Que é o que nos propoñen facer as candidaturas acerca do «Peak Oil» desde o Parlamento Europeo?

(Artigo de Casdeiro publicado en Praza Pública.)

A Era do Petróleo Barato xa é historia, segundo indican numerosos informes elaborados por unha gran diversidade de entidades que van desde as asociacións de xeólogos e outros científicos independentes, ata institucións de intelixencia militar ou grandes aseguradoras, pasando pola propia Axencia Internacional da Enerxía. O Peak Oil ou Teito do Petróleo, é dicir, o momento a partir do cal cada vez se extraerá menos petróleo e de peor rendemento enerxético, xa está aquí e a nova lexislatura do Parlamento Europeo (PE) será probablemente a primeira que teña que enfrontarse ás consecuencias máis duras para a Unión Europea deste feito histórico sen precedentes. A propia crise económica sen final á vista, os conflitos internacionais relacionados coa enerxía coma os de Irak, Irán, Libia, Siria ou máis recentemente Ucraína, as revoltas da fame, o desenfreado desemprego, a inestabilidade monetaria, o problema da débeda… todo remite ás previsións que desde hai décadas vén facendo a comunidade científica, comezando por informes coma o dos Límites do crecemento, promovido polo Clube de Roma en 1972, que tras corenta anos de incomprensión e desprezo por parte da hexemonía económica e política se está a demostrar terriblemente acertado (vid. neste sentido Los límites del crecimiento retomados, de Ugo Bardi, publicado recentemente por Los Libros de La Catarata). O reto que temos por diante como especie é dunhas dimensións inauditas, advírtennos, e as persoas que resulten elixidas o vindeiro 25 de maio terán unha responsabilidade histórica inesperada sobre os seus hombros: contribuíren a preparar a sociedade europea para a morte dunha civilización tras a fin da enerxía que a fixo posible durante pouco máis dun século. Quixemos entrevistar a varias das persoas candidatas nestas eleccións para que nos explicasen se son conscientes desta gravísima situación e o que propoñen facer ao respecto as opcións políticas que representan desde a institución parlamentar da UE.

Por primeira vez nunhas eleccións europeas o asunto do Teito do Petróleo figura en certos programas electorais e mesmo está a ser comentado por algunhas das persoas candidatas nas súas intervencións de campaña. Así, Florent Marcellesi (EQUO-Primavera Europea) nos lembra que eles son “moi conscientes do final da era do petróleo barato e abondoso” e que isto os levou a incluíren no seu programa varias propostas encamiñadas ao “rápido abandono dos combustibles fósiles” identificando expresamente o “pico do petróleo” como “un dos límites” a un crecemento perpetuo que califican de “mito”. Propoñen actuar desde tres eixos: aforro, eficiencia e enerxías renovables “limpas e autónomas”. Lidia Senra (Alternativa Galega de Esquerda en Europa, nº 5 na lista La Izquierda Plural, encabezada por IU) é xunto con Marcellesi outra das persoas xa se tiñan posicionado acerca do Peak Oil no seu labor activista previo á súa candidatura europea. A ecoagricultora e sindicalista indica que este asunto é “o punto central” das propostas sobre enerxía da formación á que representa e que, de feito, o menciona case que a cotío nos seus mitins nesta campaña electoral, vencellándoo coas repercusións na economía, na alimentación ou no “modo de nos organizarmos socialmente”. Nesta liña tamén se expresa na súa resposta colectiva o Partido da Terra, que ten entre os seus principios programáticos “o descrescimento” e menciona non só o Teito do Petróleo senón tamén o dos outros combustibles fósiles, facendo fincapé na cuestión da “soberania energética”, segundo eles inseparable destas cuestións. Ana Miranda (BNG-Los Pueblos Deciden) non sinala no seu programa o Peak Oil expresamente pero si recoñece a “forte dependencia do petróleo” que ten a UE e avoga desde a súa candidatura por penalizar as enerxías fósiles e mais a nuclear, e por promover as “enerxías renovables”, a “eficiencia enerxética” e a procura dun novo modelo enerxético “máis social e menos dependente”, facendo repetidas mencións tamén á “soberanía enerxética” e á creación de “empregos verdes” da man das enerxías renovables, algo no que tamén incide especialmente a candidatura de Equo. O PSOE tampouco recoñece de maneira expresa o Teito, pero o eurodeputado Sergio Gutiérrez admite que hai que prescindir de maneira absoluta dos combustibles fósiles cando fala dunha “transición a unha economía sen carbono” que sexa “progresiva pero decidida”. Outro dos pequenos partidos que se presentan por primeira vez ás europeas, o Partido X – Partido del Futuro (PX), sinala nunha resposta colectiva a esta entrevista, que o Teito do Petróleo non está na axenda do Parlamento Europeo e que polo tanto non foi incluído no seu programa electoral realizado polos cidadáns “de maneira colaborativa” aínda que orientado polas opinións dun pequeno grupo de expertos entre os que se salientan persoas vencelladas a Jeremy Rifkin, coñecido propoñente dunha “III Revolución Industrial” baseada no hidróxeno e na enerxía renovable e que ten asesorado en diversas ocasións á Comisión Europea, e do que tamén fai parte un bo coñecedor da cuestión do Peak Oil e dos límites do crecemento como é o profesor da UPC Juan Martínez. Aínda así recoñecen que a “escaseza dos recursos fósiles” é un tema importante e que se debe camiñar cara un modelo cada vez “menos dependente” deles. O eurodeputado de UPyD Francisco Sosa Wagner, quen fora nesta pasada lexislatura membro da Comisión de Enerxía do PE, tamén se inclúe entre os tecnooptimistas ao sinalar que o novo paradigma enerxético deberá basearse nas “oportunidades tecnolóxicas do século XXI”, entre as que se inclúen —na súa opinión— a enerxía nuclear e mais o fracking.

