Maria Castelo fala do ‘Peak Oil’ en La Opinión de Coruña: «A civilización que coñecemos hoxe é a do petróleo»

(Entrevista realizada por Manuel Varela co gallo da súa presentación na Coruña da 2ª edición da Guía para o descenso enerxético, o libro publicado pola nosa asociación, e que apareceu en La Opinión o día 01/10/14.)

Traspasado o pico de produción de petróleo, a Asociación Véspera de Nada expón na Guía para o descenso enerxético distintas alternativas para un futuro sustentábel. María Castelo e Henrique Pérez Lijó, membros do colectivo na Coruña, acudiron onte a Livraria Suévia (Vila de Negreira, 33) para presentar as liñas mestras desta obra.

-Inspíranse no dito día de moito, véspera de nada. Xa pasamos ese día de moito co petróleo?

-Calcúlase que o momento álxido foi en 2006 ou 2008. Non en todas as partes do mundo, aínda que en termos xerais pode dicirse que si. O problema do petróleo non é que se esgote ao 100% como nunha garrafa, o problema é que unha vez sobrepasados determinados límites de extracción, o que fica é tan difícil de extraer que as taxas de retorno enerxéticas son moi baixas.

-As compañías son conscientes desta problemática?

-Pensamos que si, pero non sabemos como actúan de portas cara dentro. Agora mesmo, o prezo que estamos a pagar polo petróleo non é o prezo real de hoxe, senón que están incluíndo custos futuros.

-Ao que habería que sumar o aumento dos prezos motivados polos conflitos en Oriente Medio.

-Seguramente, o que pasa é que aí non podemos valorar se o conflito inflúe no prezo porque a causa é o conflito ou se hai conflito para que suba o prezo. A civilización que coñecemos hoxe non é a da tecnoloxía ou internet, senón a do petróleo. Non vai sobrevivir sen unha fonte de enerxía constante e ‘barata’ como era ata agora o petróleo. Debe mudar o paradigma completo, tanto a produción, como a distribución e o consumo.

-Consideran viables as alternativas dos biocarburantes ou os vehículos híbridos?

-Non, os agrocombustibles son unha trampa tremenda. O único que van facer, por unha parte, é aumentar os prezos dos alimentos, porque compiten con cada agrícola fértil que se usa para a provisión de alimento humano e animal. A taxa de retorno tampouco é alta. Para producir unha tonelada de soia necesítanse varios centos de litros de gasóleo. Estamos no mesmo. Isto provocará que as desigualdades se multipliquen no Sur e quintupliquen no Norte.

-Haberá voces que critiquen estas teses como catastrofistas.

-Oxalá nos estivésemos pasando de precavidos. O importante é concienciar á xente de que isto vai acontecer e que, seguramente, non pase de hoxe para mañá. Non espertaremos mañá sen petróleo, aínda que isto si sucedeu en Cuba. Tiveron que saír adiante con medidas imaxinativas e, sobre todo, con moitísima organización social. A xente hai que dicirlle que, chegado o momento, o prezo do cru vai subir tanto que só unha minoría poderá acceder aos recursos procedentes do petróleo.

-Un dos puntos claves que tratan no libro é volver ao rural e aproveitar a terra.

-É o esencial. Se un se pon a pensar do que pode prescindir cada día, descubriremos que podemos facelo de moitas cousas, aínda que non de comer e de buscar abrigo. Todo iso ten unha solución que reside en racionalizar a base demográfica do urbano ao rural. Seguir un proceso inverso ao rural-urbano.

-Semella un proceso moi a longo prazo.

-Claro, non pretendemos que todo o mundo viva de súpeto sen petróleo. Cando nos preguntan ata cando ficaremos con petróleo, respondemos que depende. Se de aquí en diante reducimos o consumo, iremos adiando o momento da explosión de escaseza.

-Ademais do exemplo cubano, que outras alternativas hai vixentes na actualidade?

-Hai moitas experiencias, na Gran Bretaña, por exemplo, están os Transition Towns, que son pequenas vilas que traballan en procesos de transición para cando o petróleo sexa unha realidade do pasado. Aquí temos algúns centros de resiliencia, pequenos núcleos nos que as persoas intentan ser o máis autosuficiente posible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *