A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (e V: Por un novo modelo enerxético para Galiza). Por Xoán Doldán

Capa do libro 'Ecoloxía política. Olladas desde Galicia'Parte final do texto «A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza», de Xoán R. Doldán, publicado no libro Ecoloxía Política: Olladas desde Galicia (oBenComún, 2015). Fragmentos anteriores:

  1. Antecedentes históricos: as bases do modelo enerxético galego
  2. O camiño da dependencia enerxética e da expansión eólica
  3. O panorama enerxético galego nas tres últimas décadas
  4. Caracterización do modelo enerxético galego

NOTA: As grosas e algunhas ligazóns foron engadidas sobre o texto orixinal do autor, para esta versión online.

Tamén se pode descargar unha versión en PDF do artigo completo.


A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (5ª e derradeira parte)

Por un novo modelo enerxético para Galiza [12]

O mundo asiste insuficientemente informado ao comezo dunha nova era enerxética. O teito de extracción do petróleo só anticipa outros teitos de extracción próximos do gas natural e, posteriormente, do carbón.[13] Isto significa que, en poucas décadas, máis do 90% da base enerxética actual non estará en condicións de provernos de enerxía barata en cantidades crecentes, facendo impracticábel unha economía propia do capitalismo baseada no crecemento continuo da produción e mais do consumo. Antes asistiremos a esta escaseza nos combustíbeis líquidos cos que se alimenta, aproximadamente, o 95% do sistema de transporte actual, ese que fixo posíbel unha economía cada vez máis complexa, a deslocalización da produción e o fluxo continuo de materias primas e produtos por todo o planeta, é dicir, iso que denominamos capitalismo globalizado.

Esta mesma base enerxética atopámola en Galiza, co agravante de que esa enerxía fósil procede na súa totalidade da importación. Como manter unha máquina de transformación enerxética como a galega sen esa afluencia continua de enerxía primaria non renovábel? É imposíbel. Os únicos recursos enerxéticos verdadeiramente autóctonos son os renovábeis, os únicos que permitirían construír unha alternativa enerxética menos dependente, os únicos que nos levarían a camiñar cara a un fornecemento enerxético sustentábel. Ora ben, que a solución pase polos recursos renovábeis non significa que a solución só estea en avanzar no uso destes recursos. Con menor disposición de recursos importados e, consecuentemente, con recursos importados máis caros, manter inalterado o actual consumo interno galego obrigaría a multiplicar varias veces a produción enerxética galega. Isto é inabordábel no curto ou medio prazo, e mesmo non é aconsellábel. Até onde poderíamos chegar na produción eólica ou hidráulica actual? Canto máis sería necesario se o consumo enerxético seguise aumentando?

Cómpre, por outra parte, considerar varias cuestións. Primeiro, no curto e medio prazo é inviábel unha alternativa real aos combustíbeis fósiles para o transporte, é dicir existe certo grao estrutural de dependencia enerxética imposíbel de combater. Segundo, centrarse na demanda eléctrica por ser máis flexíbel a acción das renovábeis, e cunha demanda estábel, obrigaría a superar o dobre da produción actual, é dicir, obrigaría en poucos anos a facer un esforzo equivalente como mínimo ao esforzo realizado desde finais do século XIX até hoxe en termos de capacidade produtiva. Terceiro, manter o grao de autoabastecemento eléctrico actual con renovábeis pasa por un control da demanda, xa que é imposíbel acompasar os crecementos na demanda con crecementos na oferta enerxética. Por último, reducir a dependencia enerxética galega é incompatíbel con manter a capacidade exportadora de enerxía.

De acordo con estes parámetros, cabería dicir que un novo modelo enerxético para Galiza é urxente, mesmo cando o tránsito será accidentado e a un ritmo necesariamente lento para facelo coa calma que sería necesario e inelutabelmente rápido pola forza dos acontecementos que son previsíbeis. Este modelo debería vir impulsado por unha transformación profunda das relacións sociais e económicas, en vistas a favorecer unha menor mobilidade de persoas e materiais para reducir o consumo de combustíbeis líquidos, que é o punto máis feble da nosa dependencia actual. Isto pasaría por economías máis locais que traballen con recursos propios para mercados tamén máis locais, algo especialmente importante no caso da alimentación. Ademais, é imprescindíbel un cambio institucional radical, coa construción de novas institucións e a presión sobre as existentes para cambiar o ordenamento xurídico, de modo que non sexan prioritarios os intereses privativos dos grandes conglomerados empresariais e si os intereses sociais á hora de explotar os recursos enerxéticos existentes, dado o seu carácter estratéxico cada vez maior. Estes recursos deberían ser utilizados para promover unha nova economía que resolva as necesidades específicas da poboación galega, acompañado dunha democratización no acceso á enerxía: familias, aldeas, comunidades de veciños, explotacións agrarias, etcétera, deberían avanzar na súa capacidade de abastecemento enerxético propio a partir de enerxías renovábeis que, polo seu carácter disperso, poderían ser accesíbeis en calquera lugar.