En canto a propostas recollidas nos programas expresamente para facerlle fronte ao Peak Oil, unicamente as encontramos —polo menos entre as candidaturas que responderon a esta entrevista— nos programas de AGEe, o PT e —máis discretamente— no de Equo. O Partido da Terra chega a mencionar oito accións moi concretas aínda que non explica como se poderían poñer en marcha desde o PE. Tamén AGEe presenta detalladas propostas para unha acción “inmediata, organizada e solidaria” para afrontar o Peak Oil e para converter a enerxía nun servizo público “controlado democraticamente”; entre as súas medidas atopamos propostas expresas para a redución do transporte ou a rehabilitación enerxética de edificios por medio de directivas europeas. Equo menciona o tema no seu programa en relación a unha aposta por mellorar a resiliencia dunhas “Cidades Sostibles e en Transición” diante da ameaza do Peak Oil. Na candidatura de UPyD atopamos continuidade coa actual política enerxética europea cunhas mencións xenéricas á “redución de emisións”, diminución da “dependencia” das enerxías fósiles, eficiencia e pulo ás renovables. Por contra, o BNG salienta que a política europea recente virou de rumo e deixou de lado as renovables e a procura dunha menor dependencia enerxética. “Seguridade enerxética” e “competitividade” son mencionados tanto por UPyD como polo PSOE, que defende que son valores que se han de “preservar” na loita contra o Cambio Climático. O Partido X é outro dos que vencella a cuestión enerxética coa mudanza climática —como fan en xeral todas as candidaturas—, e apunta ambiguamente á redución global do consumo cos termos de “reaxuste dos hábitos de consumo”. Este partido fai repetidas referencias ao modelo eléctrico español e á polémica regulación do “autoconsumo” pedindo unha directiva europea que a corrixa.

Diante do panorama da fin da era do petróleo, xorde inevitablemente a cuestión das “enerxías alternativas”, terreo no que atopamos importantes diverxencias entre as diferentes candidaturas. O PSOE menciona o seu documento estratéxico ao respecto —elaborado “por un grupo de expertos”— e que pretenden serva para un “pacto enerxético” a nivel español, pero sen citar accións que poidan realizarse desde o PE ao respecto. Na outra banda sitúanse candidaturas como a de Equo que apostan directamente polo abandono de todas as enerxías fósiles e a nuclear e —ao igual que AGEe— por un novo modelo enerxético 100% renovable nun horizonte sen data, baseado nun mix variable e adaptado a cada lugar e nun “menor consumo” enerxético —pois o actual considérano “inasumible”— combinado cunha meirande “eficiencia”, esta si, omnipresente en todas as candidaturas entrevistadas. O PT, ao igual que Equo e AGEe, considera o nivel de consumo actual insustentable e imposible de cubrir só con enerxías renovables, do que derivan a necesidade do decrecemento. O Partido X tamén combina aforro, eficiencia e fontes enerxéticas locais nas súas propostas, nas que son asesorados polo seu propio “grupo de expertos”. Outra candidatura que apoia as súas propostas nas renovables e na eficiencia (incidindo menos na cuestión do aforro) é o BNG, que fala dunha necesaria “revolución enerxética” liderada a nivel mundial pola UE e baseada na “equidade social e internacional” e á que achegan o concepto de “descentralización” e de “produción a pequena escala”, dun xeito semellante ao que propón AGEe, quen menciona as “cooperativas enerxéticas” e o papel dos concellos nesa produción relocalizada da enerxía, algo que tamén defende Equo. O BNG considera “inaceptable” a opción nuclear polos seus riscos e polos “custos agachados” que implica, sinalan as repercusións medioambientais e sociais da extracción de petróleo nos países produtores, e que non é “sensato” seguir a queimar carbón —en opinión de Miranda—, malia o BNG se ter posicionado repetidamente en defensa das centrais térmicas de carbón galegas de As Pontes e Meirama. AGEe propón o peche progresivo de todas as centrais nucleares e o das térmicas de carbón e fuel-oil e sitúa no 2023 o horizonte de peche das centrais térmicas galegas. UPyD recoñece que temos nunha “civilización desbaldidora” aínda que afirma que a enerxía nuclear “é tamén unha opción” para o mix enerxético que propoñen. Diante da pregunta acerca dos estudos científicos en que basean os seus cálculos da medida en que se poidan reemprazar enerxías fósiles por enerxías alternativas, ningunha das candidaturas deu unha resposta concreta e, como moito, fixeron referencia a “grupos de expertos” (PSOE e PX) ou ao seguimento permanente das publicacións de certos colectivos ecoloxistas ou científicos (Equo, BNG, PT e AGEe).

En canto á incómoda pero fundamental cuestión de se o devalar da base fósil da actual civilización industrial leva ou non necesariamente aparellado a fin do crecemento económico, tamén xorden diverxencias moi profundas. AGEe advirte de que o “obxectivo dun crecemento que obriga a un maior consumo enerxético deixa de ser posíbel” co Peak Oil, e fala mesmo do “colapso da civilización industrial” ao que habería que facer fronte cun “decrecemento controlado” e unha “mudanza radical da sociedade”. Equo, malia falar con insistencia dunha “saída verde á crise”, recoñece que é “imposible crecer indefinidamente nun planeta finito” e avoga por unha “transformación ecolóxica da sociedade” que implique, entroutras cousas, deixar de medir o crecemento do PIB e substituílo por indicadores “do benestar dentro dos límites do planeta”. O PT é tamén expresamente decrecentista e vencella un inevitable decrecemento económico co final da enerxía fósil e o aumento da contaminación a escala planetaria —é dicir, con límites nas fontes e nos sumidoiros—, sinalando asemade que o “crescimento económico é a base do sistema capitalista” e polo tanto a imposibilidade de este sistema continuar. Que a economía actual está baseada “case exclusivamente no petróleo” é algo tamén admitido polo PX, cuxos representantes coinciden coas candidaturas anteriores en explicaren que, en consecuencia, haberá que “cambiar necesariamente a lóxica do crecemento infinito”. Claramente en contra desta tese sitúase UPyD que opina que “as novas tecnoloxías” ofrecen oportunidades para “o crecemento, o desenvolvemento industrial e a creación de emprego”. O PSOE é máis ambiguo, ao diferenciar os conceptos de “desenvolvemento” e “crecemento” como argumento para rexeitar a tese da “fin do crecemento” e fai mención á “experiencia de crises anteriores”, dando a entender que esta crise non é radicalmente diferente, algo que si afirman as candidaturas decrecentistas. O BNG tamén se sitúa fóra das posicións decrecentistas ao opinar que “é posible un modelo alternativo que favoreza o crecemento económico alén do petróleo” que teña o seu alicerce na investigación, nas “tecnoloxías limpas” e en “políticas verdes” e menciona o chamado “Factor 4” (producir o duplo coa metade de recursos). Neste sentido é significativo que no seu programa electoral se faga unha interpretación basicamente política das causas de que non esteamos a saír da crise: “a prolongación da crise económica forma parte dunha estratexia destinada a consolidar o dominio do capital financeiro”, sen vencellar a duración da crise cos empecementos enerxéticos.

Sobre a cuestión da dependencia enerxética da UE, máis presente que nunca pola crise ruso-ucraína, e as supostas vías para loitar contra ela, tanto Equo como AGEe advirten de que a única vía “sustentable” para reducir esa dependencia pasa por reducir o consumo enerxético na UE ao tempo que se forneza ese menor consumo con enerxías renovables, e califican o resto de medidas de meros “parches”. Na cuestión do fracking —presentado polo goberno dos EUA como un medio para reducir a UE a súa dependencia do gas ruso— ambas as dúas forzas se opoñen e Equo pide concretamente prohibir esa técnica para non “hipotecar o futuro por uns poucos anos” de (suposta) “independencia enerxética”. En canto aos biocombustibles a formación ecosocialista propón reprantexar o seu uso actual e estudar outros como os procedentes de residuos ou de algas. O PX e mais o PT sitúanse neste aspecto en coordenadas semellantes a AGEe e Equo, denunciando ademais o partido parroquialista galego a baixa “taxa de rendemento enerxético” que ofrecen os agrocombustibles, sendo o único partido en mencionar este concepto clave nas súas respostas. Desde o BNG tamén se rexeita con rotundidade o fracking e subordínase a produción de agrocombustibles á “soberanía alimentar”, á protección do medio e mais ás “funcións sociais e territoriais da actividade agraria”. O PSOE reclama a “defensa dos nosos recursos naturais” e tamén se posiciona agora en contra do fracking. Este partido ten virado radicalmente de postura desde 2011 cando o daquela lehendakari Patxi López anunciaba en Texas pouco menos cá independencia enerxética de Euskadi grazas aos recursos explotables mediante esta técnica. UPyD é a única das candidaturas entrevistadas que reclama coñecer as reservas extraíbles mediante fracking no territorio español e considera que se debe ter en conta xunto coas renovables e outras fontes “autóctonas” de enerxía.

Un ámbito onde é pouco recoñecido socialmente o impacto que tería a carencia de enerxía fósil é o agroalimentar. Así e todo, o PX recoñece que “o sector agrícola se verá moi afectado pola escaseza de petróleo” e fala da “fin da agricultura petroquímica industrializada” aínda que admite que no seu programa elaborado colaborativamente non existen actualmente propostas para a “transformación do modelo agroalimentar”, sinal da escasa consciencia social que existe sobre a ameaza que para o noso modo de alimentarnos supoñen o Peak Oil e o Peak Gas. Equo si defende programaticamente un modelo de agricultura extensiva que cre máis postos de traballo e emita menos carbono mentres que UPyD se limita a pedir redución do “impacto” da agricultura industrializada sen abordar a súa dependencia dos combustibles fósiles nin propoñer un cambio profundo de modelo. AGEe sinala á “grande agroindustria” como responsable dunha parte moi importante das emisións de efecto invernadoiro e tamén se posiciona entre os que reclaman outro modelo baseado na agroecoloxía, demandando unha modificación profunda da PAC para reorientala cara a “soberanía alimentar” dos pobos e “producir para consumo local”. O candidato do PSOE opina que a seguridade alimentar de Europa depende unicamente de que “se conserven” os recursos propios (mar e campo) sen facer mención á sustentabilidade do tipo de modelo produtivo. Por contra, o BNG si que é consciente desa forte dependencia do modelo actual e aposta —como Equo, AGEe e o PT— pola “agricultura sustentable, especialmente a ecolóxica” e pola “produción e comercio de proximidade”. Fai mención a candidata Ana Miranda, asemade, da necesaria defensa da produción propia fronte ás importancións nas negociacións no seo da OMC. O PT propón unha mudanza paulatina do sistema de produción de alimentos a medida que a enerxía e materiais que fan posible o actual industrializado vaian desaparecendo, e defende unha serie de medidas concretas para facilitar esa transición de modelo.

A meirande preocupación dos candidatos e candidatas entrevistados diante dun escenario post-PeakOil sería que se producise “un colapso económico de impacto desproporcionado a todos os niveis (…) un tsunami de consecuencias imprevisibles” con “empobrecemento xeralizado” e “perda de todas as conquistas sociais” se non hai unha estratexia clara a nivel europeo (A. Miranda – BNG), o “desabastecemento de boa parte da poboación” (L. Senra – AGEe), “terribles consecuencias” de non actuar diante do Peak Oil (PX), un “escenario nefasto” de “paralización de todos os sectores produtivos” e desigualdades aínda maiores se seguimos co actual modelo produtivo e de consumo (F. Marcellesi – Equo), a “inestabilidade enerxética” e as dificultades para a “prosperidade” europea (S. Gutiérrez – PSOE) ou “que non se realice a transición a tempo” (F. Sosa – UPyD).

Acerca de se a democracia corre perigo nun escenario de escaseza como o que nos presenta o Peak Oil as opinións dos candidatos novamente se dividen en dous claros grupos. Miranda considera que a crise actual é “un ensaio de crises futuras” pilotadas polos intereses dos poderosos representados pola “Troika” que teñen “secuestrado o poder das institucións”. Senra considera “unha certeza” ese perigo e vencella “crise do capitalismo” con “crise da democracia”: na súa opinión a escaseza enerxética e a destrución ambiental auguran “un ecofascismo” militarizado. Marcellesi tamén opina que a crise enerxética-económica actual xa lle está pasando factura á democracia, coincide na posibilidade dun “futuro fascismo enerxético” e sinala que a chave para evitalo é reaccionar o antes posible facendo unha “transición a outro modelo produtivo e reducindo a dependencia da enerxía fósil”; de aí, explica, que a política enerxética sexa un eixo central das súas propostas. O PT é outro dos conscientes do perigo autoritario derivado do Teito do Petróleo pero convida a viralo en oportunidade para promover “conceitos de soberania (politica, energética, alimentar), assamblearismo e auto-governo” e recoñece que desde a UE dificilmente “se vai poder fazer nada”. Ao igual có PT, o PX tamén é da opinión de que o sistema actual é “falsamente democrático” e promoven unha mudanza radical para un sistema de “verdadeira democracia” onde os temas como o Peak Oil poidan ser abordados informadamente polos cidadáns e se poida evitar que sexan os “lobbies” quen determinen a axenda. Quen non comparte estes temores é UPyD, cuxo candidato coida que o verdadeiro perigo para a democracia é a “abstención” e o “distanciamento” entre votantes e cargos electos. O candidato do PSOE só ve neste escenario “inseguridades de carácter ambiental” ás que responder defendendo o “dereito cidadán á enerxía”.

Se resultan elexidos, qué prioridade lle dará cada unha destas persoas candidatas á cuestión do Teito do Petróleo na súa actuación no PE? Marcellesi pensa apoiarse na axenda prevista nesta lexislatura acerca dos obxectivos relativos á mudanza climática para 2030 e 2050, para introducir a cuestión do Peak Oil —sobre a que leva feito labor investigador previamente á súa candidatura, segundo nos lembra—, e explica que o aspecto enerxético vén sendo clave para o grupo dos Verdes no PE e asegurando que será “tema recurrente” nas súas accións e intervencións na cámara. Porén, o PX non vé realista actuar sobre o Peak Oil coa axenda europea prevista, se cadra porque non ven oportunidade de vencellar —como fai Equo— o asunto das emisións co da dependencia dunha enerxía fósil minguante, e apostan por incidir, en todo caso, na cuestión da mencionada directiva sobre autoconsumo eléctrico e sobre o “balance neto”. Pola súa banda, o PT indica que moitos dos problemas sobre os que se tratará no PE si van estar vencellados cada vez máis coa escaseza enerxética e que polo tanto o Peak Oil será un “tema trasversal”. Senra indica que a acción sobre o Teito do Petróleo debe ser necesariamente prioritaria, dada a “urxencia” do problema e Miranda indica que ten intención de actuar para “poñer en cuestión o modelo enerxético actual”. Sosa afirma que a política enerxética e climática “xa ten sido” unha prioridade nas intervencións europeas de UPyD e que o seguerá a ser, mentres que Gutiérrez di que será prioritario para o PSOE retomar a cuestión aberta das propostas para 2030, que para eles deben ser “reducir emisións nun 50% respecto a 1990, aforro e eficiencia do 40%, e unha participación das enerxías renovables do 45%”, cifra na que coinciden coa proposta no programa de Equo.

NOTA 1: Este artigo está baseado en cuestionarios respondidos por correo electrónico. Incluíronse só as candidaturas que responderon ao mesmo.

NOTA 2: Nas citas literais foi respectada a opción ortográfica das persoas que responderon os cuestionarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.