Análise do programa de Compostela Aberta desde a perspectiva do Peak Oil

A continuación facemos un repaso ao programa da forza que vai gobernar —segundo todas as previsións— na capital de Galiza durante o periodo 2015-2019, á procura de medidas para preparar a cidade de cara ao Teito do petróleo. Nós tiñamos presentado durante a campaña unha serie de medidas que foran publicadas no wiki http://compostela.pospetroleo.com. Agora analizamos cáles delas aparecen ou non, no programa de Compostela Aberta co que vai gobernar Martiño Noriega, quen fora en 2009 o primeiro alcalde (cando gobernaba no concello de Teo) de todo o Estado Español en impulsar unha declaración institucional acerca deste problema.


LIMIAR

Non se fai referencia.

#UN CONCELLO PARTICIPATIVO

Positivas todas as medidas en termos xerais (transparencia, participación, democracia directa).

#UN CONCELLO PARA AS PERSOAS

Positivo en termos xerais. Agora ben, falando da loita contra a pobreza e a exclusión e emerxencia social, cobra senso o acceso aos alimentos dun xeito diferente: sería interesante ter incluído o acceso a producción de alimentos no concello por parte destes colectivos.

No apartado UN CONCELLO SAUDABLE debería haber referencias concretas: alimentación, transporte (a pé, bicicleta), costumes modernas (uso de biocidas en xeral, transxénicos), entornos saudables (parques, xardíns, hortas en contacto coa natureza…).

No apartado UN CONCELLO SOCIALMENTE RESPONSABLE fala da contratación pública: un bo lugar para incluír requisitos de non consumo de combustibles fósiles ou minimización do consumo, etc.

POLITICA EDUCATIVA MUNICIPAL

Entendemos que non se comenta nada de educar para a transición, educación ambiental ou mesmo contidos en relación directa co teito dos combustibles fósiles.

MOBILIDADE, URBANISMO E VIVENDA

  • Ben: máis espazo peonil, reducir presión do vehículo privado.
  • Plan de mobilidade (liña estratéxica 1). Enténdese que está ben, pero non fai referencia ao emprego de enerxía.
  • Corredores verdes, peonís, ben. Inclúe por ex. Entre Milladoiro e Conxo.
  • Reducción do tráfico rodado, ben.
  • Uso bicicleta: ben.
  • Limitación de velocidade a 30, ben.
  • Estación intermodal (liña estratéxica 5) : Entendo que está ben, pero non concretan moito, fálase do tren o que parece positivo polo menos a curto e medio prazo. Agora ben, fálase da conexión co aeroporto que me parece una medida curtopracista e de escaso percorrido.
  • Mellora do transporte público. Ben, pero qué horizonte temporal ten?

URBANISMO

  • Ben en termos xerais, en canto á recuperación dos barrios, lugares periféricos, defensa do sector primario no rural.
  • Creación de hortas urbanas: ben, pero queda, na nosa opnión, moi coxo; é dicir, non se menciona o Peak Oil, nin sequera o cambio climático, o seguridade alimentaria, a calidade dos productos en relación coa saúde, etc. E, sobre todo, non se explica se é para todos ou só para algún colectivos… en todos os barrios, só por sitios. Cremos que peca de moi pouco concreto e pouca ambición polo menos nos plantexamentos de base ou na motivación da medida.
  • Mellorar a circunvalación e os enlaces da AP-9 á cidade: entendo que é una medida quizáis necesaria pero a curto prazo.
  • Rotonda de Conxo, comunicación peonil Santiago-Milladoiro: melloras positivas.
  • Oferta efectiva de solo industrial para a implantación de novas empresas (liña estratéxica 10). Non din nada máis. Habería que ver qué empresas adicadas a qué e cómo. Parece moi convencional, se a implantación de empresas dependese da oferta de solo…

VIVENDA

Parque público de vivendas de aluguer: ben.

COMPOSTELA ABERTA AO RURAL

Hai moitas medidas interesantes e, en calquera caso, positivas para o rural en termos xerais: servizos, dar valor á terra e aos seus produtos, dando promoción á produción agraria rural e promovendo as compras de produtos de proximidade.

POLITICA TURÍSTICA

Enténdese que o turismo é unha das actividades que máis afectada se verá no futuro pola escaseza de combustibles fósiles, limitándose ao turismo de proximidade. Apostar de xeito forte por turismo deste tipo é unha medida económicamente desexable nun prazo curto. Enténdese que dende un punto de vista optimista poderíase pensar en turismo con baixo nivel de consumo de combustibles (transporte estrictamente público, etc.) pero non se comentan este tipo de cuestións.

#UN CONCELLO SUSTENTABLE

  • No canto de falar de decrecemento fálase de sustentabilidade.
    Dende o noso punto de vista este adxetivo (sustentable) perdeu significado nos últimos anos. A sostibilidade é triple (ambiental, económica e social) e isto non é recollido no programa de C.A., só a ambiental, polo que en realidade estase a falar de medioambiente. A sustentabilidade debería ser un obxectivo troncal de todas as políticas do Concello. Semella máis interesante o marco que crean por exemplo en Francia ou en países nórdicos: ecoloxía que fai referencia ás relacións básicamente e onde a sustentabilidade pasa a ser un obxectivo.
  • Aquí aparece a primeira referencia ao Teito do Petróleo: Un municipio, que aporte tanto como reciba e que lidere unha transición cara a sociedade pos-petróleo (pax 57). Única referencia específica ao feito.
  • AUGA: positivo en xeral. Algún pero: a depuración de augas residuais por métodos convencionais é altamente dependente de enerxía. Hai sistemas naturais (fitodepuración) e din que se van a apoiar, pero parece moi escaso; poderíase pensar, idealmente, no recambio total do sistema.
  • RESIDUOS: Parece positivo en xeral, mais moi pouco ambicioso e concreto no que se refire á compostaxe caseira. Nós entendemos que habería que fomentar a compostaxe comunitaria, etc.

Reto 6. ENERXÍA E CAMBIO CLIMÁTICO

Todo do que se recolle está moi ben en termos de aforro, maior calidade ambiental, loita contra o cambio climático, etc. pero non se fala para nada dunha transición a un modelo sen petróleo, non se fai un recoñecemento explícito do problema.

Igualmente debería haber comunicación neste apartado sobre a enerxía, tanto a nivel xeral como específicamente pikoleiro, pero non o hai.

Entendemos que é un apartado perdido.

Reto 9. SOBERANÍA ALIMENTAR

  • Concello libre de transxénicos. Ben. (Habería que matizar libre de cultivos transxénicos: a chegada dos produtos a tendas non é controlable nin competencia do concello).
  • Productos locais. Ben. Falan das hortas urbanas e periurbanas, que está ben, pero non especifican obxectivos cuantitativos nin motivan o porqué desta aposta máis alá do xenérico sobre a soberanía alimentar.
  • Productos locais/ políticas quilómetro 0. Ben.

#UN CONCELLO PARA O BEN COMÚN

ECONOMÍA E FACENDA

Referencia na páxina 70: fálase do modelo económico capitalista actual, baseado no consumo de enerxías fósiles, etc.

Búsqueda de termos dentro do documento:

  • Petróleo: 1 (xa reseñado, páxina 57).
  • Combustible/s: 0.
  • Fósil/es: 1. Páx. 70. Referencia á consumo enerxías fósiles e capitalismo.
  • Enerxía: 7 resultados, 4 deles na páxina 60 no apartado de Enerxía e Cambio climático.
  • Peak Oil: 0
  • Teito do petróleo: 0
  • Transición: 4 (1ª en eduación, nada que ver; 2ª e 3ª páx. 57 xa reseñado, cara a sociedade pos-petróleo, pouca contaminación; 4º páx 58, transición á sustentabilidade).
  • Crecemento: en 8 páxinas. 4 en relación a enerxía e a economía.
  • Na páx. 69 e 70: É interesante esta mención: “Debemos tomar consciencia, sen alarmismos e con responsabilidade, do esgotamento progresivo do modelo de crecemento económico capitalista actual, baseado no consumo de enerxías fósiles, na financiarización da economía e na especulación inmobiliaria.” Moi revelador ese “sen alarmismos”, que se cadra revela o temor a ser tildados de alarmistas por recoñeceren expresamente a gravidade do devalar enerxético e a fin do crecemento, a el asociada.
  • Decrecemento: 0

Avaliación

O conxunto do programa é moi similar, por non dicir exactamente o mesmo, que o documento de inicio de elaboración de programa publicado previamente online como punto de partida para a elaboración de un programa colaborativo.

Enténdese que a maior parte das aportacións populares online non foron recollidas, referíndonos, neste senso, non só as que teñen que ver co Teito do Petróleo senón en xeral.

Atópase unha única referencia ao Teito do Petróleo no apartado de sustentabilidade (sic) que non se concreta en medidas concretas.

Por outra banda, as referencias á enerxía en termos xerais só están en relación co cambio climático, maior calidade ambiental, etc., pero non en relación a un futuro esgotamento ou rarificación dos recursos enerxéticos. Coa enerxía preténdese no programa de C.A., en termos xerais, diminuir o seu consumo e fomentar a produción con renovables, o que é obviamente positivo pero tamén claramente insuficiente.

O documento ten moitas medidas, sen dúbida, interesantes no eido dunha transición a un modelo con menor disponibilidade enerxética: vivenda, urbanismo, transporte, produción de alimentos/hortos urbanos, consumo de proximidade, etc. Mais ningunha delas está contemplada baixo a óptica do Peak Oil. A modo de exemplo, enténdese que é moi positivo traballar por ter hortas urbanas e periurbanas mais non se indica a que obxectivo poboacional se pretende chegar e, sobre todo, non se especifica que é unha medida básica para afrontar o Teito do Petróleo ou unha situación de menor disponibilidade enerxética.

Hai medidas estrela como a intermodal, que debería ser repensada dende unha óptica de esgotamento do petróleo, sendo, obviamente a conexión aeroportuaria algo pouco útil nese contexto.

O modelo económico da cidade ten claroscuros: incremento superficie industrial, potenciación do turismo…

En resume, cremos que se intenta incorporar o concepto pero de xeito feble e sen darlle o peso que merece, o que se concreta en medidas moi escasas e mesmo confusas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.