Algunhas achegas a prol do afortalamento das explotacións leiteiras galegas perante o Teito do Petróleo (2009)

Dado o agravamento da situación do sector leiteiro no noso país e as mobilizacións sociais, sindicais e políticas de resposta, consideramos que é útil publicar un documento que elaborou en 2009 a nosa asociación e que fora trasmitido ao SLG. Agora facémosllo chegar a toda a sociedade galega para achegar a perspectiva enerxética ao debate sobre o futuro da gandeiría do leite en Galiza:

NOTA: Foron engadidas algunhas referencias novas ao final do documento, así como algunha nova ligazón para ampliar información.


Algunhas achegas a prol do afortalamento das explotacións leiteiras galegas perante o Teito do Petróleo

Obxectivo

Perante o convite realizado o 28/08/2009 polo SLG a outras organizacións galegas para achegaren as súas opinións e propostas acerca da Política Leiteira, a asociación Véspera de Nada por unha Galiza sen Petróleo, quere facerlle chegar as seguintes

Ideas

Tomaremos como punto de partida das nosas achegas un comentario expresado por María Martínez, membro do SLG e que traballa nunha granxa leiteira familiar en Forcarei, en declaracións publicadas por A Nosa Terra (nº de 23-29 de Xullo), e que na nosa opinión ilustra moi claramente onde se pode incidir para facer o sector máis resistente fronte as duras condicións que se lle impoñen desde fóra:

A produtora admite que a súa situación non é das peores, pois as súas 40 vacas pacen nas [l]eiras e así pode aforrar en pensos. “Unha sorte, porque os que teñen granxas estabuladas teñen que pechar”.

Precisamente o que a nosa asociación pode modestamente achegar ao momento actual do sector son algunhas ideas que parte dunhas constatacións, de seguro xa coñecidas por moitos gandeiros e gandeiras, pero que cremos é o noso deber salientar de novo:

  • Á loita por unhas mellores condicións no mercado do leite (loita política e estratexias comerciais) é convinte unir en paralelo unha loita pola redución de custos e a procura da sustentabilidade. O que queremos ao final é que as explotacións sobrevivan e que os seus traballadores poidan ter unha vida no rural. E nese terreo hai moito que se pode facer e que está na man dos propios gandeiros e gandeiras.
  • A crise actual non é só económica: hai un decisivo e agachado trasfondo enerxético. Achámonos nun contexto de escaseza enerxética irreversible (declive enerxético), marcado polo chamado Teito do Petróleo. Este contexto socioeconómico que comezou no verán de 2008, marcará o futuro de todos os sectores nas vindeiras décadas, en todos os países. Os países que con máis decisión e anticipación se adapten a el, serán os que teñan máis posibilidades de éxito na supervivencia dos seus sectores produtivos. Reducir custos e procurar a sustentabilidade pasa, neste contexto, por incidir nuns factores moi concretos:
    • Maior autosuficiencia.
    • Menor consumo enerxético.
    • Menor dependencia de subministros directa (gasóleo) ou indirectamente (pensos) dependentes do petróleo.
    • Diversificación de fontes de ingresos dentro nunha economía ecolóxica (sustentable).
    • Re-localización.

Para organizar as nosas achegas, malia seren todas parte dunha estratexia necesariamente global, ímolas clasificar atentendo ás diversas facianas do problema (diversas materializacións dun mesmo problema de dependencia dun sistema baseado na enerxía barata que está chegando á súa fin):

Problema Proposta
Débedas (créditos) nun momento de turbulencia financeira e posible colapso do sistema bancario a medio prazo (debido á fin do crecemento económico). Que as explotacións poñan en marcha todas as medidas ao seu alcance para cancelar esas débedas, mesmo vendendo parte dos seus activos (redución das explotacións). Esta redución pode resultar dura de prantexar pero é coherente cunha economía en forzoso decrecemento.

Redución das necesidades de crédito ao mínimo, mediante o aforro enerxético, en pensos e noutros insumos.

Traspaso dos créditos a entidades de crédito alternativas: Fiare, Coop57, Triodos, etc. Considerar mesmo a creación de cooperativas de crédito específicas para o sector.

Gastos superiores a ingresos. Mentres se loita por manter ou mellorar os ingresos, reducir os custos mediante: modificación do sistema de alimentación (pastos e outros, fronte a pensos), aforro enerxético (mellorar a eficiencia enerxética e substituír máquinas que usen combustible por tracción animal e labor humano), substitución de produtos químicos (limpeza, fitosanitarios, etc.) por produtos naturais cultivables na propia explotación (viraxe cara a un modelo de gandeiría orgánica)… Estudo de especies de pasto que permiten a alimentación durante todo o ano, sen necesidade de recoller e gardar en seco. Estudo de rotacións óptimas de cultivos para alimentacion do gando. Estudo de especies de pasto con maior achega de nutrintes (alimentar mellor, con menos). Alternativa dos bancos de terras para os que non posúan suficiente extensión. Recuperación do pastoreo fronte ao estabulamento.

Obter outras fontes de ingresos: enerxía excedente (puríns para producir biogás, p.ex.), fertilizante orgánico, diversificación de produtos (non depender unicamente do leite)… Aproveitamento enerxético dos residuos e subprodutos da explotación: convertir o lixo en ingresos. Máxima reciclaxe dentro da propia explotación.

Aplicación de métodos de optimización de enerxía e materiais (técnicas de Permacultura ou de Economía Ecolóxica, p.ex.).

Compartir gastos mediante cooperativas, etc.

Buscar a comercialización directa e local dos produtos.

Dependencia dun único produto e un único cliente. Desandar o camiño sen saída da especialización (vivir dun único produto). Diversificar a produción e así, a clientela: en paralelo á redución (ou non) da dimensión leiteira da explotación, poñer en marcha actividades paralelas compatibles: horta, silvicultura, produción enerxética, etc.

Referencia de interese: Melisanto http://www.melisanto.es/melisanto/site/servicios_secci%C3%B3n_huerta/3393/secci%C3%B3n_huerta.aspx

Para concretar estas ideas en maneiras que fagan o sector máis forte e reduzan a súa dependencia dunhas condicións políticas e comerciais impostas desde arriba e sobre as que existe unha reducida marxe de presión, aconsellamos analizar casos de evolución de explotacións pioneiras nesta transformación en Galiza e outras semellantes noutros lugares do mundo así como realizar estudos en explotacións-tipo da man de especialistas, nomeadamente dos campos da Economía Ecolóxica e da Permacultura. Estes poderían realizar cálculos económicos reais e de fluxos de materiais e enerxía precisos e achegar posibilidades cuantificadas e realistas destas ideas aquí apenas bosquexadas. Só este tipo de especialistas teñen en conta o contexto de escaseza enerxética mencionado e polo tanto son os únicos que podemos esperar nos aconsellen acerca dunha sustentabilidade auténtica.

Ningunha destas suxestións pode supoñer unha solución completa para o sector, pero si que coidamos que poden contribuír a facer máis sustentables moitas das explotacións que o compoñen, aínda que cunha necesaria reconversión. Esta sempre será mellor se a fai voluntaria e conscientemente o sector, mantendo o máximo dos seus intereses, que se se vé obrigado a ela baixo uns parámetros e condicións impostos desde Madrid ou Bruxelas.

Agardamos ter contribuído con estas pequenas ideas a alumear un pouco os camiños de futuro do sector.

Referencias

Pódense atopar máis informacións e ideas de interese en:

Casdeiro

Ilustración: Casdeiro

Descargar documento orixinal (2009) en PDF: Algunhas achegas a prol do afortalamento das explotacións leiteiras galegas perante o Teito do Petróleo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *