Nas últimas semanas estivemos a definir unha serie de medidas básicas para lle facer fronte ao grave problema do Teito do Petróleo tamén desde as instancias europeas. Coa participación de membros da nosa asociación e a colaboración de Antonio Turiel, un dos principais expertos no Estado Español sobre esta cuestión —a quen agradecemos especialmente a súa participación malia estar convalecente dunha enfermidade—, elaboramos un documento de sete páxinas co título de «Propostas de política europea para afrontarmos o Teito do Petróleo (Peak Oil) dirixidas a todas as formacións políticas que se presentaren ás eleccións do 25/05/2014 ao Parlamento Europeo» (tamén dispoñible en castelán), que hoxe facemos público e remitimos ás formacións políticas que se presentan as eleccións europeas e que amosaron o seu interese nas nosas propostas. Agardamos que o poidan incorporar aos seus programas e, sobre todo, á súa acción institucional, colaborando con outros/as europarlamentarios/as conscientes do problema, unindo forzas no Parlamento da UE para sacar este grave problema á luz e puxar por reorientar toda a política europea a un contexto radicalmente novo de devalar enerxético e económico permanente, cuxos efectos será imposible continuar a agachar durante moito máis tempo.
A acción institucional para preparar as nosas sociedades para o impacto devastador do final da enerxía fósil abondosa e barata debe abranguer todas as instancias, comezando nas máis achegadas (concellos) ata as estatais e por suposto supraestatais. Os crecentes conflitos internacionais debidos de maneira directa ou indirecta á competición por uns recursos minguantes fan, se cabe, máis urxente e indispensable abordar o problema desde as instancias supranacionais, para tomar unha base realista como fundamento da política internacional e para recoñecer que os recursos remanentes no planeta deben ser repartidos con xustiza e equidade e non arrebatados ou acaparados pola forza nin usados como mecanismo de extorsión entre países.
O futuro das nosas sociedades depende de que sexamos conscientes da dura realidade enerxética que temos por diante, e a paz mundial de que saibamos adaptarnos a un descenso enerxético que inevitablemente ha pasar por ceder de maneira xusta e solidaria parte dos recursos a outros pobos, ao tempo que respectamos a soberanía enerxética de cada país e aprendemos a abandonar os combustibles fósiles antes de que eles nos abandonen a nós.
Nos vindeiros días tentaremos publicar tamén unha versión traducida ao castelán. Agradecemos a colaboración voluntaria doutras persoas para traducir a outras linguas. Os interesados en axudar, poden deixarnos unha mensaxe neste mesmo blog e enviarémoslles por email o documento orixinal para que poidan usar para as súas traducións. Grazas de antemán para nos axudardes a difundir o documento 🙂
O Partido da Terra comunícanos que asumen o conxunto do documento: http://www.partidodaterra.net/galizasempetroleo/#Europa
Esperemos que axiña se sumen outras candidaturas 🙂
Dese Equo-Pontevedra coméntannos que boa parte das propostas están xa no seu programa, no que mesmo hai unha mención expresa ao “pico do petróleo”: http://europa.partidoequo.es/programa-electoral-equo-elecciones-europeas-2014 (p. 4.4.1)
A equipa de coordenación da campaña de Florent Marcellesi vén de nos confirmar que asume expresamente estas propostas. Con isto xa son 2 as candidaturas que expresaron o seu apoio! Grazas 🙂
Confírmanme desde Comunicación de Anova que AGEe tamén asume o documento de propostas e lémbranme que día tras día a candidata Lidia Senra fai mención do Teito do Petróleo nos mitins desta campaña.
CLI-AS, integrado nestas eleccións na mesma candidatura ca AGEe e IU (La Izquierda Plural) vén tamén de asumir e republicar as propostas, traducidas ao castelán: http://cli-as.org/wordpress/?p=512
O BNG asume as propostas. Como candidata ao Parlamento Europeo defenderemos estas propostas se saio elexida, como xa fixemos sendo eurodeputada entre 2012 e 2013 e como sempre defendeu noso grupo parlamentar no Parlamento Europeo, Verdes-Alianza Libre Europea/ALE en iniciativas e propostas. Propomos tamén que Galiza poida decidir o modelo enerxético sustentable e rematar con este modelo que usurpa enerxía, incluida a renovable, ademais de denunciar a paralización e acoso do modelo de enerxías renovables que está realizando o Partido Popular.
Moi boa nova, Ana. Grazas por este importante paso adiante e por nolo comunicares directamente aquí!