A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (II: O camiño da dependencia enerxética e da expansión eólica). Por Xoán Doldán

Tras o apartado de “Introdución” e de “Antecedentes históricos: as bases do modelo enerxético galego”, hoxe publicamos a segunda parte do texto A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza de Xoán R. Doldán, que saíra publicada dentro do libro Ecoloxía Política: Olladas desde Galicia.


A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (2ª parte)

O camiño da dependencia enerxética e da expansión eólica

O proceso de concentración empresarial do sector enerxético que tivera lugar cunha forte participación do sistema bancario e a presenza máis ou menos activa do Estado, continua nos anos noventa, aínda que con elementos novos:

  • En 1991 fusiónanse Iberduero e Hidrola baixo o nome de Iberdrola, dominando como monopolio a explotación na metade do norte do Estado español.
  • Case a un tempo, Endesa consegue o control de Fecsa e Sevillana de Electricidad, ao tempo que controla importantes paquetes de accións en Unión-Fenosa e Electra de Viesgo. A privatización de Endesa constitúe así mesmo un acontecemento salientábel.

Deste modo, ao redor de Iberdrola e Endesa sitúase o núcleo de control do sector eléctrico español e galego, cunha propiedade cada vez máis desgaleguizada.

É nesta época cando se publica o primeiro Plan Enerxético de Galicia (Xunta de Galicia, 1995). Non formulaba unhas liñas estratéxicas explícitas, mais resultaban obvias: cubrir os fortes incrementos da demanda interna, aumentar as exportacións brutas ao resto do Estado (aínda que se reducirían en termos relativos) e cubrir o progresivo esgotamento do carbón autóctono con importacións, o que implicaba contemplar a posibilidade de explotar novos depósitos (na Limia) o que finalmente non chegou a facerse.

O desenvolvemento máis ambicioso era o eólico, co obxectivo de alcanzar os 1.800 MW eólicos en 2010, cifra que será amplamente superada, pero que daquela era vista con grande escepticismo por mor da suposta inviabilidade técnica. Tamén se pretendía triplicar a produción hidráulica de formato reducido, poñendo en funcionamento unhas 100 novas minicentrais e aumentando a potencia doutras existentes. Destacaba, ademais, o interese polos proxectos de coxeración ao abeiro da extensión do uso do gas natural, así como os proxectos de incineradoras de residuos urbanos. Non todos os obxectivos se alcanzaron, mais outros foron amplamente superados e, sobre todo, trunfou a estratexia recollida neste plan marcando o futuro enerxético galego na seguinte década, cando asistimos a unha reconfiguración do sector enerxético.

Evolución da enerxía primaria transformada. Galiza, 1981-2011 (ktep)

Gráfico 1. Evolución da enerxía primaria transformada. Galiza, 1981-2011 (ktep)
Fonte: Elaboración propia a partir de datos da Consellería de Industria e Enerxía (1984), da Consellería de Industria, Comercio e Turismo (1988), de GESTENGA (1993) e do INEGA (2001, 2003 a, 2003b, 2004, 2006, 2007, 2008, 2010a, 2010b, 2011, 2012 e 2013).

(Continúa na 3ª parte.)