Como sabemos as persoas que andamos pescudando no tema do Peak Oil desde hai anos existen xa unha boa presada de documentais e traballos divulgativos audivisuais acerca desta cuestión, pero moi poucos que estean noutra lingua diferente do inglés. Como moito, adoitamos botar man dos subtítulos, moitas veces bastante deficientes. Pero hoxe, grazas á iniciativa do noso compañeiro Xaquín V. Fernández e á colaboración desinteresada do dobrador profesional Suso Pando podemos presentarvos no noso idioma unha das obras fílmicas máis interesantes sobre esta cuestión: There’s no tomorrow (2012), unha curtametraxe (pouco máis de 1/2 h) de animación moi axeitada para entender visualmente o rumo que leva a civilización industrial. É un material moi apto para todos os públicos, e malia o seu deprimente título, amosa na súa parte final que despois do petróleo existe un futuro… aínda que moi diferente ao que habitualmente nos venden os medios de comunicacións, os poderes económicos e a maioría dos políticos.
Non deixedes de velo e coñecer máis sobre el no web oficial da película! Aínda que temos intención de ilo presentando en diversos actos organizados pola nosa asociación —por exemplo nas presentacións da nosa Guía para o descenso enerxético, que continuamos a realizar— e outras afíns que van xordindo polo país, convidámosvos a ilo vendo xa online e a espallalo nas redes sociais.
9 reflexións sobre “Publicamos a dobraxe ao galego do documental “Non hai mañá” (Dermot O’Connor, 2012)”