecosistema planetario. Esta crise non só é produto da contaminación senón que, tamén, e consecuencia de que a humanidade consuma todos os recursos renovables que se producen no planeta nun ano en menos de 8 meses (20 de agosto en 2013). O déficit entre o que é capaz de producir o planeta e o que a humanidade consume esta sendo suplido polo uso masivo de recursos non renovables principalmente carbón, petróleo e uranio. O recoñecemento por parte da AIE (Axencia Internacional da Enerxía) que no ano 2006 se superara o peak oíl do petróleo convencional, ou que o 2018 sexa considerado o ano en que a humanidade vai superar o consumo do 50% dos recursos non renovables de enerxía almacenados no planeta unido isto ao crecemento exponencial da poboación e sobre todo ao consumo exponencial da enerxía deixan ver claramente que as política económicas da UE son claramente un perigo para a supervivencia da humanidade. Seguir apostando polas mesmas políticas económicas disfrazándoas con termos contraditorios como “crecemento sostible” ten que pasar a ser visto polo conxunto da poboación como un suicido colectivo. O único crecemento sostible que é posible realizar no planeta a día de hoxe e aquel que leve a humanidade a consumir os recursos renovables nun prazo non inferior a rexeneración dos mesmo. Este tipo de crecemento sostible chamase hoxe por hoxe DECRECEMENTO. Se ao antes dito lle engadimos que a UE esta situado no cerne do problema que supón que o 20% da poboación mundial consume o 80% dos recursos naturais e de reservas non renovables do planeta ben podemos concluír que as políticas impulsadas pola UE están levando ás sociedades non só europeas senón do todo o planeta a un camiño sen retorno que vai traer graves consecuencias para o conxunto da humanidade.

A NECESIDADE DA EXISTENCIA DA UNION EUROPEA.

Unha das principais características dos críticos coa UE é a actitude de asumir de feito a necesidade da existencia desta super-estrutura. Non se da argumentación para a necesidade da súa existencia máis aceitase que a mesma debe existir iso si reformulando a mesma en base a filosofías e a discursos ocos do estilo da Europa dos pobos ou Europa Social. Propoñer a reformulación da UE ten que vir dotado de propostas concretas do estilo das institucións coas que se vai dotar a nova UE, que competencias vai ter, como se vai lexislar, como se van tomar as decisións, como van influír os cidadáns e as cidadás nos seus órganos de goberno, que dereitos van ter, que estados a van conformar, etc, etc. Non criticar a mesma existencia da UE, o modo en como se creou a mesma e que esta estea dando os primeiros pasos cara a creación dun ente superior non supón máis que aceitar o proceso de globalización que esta rematando coa diversidade cultural, ambiental, económica, … do planeta, senón que tamén significa aceitar no fondo as condicións resultantes das súas políticas.

A UE mediante as súas directivas demostrou por activa que a súa existencia obedece tan só a motivos económicos (Europa dos mercaderes) e non a supostos motivos sociais e medio-ambientais. A actitude da UE diante dos verdadeiros retos globais cos que se enfronta a humanidade non son para nada elementos a ter en conta na axenda da Unión. Así é que o cambio climático, a superación do cumio do petróleo, a baixa TRE (Taxa de Retorno Enerxético) das enerxías renovables, a máis que probable chegada de tormentas xeomagnéticas, o belicismo nuclear, os millóns de mortes por fame ou a ausencia duns mínimos de saúde, as continuas guerras, invasións e saqueos apoiados e promovidos por estados membro da propia UE non forman parte nin sequera dos debates da Unión. Para exemplos próximos temos o silencio cómplice da mentira da tenencia de armas de destrución masiva do goberno Iraki e da destrución deste estado. Esta, tamén, a ausencia de medidas diante do peak oil ou por citar algo máis próximo o desprezo que a UE fai ao bosque de clima atlántico mellor conservado de Europa (Fragas do Eume). Tampouco podemos esquecer o desprezo que a Unión ten co respecto a culturas e idiomas como o galego e o silencio cómplice na aprobación de medidas que atentan contra os dereitos das mulleres como é a lei do aborto que pretende aprobar o PP.

REFORMA OU DISOLVER A UNION EUROPEA

Chegado a este punto compre analizar si é preciso e bon dotarse de supere-estruturas do estilo da UE e permitir evolucionar estas cara supere-estruturas máis complexa ou pola contra debemos fomentar o proceso contrario?

Desde os principios da humanidade teñen existido un bo número de civilizacións que teñen aparecido, evolucionado e posteriormente desaparecido (exipcia, romana, maia, etc). Non sendo os únicos motivos para a desaparición destas civilizacións o esgotamento dos recursos naturais e a complexidade no seo do seu funcionamento que as levaba a un consumo de recursos e enerxía a cada paso maior parecen ser as causas principais para a súa desaparición abrupta ou o seu esmorecemento paulatino pero non por iso non traumático.

No presente momento histórico da humanidade a civilización occidental que naceu coa revolución industrial esta instalada en case todos os territorios e culturas do planeta. Este modo de vida fixo posible as evolucións que se deron desde os vellos estados cara organizacións cada vez máis complexas (UE, acordo comerciais dos estados BRICS, ALBA) e son todas produto da posibilidade de empregar gran cantidade de recursos enerxéticos. As crises nas que se atopa estes modelos organizativos só lles quedan dous camiños ou evolucionar a estruturas máis complexas ou pola contra caer e desintegrarse en modelos máis simples e próximos. O gran problema ao que se enfronta a humanidade nestas ocasión e que a civilización occidental industrial empeza a ser a única existente e polo tanto esta en risco que o colapso da mesma poña en perigo a mesma supervivencia da humanidade.

Se aceitamos a “realidade científica” de que a humanidade esta entrando nunha era na que vai contar cada vez con menos enerxía dispoñible, tamén temos que aceitar que para que o proceso de globalización continúe ou incluso se manteña temos que asumir que cada vez queden máis persoas fora do mundo tecnolóxico e do uso habitual da enerxía, tal e como o facemos a día de hoxe.

Tamén e preciso reflexionar da capacidade organizativa que os seres humanas temos para a construción de sociedades democráticas, tendo en conta as nosas orixes tribais (100-200 persoas). As clases traballadoras para influír en super-estruturas como as da UE temos que facer un enorme esforzo organizativo e ceder a nosa capacidade individual de decisión e de influencia a estruturas verticais, pois como é lóxico doutro xeito é imposible articular de xeito unitario centos de millóns de persoas. Pola contra o modelo organizativo das corporacións non ten que facer esta cesión, pois estamos falando duns centos de persoas as que teñen que chegar a acordos; teñen, iso si, o problema da execución das decisións tomadas por carecer do voluntarismo co que nos dotamos na esquerda pero a gran riqueza económica que acumularon durante xeracións en moitos casos permítelles ter milleiros de asalariados (políticos, periodistas, xerentes de empresas, etc) para levar a bo porto as súas decisións.

Debemos lembrar que a UE toma as decisións con métodos bastante complexos na súa tramitación pero que no fondo se reduce a que son os gobernos dos estados membros os que teñen as competencias reais na toma das decisións importantes e sobre todo na aplicación das mesmas; correspondéndolle ao europarlamento unha función menor consistente no debate das propostas emanadas do CONSELLO EUROPEO (presidentes dos estados membros) e da COMISION EUROPEA (ministros dos estados membros). Tendo en conta que o Europarlamento apenas ten capacidades lexislativas reais e que cumpre a función de transmitir unha imaxe de democracia representativa -lembrar que mesmo se lle negou aos cidadáns e cidadás a posibilidade de ratificar en furna a Constitución Europea- faise preciso sinalar que o mellor xeito de influír nas políticas da UE non é mediante europarlamentari@s senón mediante ministr@s e presidentes de estados.

A existencia da UE son produto das posibilidades históricas de crear organizacións sumamente complexas grazas a existencia de grandes cantidades de enerxía abundante e barata e teñen como finalidade a creación das medidas lexislativas e políticas que permitan a acumulación da riqueza en cada vez menos persoas e/ou corporacións. Este proceso de globalización non se produciu no social, nin na homologacións das condicións laborais por arriba, máis ben todo o contrario. A globalización produciu fortes modificacións dos ecosistemas produto do monocultivo da agricultura, gandería e pesca. Tamén forzou a des-localización de procesos industrias e comercias producindo a extrema pobreza de grandes porcentaxes da poboación.

Compre tamén sinalar os movementos organizativos que se esta dando a nivel europeo nas bases sociais da esquerda e que se caracteriza na posta en marcha de proxectos de distinta índole que xiran entorno a auto-organización, auto-xestión, a aposta pola economía de proximidade e moedas alternativas e que son unha verdadeira alternativa social e económica as políticas emanadas da UE.

A NECESIDADE DUN MOVIMENTO RUTISTA COA UNIÓN EUROPEA.

Fronte a existencia dun organismo que lexisla para retirarnos dereitos fundamentais sobre aspectos tan básicos das nosas vidas como pode ser a alimentación, auga, e menciña faise imprescindible intervir no debate e nas medidas favorecedoras do seu derrocamento e disolución.

A UE encarna á perfección o modelo de democracia que esta en crise que non é outra que a democracia representativa fronte ao modelo que cada vez máis cidadáns e cidadás defende que é a democracia participante. Canto máis grandes e lonxe estas as estruturas organizativas da sociedade máis difícil ou imposible se fai a democracia participante e, ademais, nunha democracia representativa como a da UE os lobbis de presión das grandes corporación atúan con total impunidade.

O distanciamento que os cidadáns e cidadás teñen sobre toda a clase política ten que romperse no que se refire a participación organizada para demostrar o rexeitamento ás políticas emanadas desde a UE. A aposta polo reformismo da UE que están facendo as distintas organizacións da esquerda no ámbito galego, do Estado Español e dos demais estados membro da UE unido a incapacidade que está ten para entenderse nun proceso de acumulación de forzas que supere a estratexia das siglas para poder facer fronte común ás políticas neo-liberais son sumamente irresponsables. Diante dunha alternativa reformista das organizacións políticas tradicionais compre artellar e activar un rexeitamento a marxe dos partidos e compre que este rexeitamento sexa organizado e o máis visible posible deixando de lado propostas reformistas e, pola contra, apostar por un discurso rotorista baseado na necesidade da disolución da Unión Europea para encarar as políticas neo-liberais que non só nos estas empobrecendo senón que nos están escravizando e roubándonos as vidas e as vidas dos nosos descendentes.

Unha reflexión sobre “Unha proposta de rutura coa UE, consciente do «Peak Oil»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.