Polo mesmo, esta explotación debería dirixirse non a obtención de beneficios mercantís, senón á procurar solucións de carestía enerxética. Isto significaría, entre outras cousas, pór fin ás políticas de desenvolvemento enerxético para a exportación. Sería imprescindíbel, ademais, avanzar en estratexias de cubrir necesidades mediante o acceso aos servizos que satisfán os bens e non no acceso á propiedade dos bens, para reducir a demanda de materiais e a enerxía necesaria para a súa extracción, transformación, distribución e consumo. O control da demanda enerxética, en todas as súas formas, debería ser, ademais, o elemento central con políticas ambiciosas e contundentes para conseguir reducir de forma drástica as formas máis estragadoras de enerxía. Non menos necesarias serán as iniciativas para fortalecer vínculos sociais e veciñais, con ou sen participación das Administracións locais, aumentando a resiliencia de familias, barrios e aldeas, para dar resposta a necesidades individuais con solucións pensadas desde e para a comunidade, aumentando a eficiencia e o aforro enerxético simultaneamente sen que se teña que producir o temido efecto rebote.[14] Con estas bases sería posíbel procurar unha verdadeira soberanía enerxética onde teña lugar a xustiza social e o respecto pola natureza.

Notas


12.^ En Doldán (ed.) (2013) amplíanse propostas na dirección do que se explica neste epígrafe.

13.^ Aínda que existen xa moitos estudos sobre o tema, recomendo especialmente Heinberg (2006) e Holmgren (2009).

14.^ O efecto rebote ou efecto Jevons, é aquel no que unha mellora da eficiencia enerxética acaba por xerar un aumento do consumo enerxético, ao reducir o custe de produción do ben ou servizo en cuestión e, consecuentemente, aumenta o uso ou demanda do mesmo. Este efecto vai asociado, sobre todo, a un modelo económico e social no que o uso dun servizo tende a facerse de forma individualizada ou implica a compra dun ben que se utiliza en réxime privativo.

Bibliografía

  • DOLDÁN GARCÍA, X.R. (2010): «Enerxía». Galicia. Economía. Tomo LXI: Os sectores e actividades produtivas, p.100-145. A Coruña: Hércules de Edicións.
  • DOLDÁN GARCÍA, X.R. (ed.) (2013): Guía para o descenso enerxético. Santiago de Compostela: Asociación Véspera de Nada.
  • GARCÍA ALONSO, J.M. e IRANZO MARTÍN, J.E. (1988): La energía en la economía mundial y en España. Madrid: Editorial AC
  • GESTENGA (1993): Estatística Enerxética de Galicia, 1992. Santiago de Compostela: Gestenga-Consellería de Innovación, Industria e Comercio.
  • HEINBERG, R. (2006): Se acabó la fiesta. Guerra y colapso económico en el umbral del fin de la era del petróleo. Benasque: Barrabes Editorial.
  • HOLMGREN, D. (2009): Future Scenarios. How Communities Can Adapt to Peak Oil and Climate Change. Vermont, EUA: Chelsea Green Publishing, White River Junction. Existe unha versión en liña en http://www.futurescenarios.org
  • INEGA (2001): Balance enerxético de Galicia 2000. Santiago de Compostela: Inega-Consellería de Innovación, Industria e Comercio.
  • — (2003a): Balance enerxético de Galicia 2001. Santiago de Compostela: Inega-Consellería de Innovación, Industria e Comercio.
  • — (2003b): Balance enerxético de Galicia 2002. Santiago de Compostela: Inega-Consellería de Innovación, Industria e Comercio.
  • — (2004): Balance enerxético de Galicia 2003. Santiago de Compostela: Inega-Consellería de Innovación, Industria e Comercio.
  • — (2006): Balance enerxético de Galicia 2004. Santiago de Compostela: Inega-Consellería de Innovación e Industria.
  • — (2007): Balance enerxético de Galicia 2005. Santiago de Compostela: Inega-Consellería de Innovación e Industria.
  • — (2008): Balance enerxético de Galicia 2006. Santiago de Compostela: Inega-Consellería de Innovación e Industria.
  • — (2010a): Balance enerxético de Galicia 2007. Santiago de Compostela: Inega-Consellería de Economía e Industria.
  • — (2010b): Balance enerxético de Galicia 2008. Santiago de Compostela: Inega-Consellería de Economía e Industria.
  • — (2011): Balance enerxético de Galicia 2009. Santiago de Compostela: Inega-Consellería de Economía e Industria.
  • — (2012): Balance enerxético de Galicia 2010. Santiago de Compostela: Inega-Consellería de Economía e Industria.
  • — (2013): Balance enerxético de Galicia 2011. Santiago de Compostela: Inega- Consellería de Economía e Industria.
  • NAREDO, J.M. (2006): Raíces económicas del deterioro ecológico y social. Más allá de los dogmas. Madrid: Siglo XXI.
  • REGUEIRO FERREIRA, R.M. (2006): A propiedade do vento galego. Ames, A Coruña: Edicións Laiovento.
  • XUNTA DE GALICIA (1995): Plan enerxético de Galicia. Santiago de Compostela.
  • ZOTES TARRIO, Y.N., DOLDÁN GARCÍA X.R. e CHAS AMIL M.L. (2005): «Las desigualdades existentes entre los territorios productores de energía eléctrica y los no productores: análisis de varios factores que potencian las diferencias interterritoriales». VII Congreso Nacional de Economía. A Coruña.

2 reflexións sobre “A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza (e V: Por un novo modelo enerxético para Galiza). Por Xoán Doldán

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.