«Voltar á terra»: si, pero sen enganarnos acerca dos nosos recursos

A raíz da publicación esta semana do manifesto Voltar á terra en defensa do retorno digno das persoas galegas emigradas, varios dos membros de Véspera de Nada fixemos varias críticas tanto no web Praza Pública, como no propio blog da plataforma promotora como na súa páxina en Facebook, derivadas de certas afirmacións que contiña o manifesto e que se conformaban como parte importante do argumentario deste colectivo. Por exemplo, afirman que:

xeramos máis recursos enerxéticos -electricidade- dos que precisamos

Copiamos aquí algunhas das opinións expresadas polos membros da nosa asociación ao respecto:

Casdeiro:

Benvida esta iniciativa… non foi sen tempo. Aínda non lin o manifesto completo, pero en principio chócame que se pidan soamente “cambios políticos que nos permitan vivir dignamente no noso país e emigrar cando queiramos, e non cando nos vexamos obrigadas a facelo” cando as condicións que levan á emigración non soamente son políticas (que tamén, por suposto!) senón tamén ambientais, económicas e de recursos. Isto ímolo vivir cada vez máis a nivel planetario e tamén no noso país, non pensemos que nos imos librar, vivindo probablemente tamén fluxos de inmigrantes climáticos ou por carencia de alimentos. Fálase de favorecer o retorno mediante iniciativas sustentables, o cal é absolutamente necesario, espero que non sexa só un verniz verde e que se vaia comprendendo pouco a pouco a perspectiva que nos espera no país e que debuxamos en http://galiza.pospetroleo.com


“xeramos máis recursos enerxéticos -electricidade- dos que precisamos”
En que baseades esa afirmación? Recoméndovos ler a Xoán Doldán, p.ex. o seu texto “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza”, incluído no libro Ecoloxía política, publicado por OBenComún. Ou consultar as cifras que se achegan na “Guía para o descenso enerxético”, dispoñible de balde en http://galiza.pospetroleo.com/solicita-o-teu-exemplar/

Non podemos basear manifestos, polo demais moi louvables, en falsas apreciacións nunha cuestión tan vital para diagnosticar o noso futuro.


“Non queremos agasallos, mais tampouco que nos pechen as portas do noso país. A emigración non só supón rachar familias e separarse da xente que queremos, senón desvertebrar o noso territorio, introducir fendas xeracionais irrecuperábeis e condenarnos a continuar no círculo da dependencia que nos ten nesta mesma situación.” Imaxino que falades da dependencia POLÍTICA, mais… que hai da ENERXÉTICA? Non se pode ter unha en conta sen a outra: a primeira soberanía, é a dos recursos. E aí estamos aínda máis lonxe de sermos sobernanos ca no terreo político.

Xoán R. Doldán:

Confundir a electricidade como “recurso enerxético” xa manifesta unha grave confusión, sobre todo cando se dá a imaxe de que o recurso é xerado, é dicir temos a capacidade para “producilo”, dando a imaxe de que podemos ter máis ou menos á vontade. O carbón ou o gas natural importados parece que non teñen nada que ver con esa xeración eléctrica ou como se eses recursos fosen “nosos”. Por riba “non precisamos” eses “recursos”, é dicir temos recursos de sobra.

Algo semellante aparece na afirmación “somos líderes mundiais na produción de novos materiais de aplicación industrial”, é dicir temos materiais a esgalla.

Tamén cando afirman “o mar fíxonos potencia pesqueira”. Demo de potencia!. Certamente somos potencia pesqueira, é dicir en capacidade de extracción e comercialización pesqueira, mais a maior parte desta extracción e da pesca comercializada non procede do noso mar senón do de outros, e os produtos pesqueiros van destinarse maioritariamente ao consumo noutras terras. Tamén somos potencia enerxética, é dicir en capacidade de transformación de enerxía, mais esa enerxía que transforma procede maioritariamente doutros lugares e unha vez transformada acabará noutros lugares.

Mágoa que tendo unha intención de denuncia —que comparto—, acaben por facer ver que temos unha sobreabundancia de recursos e que o que habería que facer e explotalos para dar traballo a todo o mundo. Lonxe diso, a nosa dependencia material e enerxética é manifesta —na análise sociometabólica que temos feito para o Estado Español vése moi ben esta circunstancia—. Ese traballo a facer e toda esta capacidade laboral e intelectual da xente que ten que marchar debería dirixirse a un cambio de modelo socioeconómico, que pase por unha redución na demanda de materiais e enerxía, por unha reorientación produtiva, por unha priorización da cobertura das necesidades internas e non dos mercados exteriores, por unha adecuación no uso das terras a ditas necesidades, por unha reconfiguración dos espazos rural e urbano, por unha mudanza na ideoloxía dominante e na conciencia sociais, nas institucións…

Imaxe de cabeceira da plataforma, subvertida por Casdeiro.

Imaxe de cabeceira da plataforma, subvertida por Casdeiro.

3 thoughts on “«Voltar á terra»: si, pero sen enganarnos acerca dos nosos recursos

  1. André Mauricio
    12 Abril, 2015 at 10:17 p.m.

    Boa noite, xa que se recopilou todo excepto a miña resposta anterior, gustaríame aclarar algunhas cousas, estando completamente dacordo co fondo do voso argumentario, penso que estades a cometer erros conceptuais derivados dos prexuízos xerados por non investigar dabon do a cuestión ou polo que sexa.

    Primeiro, o material de aplicación industrial máis producido na Galiza é fibra de pizarra, feita con residuos de mineral, co cal non só non se está fomentando a extracción de minerais, senón o aproveitamento dos xa extraidos , que é algo moi distinto. Sen ter en conta que son precisamente criterios de sostenibilidade e eficiencia enerxética os que forzaron as inversións en I+D+i para desenvolvelos.

