A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (IV: Caracterización do modelo enerxético galego). Por Xoán Doldán

Continuación de «A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza», de Xoán R. Doldán, texto incluído no libro Ecoloxía Política: Olladas desde Galicia (oBenComún, 2015). Partes anteriormente publicadas:

  1. Antecedentes históricos: as bases do modelo enerxético galego
  2. O camiño da dependencia enerxética e da expansión eólica
  3. O panorama enerxético galego nas tres últimas décadas

NOTA: As grosas foron engadidas sobre o texto orixinal do autor, para esta versión online.


A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (4ª parte)

Caracterización do modelo enerxético galego

Á luz do que acabamos de ver, o sector enerxético galego pode ser cualificado como un auténtico devorador de enerxía de alta entropía, onde as crecentes importacións de enerxía primaria fortaleceron o carácter non renovábel da base enerxética. Os procesos de transformación para a obtención de enerxía dispoñíbel (electricidade, combustíbeis líquidos, calor, etcétera) causan unha elevada disipación enerxética e, en consecuencia, xeran unha elevada polución atmosférica e unha ameaza ambiental constante por mor de posíbeis accidentes. Son tristemente coñecidas as fatais consecuencias das múltiples mareas negras sufridas no litoral galego, ao que habería que sumar múltiples episodios de fugas de combustíbel máis ou menos intencionadas. Por outra parte, aínda que até agora non se teña dado, non se pode descartar a posibilidade dun accidente dun buque de transporte de gas. Accidentes menores ten habido tamén na refinaría da Coruña, mais é especialmente preocupante o dano potencial que podería derivarse dun accidente maior nesta planta, hoxe case integrada no tramado urbano coruñés, ou da planta gasificadora de Mugardos nunha zona densamente poboada.

Outro aspecto a destacar é o carácter cada vez máis extravertido e dependente do modelo enerxético actual. Non resulta unha esaxeración cualificar o sector enerxético galego como de enclave. Talvez isto non sucedía até os anos corenta ou cincuenta do pasado século, mais foi gañando nesa orientación exterior nas décadas posteriores. Como vimos, hoxe, malia utilizar un volume importante de recursos propios, a capacidade de transformación enerxética está movida por importacións crecentes de enerxía primaria para exportar enerxía transformada. Este carácter non desapareceu polo avance na instalación acelerada de parques eólicos ou o aumento de potencia de saltos hidroeléctricos que apenas serviron para manter a capacidade exportadora do sector. Pola contra, a substitución de carbón autóctono por carbón importado, os novos ciclos combinados que necesitan importar gas natural e, en moita menor medida, a importación de materia prima para a obtención de agro-combustíbeis, agravan a natureza de enclave do sector. Ironicamente esta capacidade de exportación enerxética mantida ao longo de máis de medio século acabou por configurar no imaxinario colectivo a idea de que Galiza gozaba e goza de excedente enerxético e que isto permitiría unha autonomía enerxética plena sen alterar a nosa demanda e consumo enerxéticos. En nada semella alterar esta imaxe o feito de termos esgotado a principal fonte enerxética desde os anos oitenta: o carbón. Como moito, faise fincapé na ausencia de control sobre os recursos enerxéticos galegos, que habería que modificar para garantir unha soberanía plena, ou insístese na inxustiza dun sistema de prezos que non dá vantaxes ao pobo galego quen, pola contra, debe sufrir todos os inconvenientes dos centros de transformación enerxética, así
como das redes de transporte e distribución e outras cargas ambientais.[10] Esta visión autocompracente tan estendida en Galiza peca, ademais, de irresponsábel, pois afasta a posibilidade dunha
alternativa real ao actual modelo enerxético e perpetúa a dinámica de desenvolvemento baseado no incremento da oferta enerxética e unha desidia nas políticas de descenso do consumo enerxético.
Por veces, aínda continúa a defenderse a necesidade de atraer actividades altamente consumidoras de enerxía co argumento dun suposto excedente enerxético, ou pedir unha política de tarifas diferenciada para Galiza non só como compensación polos danos ambientais e sociais ou polo nefasto subministro eléctrico,[11] senón
como efecto reclamo para que estas empresas consumidoras se instalen no noso país.

(Continúa na 5ª e derradeira parte.)

Central térmica d'As Pontes. FOTO: Martiño Picallo

Central térmica d’As Pontes. FOTO: Martiño Picallo

Notas


10.^ Asolagamento de vales, movementos de terras, desprazamentos de poboacións, perdas
de terra cultivábel, modificacións de hábitats, deterioración paisaxística, contaminación
atmosférica…

11.^ En Zotes et al. (2005) faise unha análise sobre diversos factores que favorecen as diferenzas entre territorios produtores de enerxía.

Unha reflexión sobre “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (IV: Caracterización do modelo enerxético galego). Por Xoán Doldán

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.