(Entrevista realizada por Alfonso Andrade, e que apareceu en La Voz de Galicia o 09/01/2015)
O prezo do petróleo está polo chan, pero en cuestión de meses podería experimentar fortes repuntes no escenario de inestabilidade que prognostica Xoán Ramón Doldán García (Ponteceso, 1963), profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago e experto en fontes de enerxía. Unha das craves é a crise que o baixo custe vai xerar en países coma Rusia ou Arabia.
-¿Está o exceso de oferta tras o derrubo do prezo do petróleo?
-O petróleo é unha materia prima enerxética especial, cun mercado oligopólico sen demasiados actores tanto na oferta coma na demanda. Non é a actividade económica a que determina o prezo; é ao revés: o prezo do cru condiciona a economía. É certo que a OPEP non é sensible a controlar a produción agora que a oferta excede á demanda, pero creo que habería que mirar máis á demanda que á oferta para interpretar ben este tema.
-¿Como funciona entón?
-O mercado actual do petróleo non se parece ao de antes do 2008. Esquecémonos, pero naquel ano houbo tamén unha subida exaxerada do prezo, ata 148 dólares o barril. E deseguida, unha caída brusca de 35, para volver a alzarse de novo por riba dos 100. Aquela inestabilidade do mercado no 2008 aseméllase moito á que vivimos agora.
-¿Ese vai ser o novo escenario: subidas e baixadas alternativas?
-Cada vez máis. Veremos moitos cambios de prezo, con baixadas moi fortes e, en poucos meses, alzas importantes. Esta volatilidade ten que ver coa demanda enerxética. O petróleo baixou porque a demanda se ten parado ou reducido moito pola crise económica que arrastramos e pola perda de dinamismo en mercados coma o chino. Ese freo reduciu o prezo moi rápido, pero unha pequena reactivación vaino subir en tempo récord, e ese escenario se traducirá nun problema grave a nivel enerxético. Xa o supón, de feito.
-É a cara negativa dese baixón.
-Si. Vémola por exemplo na maioría das empresas de fracking, moi endebedadas, que só poden sobrevivir se o prezo do barril está por riba dos 85 dólares. Algunhas xa están producindo con perdas e axudas do Goberno de Estados Unidos, e moitas poden quebrar, creándose unha burbulla do fracking similar á que houbera hai anos cos biocombustibles. O que parece positivo, o prezo baixo, pode converterse nunha trampa financeira e arrastrar compañías petrolíferas convencionais, moi endebedadas tamén. Tal e como está agora, posiblemente non se faga ningún dos proxectos de fracking que temos en España.
-¿Como afectará aos países produtores?
-O baixo custe vailles crear un grave prexuízo porque os ingresos do petróleo son claves para os seus balances. Moitos estarán en situación de déficit fiscal. Iraq, Rusia, Venezuela… terán problemas. Hai estudos que precisan que a estabilidade interna deses Estados depende de que o prezo supere os 110 dólares. E mesmo Rusia e Arabia necesitan o barril de cru case a cen euros. A OPEP non quere asumir unha redución da cota de máximos produtivos, pero, coma ese límite é voluntario, algún país está baixando xa a produción.
-¿Quen reduce a produción?
-Por exemplo, Arabia en setembro e outubro. A idea é que non haxa tanta oferta e, polo tanto, que o prezo caia. Pero é un equilibrio delicado, porque se limitas a extracción tamén vendes menos.
-¿Asistiremos a curto prazo a unha baixada da oferta?
-Seguramente, porque a produción do petróleo convencional está estancada, non crece máis, e o alternativo, coma o do fracking, ten custes moi altos, inviables coa inestabilidade actual. Isto non pasaba antes do 2008, porque se había máis demanda podía aumentarse a oferta nese escenario de sobreabundancia. Agora pode traducirse en fortes subidas do prezo.