Este ensaio, escrito por Manuel Casal Lodeiro, aborda o aspecto político da transición urxente a un mundo pospetróleo. Cun enfoque especial nas forzas políticas galegas, pero ollando tamén a outros ámbitos achegados onde teñen xordido ultimamente esperanzas dunha mudanza política (Podemos, Syriza), Casdeiro repasa os atrancos da esquerda para asumir a situación de choque civilizatorio contra os límites biofísicos do planeta e cómo fica descolocada perante a perda de referentes sagrados como o protagonismo da clase obreira ou o mito no progreso material imparable da Humanidade.
Este ensaio tamén olla para algunhas das propostas máis interesantes que dentro da esquerda xordiron cunha perspectiva máis coherente da situación de colapso: o Decrecemento, o Ecofeminismo, a Revolución Integral… e tenta debuxar os posibles escenarios estratéxicos cos de debería xogar unha esquerda consciente do rumo de colapso civilizatorio. Un libro imprescindible para as persoas que militan en organizacións de esquerda, mais tamén para todas aquelas que depositan o seu apoio e esperanza de cambio forzas de esquerda novas ou tradicionais, e mesmo para as que, desde posicións libertarias, optan por construíren a nova civilización poscapitalista desde abaixo e contra o Estado. En palabras da súa prologuista, Teresa Moure, é este un libro “provocador”, “didático” e “ameno” que procura facer “acordar as consciências dormidas” para abrir un debate urxentemente necesario.
A publicación do libro está sendo financiado mediante un sistema de precompra, no que xa se superou o 100% dos custos da tiraxe inicial prevista. Durante os vindeiros días (ata o libro entrar en imprenta) aínda aceptaremos máis pedidos a prezo especial, o cal servirá para aumentar a tiraxe. Posteriormente, unha vez sexa enviado ás persoas que o compraron antecipamente e ás librarías que participaron tamén no financiamento, estará dispoñible nelas para a venda ao prezo de 18 euros.
Ata entón, están sendo presentados xa algúns fragmentos da obra, o seu índice, anexos, citas e reseñas, no web Esquerda.Colapso.info.
2 reflexións sobre “«A esquerda ante o colapso da civilización industrial», o novo libro publicado por Véspera de Nada”