A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (III: O panorama enerxético galego nas tres últimas décadas). Por Xoán Doldán

Terceira parte do texto A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza de Xoán R. Doldán (o seu capítulo no libro Ecoloxía Política: Olladas desde Galicia). Tamén se poden consultar a 1ª y 2ª partes publicadas neste mesmo blog. NOTA: As grosas nalgunhas frases foron engadidas nesta versión web do artigo.


A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (3ª parte)

O panorama enerxético galego nas tres últimas décadas

Unha primeira aproximación á situación enerxética galega podemos obtela no Balance Enerxético de Galicia dos anos 1981, 1982 e 1985,[4] de 2000 a 2011,[5] e da Estatística Enerxética de Galicia de 1992.[6] Evitamos así as limitacións de centrarnos nun momento específico no que certos fluxos se explicasen máis por trazos conxunturais que estruturais; ao ver a evolución nos últimos anos pódense detectar pautas de comportamento que manifestan certa permanencia.

Centrarémonos na enerxía primaria, propia ou importada, é dicir, no conxunto de produtos susceptíbeis de xerar enerxía para o consumo final. Inclúe a enerxía finalmente dispoñíbel e as perdas nos procesos de transformación de enerxía, ademais da utilizada como materia prima pola industria química.

A enerxía primaria transformada en Galiza aumentou un 52% desde 1981 a 2007 centrándose no uso de enerxías fósiles, particularmente petróleo e carbón (Gráfico 1). Nos últimos anos deste período úsase de forma crecente gas natural importado e prodúcese a irrupción do vento como fonte primaria autóctona en auxe, mantendo a enerxía hidráulica un papel fundamental entre as fontes renovábeis autóctonas. Desde 2007 cae bruscamente polo esgotamento dos xacementos de carbón das Pontes e Meirama, non compensado nin con incrementos de importacións nin polo ritmo de nova potencia instalada en enerxías renovábeis. Este é o motivo polo que a enerxía primaria autóctona galega supón en 2011 só un 58% da que había en 1981, malia o esforzo realizado para desenvolver a enerxía eólica[7] ou a hidráulica.

O cru de petróleo e os produtos petrolíferos supoñen ao longo do período entre o 50 e o 60% da enerxía primaria total transformada, o carbón superaba o 30% até o ano 2000 para situarse posteriormente sempre por baixo desa cifra e ir reducindo peso até ser inferior ao 15% a partir de 2008. O gas natural só comeza a ter presenza desde o ano 2000, estando nestes anos entre o 2 e o 4%, mais desde 2008 convértese en complementario do carbón, compensando as importacións desta enerxía a desaparición do carbón autóctono.[8] En definitiva, son as enerxías non renovábeis as que caracterizan o sector enerxético galego nas últimas décadas, superando o 90% do total nos anos oitenta e noventa, e nos anos seguintes máis do 80%, salvo en 2010 (79%). Estas fontes, ademais, son maioritariamente importadas, e desde 2008 impórtanse na súa totalidade.

Debido á composición da enerxía primaria utilizada, as perdas producidas pola súa súa transformación en enerxía dispoñíbel (en forma de derivados do petróleo, calor ou electricidade) son elevadas, entre o 25 e o 30% do total transformado até 2007; desde 2008 sitúase por baixo do 25% e nos últimos anos próximo ao 17%, cambio que se explica polas mudanzas motivadas polo esgotamento do carbón autóctono. Compre salientar que as perdas até 2007 superaban o total da enerxía primaria de orixe galega e, desde aquela, están próximas a ese total. Esta situación, xunto coas perdas derivadas do transporte de enerxía dispoñíbel, son ilustrativas da enorme ineficiencia do propio sistema enerxético galego que se manifesta en gran parte en forma de polución atmosférica.[9]

As características do padrón enerxético galego son, polo tanto, a non renovabilidade, a dependencia do exterior e a súa capacidade de polución.

Gráfico 2: Evolución da enerxía primaria segundo a súa orixe. Galiza, 1981-2011 (ktep). Fonte: Elaboración propia a partir de datos da Consellería de Industria e Enerxía (1984), da Consellería de Industria, Comercio e Turismo (1988), de GESTENGA (1993) e do INEGA (2001, 2003 a, 2003b, 2004, 2006, 2007, 2008, 2010a, 2010b, 2011, 2012 e 2013).

Gráfico 2: Evolución da enerxía primaria segundo a súa orixe. Galiza, 1981-2011 (ktep). Fonte: Elaboración propia a partir de datos da Consellería de Industria e Enerxía (1984), da Consellería de Industria, Comercio e Turismo (1988), de GESTENGA (1993) e do INEGA (2001, 2003 a, 2003b, 2004, 2006, 2007, 2008, 2010a, 2010b, 2011, 2012 e 2013).

O maior uso de enerxía primaria foi posíbel en Galiza grazas ao incremento da enerxía importada que do ano 1981 a 2011 aumenta un 79% mentres que os recursos primarios propios redúcense nun 42% (Gráfico 2). Esta diminución na enerxía primaria autóctona debeuse, como indicamos, á continua caída na extracción das minas de lignito unha vez que a taxa de retorno enerxético foi descendendo. Se os recursos primarios galegos non se reduciron máis foi porque a perda de peso do carbón foi compensada parcialmente por unha maior explotación dos recursos renovábeis propios, que aumentaron un 303%, pasando de representar un 14% da enerxía primaria galega en 1981 a un 56% en 2006, e o 100% en 2011. A relación entre importacións e recursos propios foi empeorando case de forma ininterrompida, e se en 1981 as importacións representaban 1,50 veces o peso da enerxía primaria galega, en 2011 xa eran 4,43 veces. En definitiva, o esforzo realizado nas últimas décadas por desenvolver a explotación das fontes enerxéticas renovábeis en Galiza non compensou o esgotamento do carbón autóctono nin os incrementos na demanda de enerxía primaria, de modo que a dependencia enerxética galega, lonxe de diminuír, acrecentouse.

Táboa 1. Enerxía final dispoñíbel por destinos. Galiza, 1981-2006 (ktep)

Táboa 1. Enerxía final dispoñíbel por destinos. Galiza, 1981-2006 (ktep). Fonte: Ibidem.

Gráfico 3: Enerxía final dispoñíbel por destinos. Galiza, 1981-2006 (ktep).

Gráfico 3: Enerxía final dispoñíbel por destinos. Galiza, 1981-2006 (ktep). Fonte: Ibidem.

Como vemos na Táboa 1 e no Gráfico 3, entre 1981 e 2011 o consumo de enerxía en Galiza aumentou un 136%, e un 35,7% no período 2000-2011: o maior incremento deuse no consumo de calor, 847%, seguido da electricidade, 154%, e os produtos petrolíferos; 33% –na última década estes valores foron, respectivamente, 46%, 38% e 20%–. Esta desmedida elevación da demanda interna implicou un estancamento no volume de exportacións de enerxía, de modo que desde 1981 se reduce lixeiramente, o 4,5%, o que debemos considerar como unha situación de grande estabilidade. Desde 2000, as exportacións de enerxía aumentan un 40,9% Fonte: Ibídem.

Táboa 2: Exportacións de enerxía final dispoñíbel por tipo de enerxía. Galiza, 1981-2011 (ktep).

Táboa 2: Exportacións de enerxía final dispoñíbel por tipo de enerxía. Galiza, 1981-2011 (ktep). Fonte: Ibidem.

Gráfico 4: Exportacións de enerxía final dispoñíbel por tipo de enerxía. Galiza, 1981-2006 (ktep).

Gráfico 4: Exportacións de enerxía final dispoñíbel por tipo de enerxía. Galiza, 1981-2006 (ktep). Fonte: Ibidem.

Con todo, é necesario destacar que nas exportacións hai un comportamento desigual da electricidade e dos produtos petrolíferos, así como unha disparidade entre o acontecido antes e despois de 2000 (Gráfico 4). De 1981 a 2006 as exportacións enerxéticas sofren un estancamento debido sobre todo a unha dinámica errática até 2000 dos produtos petrolíferos, mentres que a electricidade mantén unha maior estabilidade. Durante o período asegurouse unha exportación media de electricidade de 947 ktep anuais e de 2.325 kteps de produtos petrolíferos.

Por tanto, o aumento no uso de enerxía primaria nun 29% desde 1981 serviu para cubrir o considerábel aumento do consumo interno da Galiza ao tempo que permitiu manter o volume de exportacións. Este último aspecto non é nada desprezábel porque permite que o sistema enerxético galego siga a cumprir un papel chave como fornecedor de enerxía á economía española. O sector eléctrico serve para ilustrar esta cuestión. En 2011, Galiza dispoñía do 10,5% da potencia eléctrica instalada no Estado español, aínda máis elevada se atendemos a determinados aproveitamentos: 16,4% grande hidráulica, 15,9% centrais térmicas de carbón, 15,8% potencia eólica, 24,7% hidráulica de reducido formato. A xeración eléctrica en Galiza é igualmente relevante, pois representa o 9,5% da xeración eléctrica española, o 16,3% da obtida con fontes renovábeis en todo o Estado e o 19,4% da xerada con carbón.

A nivel enerxético, pois, a economía galega é máis extravertida pola extremada elevación das importacións e o mantemento da capacidade exportadora. A isto contribuíu o aumento do consumo enerxético doméstico, unha extensión no uso do transporte privado por estrada, tanto de mercadorías como de persoas e, sobre todo, o asentamento e permanencia nas últimas décadas dunha industria moi intensiva no uso de enerxía.

(Continúa na 4ª parte.)

Notas


4.^ Consellería de Industria e Enerxía, 1984 e Consellería de Industria, Comercio e Turismo, 1988.

5.^ INEGA, 2001, 2003 a, 2003b, 2004, 2006, 2007, 2008, 2010a, 2010b,, 2011, 2012 e 2013.

6.^ GESTENGA, 1993.

7.^ Un estudo polo miúdo do desenvolvemento eólico en Galiza podemos consúltalo en
Regueiro (2011).

8.^ A mediados de 1998 púxose en servizo o gasoduto troncal Braga-Tui-Vilalba, e nese ano e o seguinte diferentes ramais do mesmo. Finalmente entrou en servizo o tramo Vilalba-Oviedo, quedando alimentado o sistema galego por dúas vías: unha atravesando Portugal até Tui, e outra desde Almendralejo a Oviedo, e de aquí a Ribadeo. Do gasoduto principal saen catro derivacións en alta presión a 80 bar –ramais a Ourense, Ferrol, A Coruña e Curtis– e outros en alta presión a 16 bar que alimentan as redes das localidades próximas a eses gasodutos principais e a Lugo, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela. En 1999 promóvese a construción en Mugardos dunha controvertida planta de recepción, almacenamento e gasificación de gas natural licuado con participación pública co fin de atender desde Galiza o consumo do cuadrante noroeste da Península Ibérica. Como socios participan a Xunta de Galicia, cun 10% do capital, ENDESA e Unión-Fenosa cun 21% cada unha, Grupo Tojeiro 18%, Caixa Galicia e Sonatrach 10% cada unha e Banco Pastor e Caixanova con cadanseu 5%.

9.^ Á que se suma a polución atmosférica que se deriva do uso da enerxía final, na combustión, por exemplo, dos derivados do petróleo nos vehículos de transporte e nos sistemas de calefacción.

2 thoughts on “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (III: O panorama enerxético galego nas tres últimas décadas). Por Xoán Doldán

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *