I Encontro ecofeminista «Mulleres en transición». 20-21 de xuño, no Centro para a Resiliencia Pousadoira

Publicamos a presentación das xornadas, por parte da súa promotora, a nosa compañeira Begoña de Bernardo:


Ecofeminismos como alternativa cara a transición poscapitalista

CARTAZ-ENCONTRO-mulleres-transicion-ecofeminismos-724x1024O 20 e 21 de xuño celebrarase no Centro para a Resiliencia Pousadoira, en Miño, un encontro de mulleres arredor dos conceptos de ecofeminismo, decrecemento e transición poscapitalista en relación coa crise sistémica á que estamos a asistir dende hai xa sete longos anos.

Conscientes dos profundos e radicais cambios necesarios para que a nosa sociedade poida sobrevivir a esta crise o colectivo creado para a ocasión, Mulleres en Transición, abre con este encontro un debate do que quere facer parte á cidadanía galega, e contribuir a elaborar reflexións útiles para abordar estes cambios.

Unha das características máis salientables é a necesidade de recoñecer os límites ao crecemento, e máis o devalar enerxético que nos agarda, e neste contexto sermos capaces de artellar unha sociedade que manteña a sua cohesión e as necesidades esenciais, imprescindibles para vivir unha vida digna e que mereza a pena, cubertas.

Como mulleres, a miúdo tócanos sufrir moi directamente os reveses do mercado, e somos as primeiras que quedamos en precario en situacións de crise social. Ao mesmo tempo, os labores tradicionalmente asignados ás mulleres polo sistema patriarcal no que vivimos, e que son esenciais para a reprodución e mantemento da vida, aínda non son valorados como tales, nin compartidos por igual na sociedade, porque están fóra do mercado. É precisa unha revisión e reconceptualización da economía neste novo contexto e desde unha perspectiva ecofeminista.

Neste encontro, que pretende ter continuidade, temos un apretado programa, tanto de conferencias e mesas de debate, como de obradoiros máis prácticos. Salientar a presenza de membros de Véspera de Nada, como son Begoña de Bernardo, promotora do Centro para a Resiliencia e anfitriona do Encontro, e María Castelo Lestón, que pronunciará unha palestra o domingo pola mañá.

VENRES 19: a partir das 6 da tarde: Recepción e acollida das participantes que vaian chegando e cea compartida co que cada unha traia.

SÁBADO 20: comezaremos ás 10 da mañá cunha conferencia de Lidia Senra: “Mulleres do mundo rural. O seu traballo. O seu poder”

Ás 12 haberá unha mesa redonda a respeito do concepto do Bo Vivir, contextualizando na Galiza “Indixenismo e bo vivir galego”, con Charo López e Olalla Barro.

Pola tarde, ás 16.30, outra mesa redonda sobre maternidade: “A maternidade como experiencia empoderante”, na que estarán Muria Otero, Paula Vázquez e Marta García Ramos.

Á ultima hora da tarde teremos un obradoiro sobre sexualidade con Teresa Rodríguez, experta en Tao da muller, que tamén nos agasallará pola noite con danza. Así mesmo pola noite teremos unha celebración ao redor do lume e o solsticio de verán. Estará con nós Verónica Serantes, de Trópico de Grelos para unha sesión de percusión onde participaremos todas.

DOMINGO 21: De novo ás 10 comenzaremos cunha palestra que pronunciará María Castelo titulada “A crise civilizatoria, os límites do crecemento. Unha visión feminista”.

Ás 12 teremos outro obradoiro sobre afectos con Tareixa Ledo Regal.

O domingo pola tarde será tempo de recapitular e entre todas as participantes elaborar un documento de reflexións e conclusións do encontro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.