    Coincido con todos os argumentos que explican a lamentábel situación socioeconómica do País, que entre outras cousas é o que se denuncia como unha das causas principais da emigración.

    Sobre as saídas económicas que propoñedes, non é que sexan benvidas, é que probablemente as partillará tamén quen o fixo ou eu mesmo, pero o manifesto está pedindo medidas urxentes, e explicando ben clariño cal é o saldo eléctrico da Galiza, ou as capacidades que temos para desenvolver unha sociedade económica e ambientalmente sostíbel contando coa xente que somos e os recursos que temos, todo o demais son desbarres vosos, e que estedes intentado tirar proveito de iniciativas como estas, ou facendo deseños como ese para ridiculizala para ver si vos aumentas catro visitas é amais de cutre, bastante vergoñento, se queredes colaborar de verdade seguro, pero si queredes trollear aprendede de Benito https://www.facebook.com/BenitoSotoTroleadaDobao?ref=ts&fref=ts

  2. Casdeiro
    13 Abril, 2015 at 8:16 a.m.

    Boa noite, xa que se recopilou todo excepto a miña resposta anterior,

    Comprenderás que publiquemos no noso web as nosas opinións. Para as opinións dos demais está o sistema de comentarios, precisamente o que ves de empregar. Ademais, aínda que quixésemos engadir no post os comentarios que ti fixeras, non sabemos en realidade quén es, nin a túa relación cos promotores do manifesto e a plataforma “Voltar á terra”, e polo tanto non saberiamos en calidade de qué dicir que foran feitas esas afirmacións túas.

    A verdade é que, sen menospreciar o interese que poidan ter as túas respostas a título individual, sería bo termos unha resposta “oficial” dos responsables da plataforma.

    Primeiro, o material de aplicación industrial máis producido na Galiza é fibra de pizarra, feita con residuos de mineral, co cal non só non se está fomentando a extracción de minerais, senón o aproveitamento dos xa extraidos , que é algo moi distinto.

    Descoñezo as características de produción dese material, mais se non me engano no manifesto falábase de materiais, en plural. Cales son os outros? Tamén comparten as características que citas? Por certo, seica a fibra de pizarrra é un material renovable (coido que ese era o fondo da crítica do compañeiro Marcos, no que eludes entrar)?

    son precisamente criterios de sostenibilidade e eficiencia enerxética os que forzaron as inversións en I+D+i para desenvolvelos.

    Para desenvolver os qué? Non me queda nada claro, e menos aínda eses criterios. Por certo, que sostenibilidade (sostibilidade??) e eficiencia enerxética son cousas abondo distintas, a ver se estamos a mesturar tamén aquí churras con merinas e de aí os erros de diagnose… Como cando se confunde enerxía con electricidade, xeración con aproveitamento de recursos, etc.

    o manifesto está pedindo medidas urxentes, e explicando ben clariño cal é o saldo eléctrico da Galiza

    É descorazonador ver que despois das explicacións que achegamos aínda pensas que o manifesto explica ben claro o do saldo eléctrico cando en realidade non menciona a orixe da produción eléctrica e dá por suposto que é producida toda con recursos propios, e cando mestura enerxía en xeral con electricidade, sen diferenciar fontes primarias. Iso para min non é o que denominaría precisamente “ben clariño”.

  3. Casdeiro
    13 Abril, 2015 at 8:27 a.m.

    todo o demais son desbarres vosos, e que estedes intentado tirar proveito de iniciativas como estas, ou facendo deseños como ese para ridiculizala para ver si vos aumentas catro visitas é amais de cutre, bastante vergoñento, se queredes colaborar de verdade seguro, pero si queredes trollear aprendede de Benito

    Acerca das avaliacións descualificadoras de “prexuízos”, “desbarres”, “cutres”, etc. non vou entrar porque falan por si mesmas e entran dentro da liberdade de opinión de cada quen, sen merecer nin dar pé ao máis mínimo debate racional.

    En canto ao deseño gráfico que mencionas, que é responsabilidade miña exclusivamente, sinto que non che guste ata o punto de o cualificares de “vergoñento”. Non sei u-la vergoña de ver na imaxe un par de torres de centrais térmicas, pois son parte fundamental dese saldo eléctrico do que tan orgullosos parecen estar tanto os autores do manifesto coma ti. Ou se cadra é o problema ver o símbolo de “reboninar” da imaxe orixinal subvertido como o símbolo matemático do decrecemento (o triángulo invertido)? Permitirasme a liberdade de realizar unha crítica mediante unha trasformación do símbolo, que coido tan lexítima coma unha crítica en palabras, que amose a contradición inherente entre a realidade dun país abocado a decrecer se quere ser realmente autosuficiente, co trasfondo fósil e polo tanto incompatible coa sustentabilidade, de boa parte da xeración eléctrica dese mesmo país no momento actual.

    En canto ao cualificativo que deslizas finalmente de trolls, malia que polo visto nos queres animar a dita actividade tomando como exemplo unha páxina de Facebook, recoméndoche que tamén procures un meirande rigor pois coido que as críticas argumentadas e baseadas en datos son algo bastante afastado da definición de trolling que podes atopar na Wikipedia ou en calquera outra fonte de prestixio na WWW. Novamente, erros de concepto, usados ademais nesta ocasión como insulto. Lamento que esta sexa a resposta ás nosas críticas construtivas que buscaban a reformulación das lexítimas e louvables demandas do manifesto, e espero que non sexa a resposta “oficial” da plataforma.

Deixa una resposta a Casdeiro Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *