Rodrigo Osorio Guerrero cóntanos máis sobre esta nova produción audiovisual vencellada co Teito do Petróleo:
A maioría das persoas das sociedades capitalistas desprezamos a industria tradicional, como tantas outras cousas verdadeiramente importantes, e semella que só unha situación crítica pode facernos mudar de opinión.
O cenit do petróleo pode ser o intre no que (ás bravas) recuperemos a perspectiva do “necesario” e miremos de novo á faciana das persoas, ao agro, aos apeiros tradicionais,…
Ese escenario foi a excusa para armar pATENTADO!, un documental no que revelamos o plan dunha corporación internacional, FACME & Co., creada co fin de que as grandes fortunas conserven a súa hexemonía tras o peak oil. O seu plan é patentar as ferramentas tradicionais para comerciar con elas cando volten a ser necesarias para as persoas.
Grazas a un futuro probable e cada vez máis cercano queremos resaltar o esquecemento do saber creado polos pobos da terra ao longo do tempo.
Un esquecemento co que nos expoliamos a nós mesmos case tanto como fai a FACME & Co.
Ficha técnica:
Galicia, xuño 2014.
Duración: 11:00 minutos
pATENTADO! é unha creación audiovisual realizada nas 24 horas do obradoiro Un falso documental como unha catedral impartido no Museo do Pobo Galego dentro da programación da 9.ª mostra de cinema etnográfico.
Equipo técnico e artístico: Xesús García Devesa, Conchiña Losada Vázquez, Ramón Nogueira González e Rodrigo Osorio Guerrero.
As habitantes da Illa Bufarda impartiron o obradoiro.