Véspera de Nada solidarízase con Marcos Celeiro e apoiará a concentración de hoxe diante dos xulgados de Vigo

A asociación Véspera de Nada solidarízase con Marcos Celeiro, e acudirá á concentración de apoio de hoxe, 7 de abril, diante do xulgado nº 13 de Vigo, onde este activista sentará no banco dos acusados tras ser denunciado pola empresa Cementos Cosmos por “danos e prexuízos contra a súa honra”.

O único delito de Marcos Celeiro foi denunciar o impacto catastrófico que a actividade mineira desta empresa está a causar en Triacastela dende o punto de vista medioambiental, arqueolóxico, patrimonial e agrogandeiro. E a única resposta da empresa está a ser denunciar á veciñanza crítica coa súa xestión da canteira de Vilavella e porfiar nas ilegalidades cometidas coa conivencia das administracións públicas.

Con esta denuncia e este xuízo, Cementos Cosmos non ataca só a Marcos, senón que ataca tódolos colectivos que formamos parte de contraMINAcción, entre os que se atopa Véspera de Nada, e loitamos contra os impactos da minaría salvaxe na Galiza e, por extensión, ataca toda a cidadanía, pois as ilegalidades e desfeitas desta mineira e demais empresas do sector atentan contra o ben común da nosa terra. E defender a nosa terra non é un delito, é un dereito e un deber ao que non pensamos renunciar. Por iso, dende Véspera de Nada reafirmámonos no manifesto publicado pola plataforma contraMINAcción con motivo do II Encontro sobre os Impactos da Minaría en Galiza: “Diante da actitude de Cementos Cosmos, lanzamos unha mensaxe clara e inequívoca á patronal mineira: nin esta nin ningunha outra tentativa de amordazarnos van impedir que sigamos denunciando as ilegalidades que cometen nin o feito de que, coa complicidade do Goberno da Xunta, pretendan apropiarse do noso territorio para o seu lucro privado e a costa de destruír e envelenar o noso medio natural e atentar contra sectores produtivos vitais para a nosa economía como a agricultura, a gandería ou a pesca”.

Por iso, estaremos hoxe, ás 10.00 horas, diante do xulgado nº 13 de Vigo para expresar todo o noso apoio e solidariedade con Marcos Celeiro.

cementos-cosmos-vs-marcos-celeiro

One thought on “Véspera de Nada solidarízase con Marcos Celeiro e apoiará a concentración de hoxe diante dos xulgados de Vigo

  1. Casdeiro
    7 Maio, 2015 at 7:01 p.m.

    No web de ContraMINAcción está a listaxe de colectivos que amosaron o seu apoio ao noso compañeiro Marcos con ocasión deste proceso: http://www.mineriagalicia.org/2015/05/06/contraminaccion-pede-solidariedade-nacional-e-internacional-para-marcos-celeiro/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *