Prostitución e drogas no PIB? Ese non é o problema

(Comentario de actualidade de Xoán Doldán a raíz da noticia aparecida en varios medios de comunicación.)

Isto xa é vello mais moitos non se enteraran. De acordo co SEC 95 (Sistema Europeo de Contas integradas) que parte da metodoloxía do 93 de Nacións Unidas, a economía ilegal, alegal ou paralegal debería ser contabilizada. Esta mudanza metodolóxica deuse despois de anos de moitas críticas ao Sistema de Contabilidade Nacional, xa que só se contabilizaba o que pasaba polo mercado legal. Fóra ficaban a economía ilegal, a economía non mercantilizada (por exemplo e fundamental, todo o traballo doméstico) ou as agresións ambientais derivadas da actividade produtiva ou do consumo (só se contabilizaba, ironicamente de forma positiva, a xestión dos residuos ou similares en caso de que houbese unha xestión dos mesmos que dese lugar a un desembolso monetario).

O SEC 95 mudara esta situación, incluíndo a economía ilegal e deixando fóra os outros elementos obxecto de crítica. Mesmo así, a dificuldade e a inercia da contabilización fíxo que na práctica non se levara a cabo esa mudanza e os Contas Nacionais seguiran sen reflectir a economía ilegal.

Agora co SEC 2010 retómase a cuestión, máis haberá que ver se finalmente se traduce na súa contabilización ou non. En calquera caso, o PIB así calculado será máis próximo á economía real xa que non podemos vivir na fición de que iso non é economía o que iso non existe. O diñeiro non establece ese tipo de fronteiras e, negro ou non, móvese dunhas mans a outras indistintamente. Acho que esta non debe ser a crítica. A crítica, ao meu ver, debe estar en que segue a haber ámbitos sociais que non entran nese cómputo monetario, ou o signo do cómputo nalgúns aspectos computados. E, sobre todo, debe situarse esa crítica en que o PIB continue a ser utilizado como indicador de benestar, da bonanza ou non da economía, ou como indicador para tomar decisións de política económica que afectan ao gasto público, os salarios, os tipos de xuro, etc.

O PIB é —e isto non mudará coa nova metodoloxía— un macroagregado monetario que mete no mesmo saco o que cura e o que mata, o que mellora a vida das persoas e o que a perxudica, o que causa desigualdade ou o que a reduce, os salarios e as rendas do capital, o público e o privado, etc. como se todo fose o mesmo, como se todo repercutise do mesmo xeito na vida da xente, como se todo tivese as mesmas consecuencias para economía dos individuos, institución ou empresas. Velaí o gran problema do PIB. Fóra diso, as dogras legais e as ilegais son todo drogas, entre o tráfico de armas legal e ilegal hai poucas diferenzas no uso final que van ter, entre a prostitución ilegal e —no caso de legalizarse— a prostitución legal tampouco habería diferenzas… as únicas en todos os casos serían os impostos que se poderían recadar ou certa seguridade xurídica —limitada— para as persoas que traballan ou trafican neses sectores. Ignoralas é só agachar a parte menos amábel da economía. O paradoxal é que aquilo que incrementa o malestar das persoas acabe por interpretarse como aumento do benestar, que os obxectivos de déficit público se poidan alcanzar grazas á economía ilegal, que a crise en termos contábeis semelle superarse porque a economía ilegal entra en xogo.

Queres facer maxia cos números e a contabilidade nacional? Faite economista, ou político ou as dúas cousas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *