Tomiño, sábado 5 de abril. Continuamos sementando a Revolución Pospetróleo!

Mañá sábado 5 de abril será o 3º dos nosos actos de presentación / encontros cos mecenas e público interesado, e o 1º que realizamos cun dos concellos que apoiaron a publicación como coeditores. Terá lugar no Pavillón Multiusos de Sobrada (Tomiño), ás 19:00 h e contará coa presenza de Xoán Ramón Doldán García, presidente de Véspera de Nada, Manuel Casal Lodeiro, coordinador da Guía e como representantes do Concello de Tomiño a alcaldesa Sandra González Álvarez e o concelleiro de medio ambiente Xaquín Villadangos Fernández, quen presentará o acto. Velaquí a nova no web oficial do Concello.

Na presentación Doldán fará unha breve explicación do que é o Peak Oil, as graves consecuencias que ten para as nosas sociedades, e Casal explicará como se pode facer fronte a esta situación a partir de estratexias como as apuntadas pola nosa Guía para o descenso enerxético. Os representantes do Concello de Tomiño darán as súas razóns para apoiar esta publicación e recibirán de mans da asociación Véspera de Nada os 25 exemplares que lles corresponden como mecenas da Guía, para que poñan a disposición das veciñas e veciños de Tomiño. Finalmente haberá un debate cos asistentes en torno a estas cuestións.

Apúntate ao evento en Facebook.

pavillon-multiusos-sobrada-tominho-con-capa-guia-descenso-enerxetico-640x426

«Repensar o mundo»


(Prefacio institucional do Concello de Tomiño incluído na «Guía para o descenso enerxético»)

A publicación deste libro ten moito que ver co momento que estamos a vivir de cuestionamento dos paradigmas, de revisión de esquemas políticos e sociais, pero sobre todo de grandes necesidades para moitos pobos do planeta.

Cando se enchen ríos de tinta sobre a crise en Occidente esquecemos, con esa visión tan eurocéntrica coa que nos ensinaron a pensar, que millóns de persoas morren no mundo pola pésima distribución da riqueza, pola explotación irracional dos recursos, ou simplemente por ser factoría do mal chamado primeiro mundo.

Mais se este era o esquema de fondo co que o sistema deseñaba a política internacional, trazaba alianzas e seguía explotando a maior parte do planeta, hoxe temos que comezar a pensar que un detonante pode facer saltar o esquema estabelecido: o esgotamento da enerxía que alimenta e move toda esta maquinaria e que pode, polo tanto, facer cambalear o sistema de poder no planeta.

Esta crise enerxética e de poder debemos aproveitala como oportunidade de repensar o mundo desde outras perspectivas: desde o respecto ás persoas e ao ambiente, desde a soberanía alimentar e os dereitos dos pobos, pensando o mundo tamén en feminino, deixando atrás as pirámides de poder e volvendo ás redes.

É positivo, pois, reflexionar sobre ese cambio e sobre como podemos aproveitalo para mellorar a xustiza no mundo, como unha oportunidade en positivo, cada un desde o seu entorno, desde o seu pequeno mundo, desde aldeas, vilas e cidades, actuando en local para provocar a mudanza a nivel global.

Desde o Concello de Tomiño apoiamos estas reflexións como xeitos de pensar no futuro porque acreditamos no que Castelao escribiu de que “os soños primeiro e as ideas despois crean feitos históricos”. Estamos nese momento: no de soñar, pensar e actuar para mudar o curso do mundo.

Sandra González Álvarez
Alcaldesa de Tomiño

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *